"A ligazón con Irlanda tamén ten moito que ver co éxito do fútbol gaélico en Galicia"

Carlos Seco, seleccionador galego de fútbol gaélico © Fillos de Breogán

Carlos Seco foi un dos protagonistas do primeiro partido internacional de fútbol gaélico sen xogadores irlandeses. Galicia e Bretaña protagonizaron aquel encontro hai xa máis de dous anos. Fora 24 meses despois da irrupción deste deporte no país, que agora debutará como selección oficial no Mundial da disciplina que se celebrará en Abu Dhabi entre o 5 e o 8 de marzo vindeiros. Coñecedor como poucos deste deporte tras a súa estadía en Irlanda, este coruñés é agora o seleccionador masculino dun equipo que busca financiamento para sufragar os elevados custos do seu desprazamento aos Emiratos Árabes, onde se vivirá a estrea de pleno dereito dun combinado galego deportivo.

Como se sente o seleccionador masculino da primeira selección galega en competición oficial da historia?

É algo que me enche de moito orgullo. Logo de tantos anos loitando por este deporte, o que vimos de conseguir é un soño. Pero ao mesmo tempo tamén é unha responsabilidade moi grande. Hai moita xente con moitas ganas de ir e só podemos levar doce xogadores a Abu Dhabi, polo que vai ter que quedar moita xente fóra da que convocamos para os anteriores partidos. É unha satisfacción, pero tamén unha enorme responsabilidade.

"Ser seleccionador galego éncheme de orgullo pero tamén é unha enorme responsabilidade"

Como chegou vostede ao fútbol gaélico?

Hai moitos anos que coñecía o deporte porque sempre me gustou moito a historia e a cultura de Irlanda e os deportes gaélicos forman parte dela. Sabía da súa existencia e cando marchei vivir a Irlanda púxenme a ver partidos, empecei a animar o equipo da miña zona e ata xoguei nun club e pasei a formar parte da familia do gaélico. Logo fundouse na Coruña o primeiro equipo en Galicia, os Fillos de Breogán, e eu fun parte daquel grupo fundacional. Metinme no barco e aquí sigo.

Cal cre que son as razóns para que o fútbol gaélico prendese tan ben en Galicia?

Creo que hai varias claves para explicar o éxito. A primeira delas é o deporte en si. A inmensa maioría dos que proban o fútbol gaélico quedan porque é unha disciplina que engancha e que gusta moito xogar, tanto a nivel táctico como técnico. E é algo que pasa en todos os lugares onde se implanta. Tamén creo que o aspecto cultural tamén ten moito que ver. A relación, o nexo Galicia-Irlanda sempre foi importante e a xente séntese identificada porque é un deporte de comunidade onde xogan unhas vilas ou localidades contra outras e onde se representa un condado, algo que cadra moi ben coa forma de ser galega. Toda esa mitoloxía galega, Breogán, o feito de que comezase na Coruña ao pé da Torre de Hércules... Creo que ten moito que ver. E logo hai un aspecto fundamental que foi o enorme traballo que se fixo de divulgación e o labor en equipo e de compañeirismo que se fai. O deporte axiña se foi espallando, primeiro pola Estrada e logo polo Grove e todo o mundo axuda en que vaia medrando.

"Hai tres claves no éxito do fútbol gaélico en Galicia: o atractivo do deporte, o nexo entre Galicia e Irlanda e o enorme traballo feito"

Esa represantitividade local de cada vila ou comarca non é tamén un factor clave nun lugar como Galicia?

Si que o é. O deporte comezou nunha cidade coma A Coruña, pero os equipos que foron xurdindo despois apareceron en vilas como Oleiros, A Estrada ou O Grove e non en cidades. O bo do fútbol gaélico é que non tes que ter unha estrutura enorme para contar con xogadores e comezar a xogar. Aquí en Galicia temos moitas vilas e localidades pequenas onde sobra a xente para xogar. Non é como un deporte convencional onde as cidades grandes adoitan ter os mellores equipos. Aquí non pasa iso e é algo que tamén axuda.

"O nivel de Galicia é sorprendente; ter unha liga establecida axúdanos a mellorar"

Non é destacable o nivel de Galicia nun deporte con apenas catro anos de vida?

O nivel de Galicia é sorprendente. Nestes dous últimos anos, a evolución foi moi positiva. No pasado mes de outubro xogamos contra un equipo de irlandeses, non de primeiro nivel pero máis que aceptable, e competimos bastante ben. O feito de que teñamos unha liga xa establecida e con varios equipos fai que aumente o nivel. Aquel partido foi moi positivo para nós e demostramos que tiñamos un nivel decente, pero non podemos pensar que estamos ao máximo, nin moito menos. Dentro das nosas posibilidades e capacidades, a evolución é espectacultar e eu estou moi contento.

Como é o nivel dos rivais cos que se vai atopar Galicia no Mundial?

Apenas teño información deles, así que teremos que facer un labor de investigación. Supoñemos que Arxentina e Suráfrica terán xogadores descendentes de irlandeses emigrados, así que o seu nivel será bo porque, ben seguro, levan máis tempo que nós metidos no deporte. Hai que ter en conta que o primeiro equipo en Galicia fundouse en setembro de 2010, pero durante dous anos non tiñamos case nin rivais, así que realmente levamos dous anos co deporte asentado. Eles tampouco saberán moito de nós e sabemos que con ilusión e sacrificio supérase de todo. Queremos competir, facelo ben e iso é o que intentaremos.

Confía en que a presenza de Galicia no Mundial incremente os apoios ao fútbol gaélico?

Esperemos que así sexa e que o feito de que Galicia por fin poida competir como selección nacional e oficial sirva de pulo para eses apoios. Este non deixa de ser un deporte autofinanciado e levamos gastado moito tempo e moitos cartos nel. A nosa recompensa xa a temos con este torneo, pero agardemos que se una máis xente porque, por desgraza, sen cartos non se pode avanzar. O Mundial é un paso de xigante, pero os custos son moi altos porque é moi lonxe e é unha viaxe complicada. Estamos movéndonos para conseguir financiamento.

"O Mundial é un paso de xigante e a nosa gran recompensa, pero por desgraza, sen cartos non se pode avanzar"

Que lle diría a eses posibles apoios para convencelos?

Que este é un deporte cuns valores moi positivos, un deporte de raíz que se afasta totalmente do mercantilismo. En esencia non ten nada que ver con outros onde os cartos marcan todo e o seu espírito dá outra imaxe que foxe do márketing puro e duro. Ademais, está en auxe e medrando, polo que cremos que é unha boa oportunidade para apoiar e lograr que siga crecendo. Tamén é ideal para os nenos porque é unha porta máis que se lles abre no deporte en Galicia. Por outra banda, tamén lles lembraría que estamos ante un momento histórico xa que seremos a primeira selección galega que compita de forma oficial e nun Mundial e iso debería valorarse. O apoio institucional e das administracións sería importante, pero tamén cremos que é interesante para empresas privadas que teñen aquí unha oportunidade. Hai concellos que xa colaboran con nós e sabemos que ese é un paso fundamental.

É Irlanda o espello para o futuro deste deporte en Galicia?

En Irlanda non hai xogadores profesionais. As grandes estrelas teñen patrocinios, pero en esencia ti xogas para defender a túa comarca ou a túa vila e iso é o que conta. O ídolo de moitos nas fins de semana está o luns no seu traballo xunto aos veciños e non vive afastado da realidade. Vivín tres anos en Irlanda e era impresionante ver como se vivía e o vínculo que tiña cada comunidade co seu club. Galicia nunca chegará a ese nivel, pero sería moi bonito ter algo parecido aquí e que o fútbol gaélico transmita uns valores tan positivos aos máis cativos.

"Estamos ante un momento histórico e isto tamén debería ser valorado polas institucións ou empresas privadas"

O futuro é a xente nova...

É unha moi boa alternativa para os nenos. Fixemos xa cursos en colexios e na Estrada xa teñen activa unha escola de fútbol gaélico que ten moito éxito. Ao fútbol queren xogar todos e moitas veces está saturado e esta é unha nova oportunidade. Ademais, precisamos que o deporte se asente entre os máis pequenos porque nós non imos durar para sempre. Temos a estrutura, pero esta ten que ser recollida polas novas xeracións para que o fútbol gaélico siga medrando.

Carlos Seco, seleccionador galego de fútbol gaélico © Fillos de Breogán

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.