Unha muller arbitra por primeira vez un partido de Terceira en Galicia

Ana Zardain © ellastambienjuegan.wordpress.com

A catalá Ana Zardaín pita este domingo o encontro entre o Celta B e As Pontes, en virtude do intercambio de colexiados entre os comités galego e catalán, unha experiencia pioneira que busca motivar a aqueles que, por idade, non poden aspirar a subir de categoría. Converterase deste xeito na primeira muller que dirixirá un partido de fútbol da Terceira División en Galicia. 

"Non me acaba de gustar que a noticia sexa que vaia unha muller, e non o intercambio en si"

Zardaín, de 34 anos, practicou otras modalidades deportivas coma a natación ou o atletismo, pero acabou decantándose polo fútbol, primeiro como xogadora e despois como árbitro. Nunha entrevista que publica o blog Ellastambienjuegan afirma que "non me acaba de gustar que a noticia sexa que vaia unha muller, e non o intercambio en si. Enténdoo, pero se tentas normalizar o tema e que sexamos todos compañeiros debería dar igual que fose home ou muller".

O principal motivo da falta de árbitras é a desinformación: "o regulamento non prohíbe que poida pitar unha muller en categoría masculina"

Na actualidade hai unhas cinco árbitras en Terceira e son internacionais. Tamén hai entre cinco e seis asistentes en 2ª División B. Logo está o caso de María Luisa Villa, asistente, que chegou a Primeira División, pero non chegou a debutar ao non superar unhas pruebas físicas. E o de Carolina Doménech Ceballos, que xa se retirou, e que chegou a arbitrar en 2ª División B. En Catalunya hai só un 2% de árbitros mulleres. Para Ana Zardaín hai varios motivos que explican isto comezando polas probas físicas, "son as mesmas que para os rapaces, e iso condiciónanos á hora de ascender. Non es a mellor e quedas por detrás. Dás os mínimos, pero non chegas aos máximos". Pero cre que o principal motivo é a desinformación: "o regulamento non prohíbe que poida pitar unha muller en categoría masculina. Aínda así, cando unha rapaza comeza pregunta se pode chegar a Primeira División, cando comeza un neno pregunta canto pode tardar en chegar a Primeira División".

Ana Zardain © ellastambienjuegan.wordpress.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.