A alcaldesa da Coruña pide "explicacións" ao Estado pola actuación policial en Riazor: "Sobrepasáronse límites"

Recibimento ao bus do Deportivo ás portas do estadio de Riazor © RC Deportivo

A xornada festeira vivida polo deportivismo na Coruña este domingo ante un partido clave polo ascenso viuse deslucida pola actuación policial. Coa cidade engalanada con bandeiras con publicidade do Deportivo e de Estrella Galicia, e cunha Fan Zone impulsada polo club onde se servían cervexas, axentes levaron a cabo controis de alcoholemia que impediron a entrada de varios afeccionados ao estadio de Riazor. 

Varios afeccionados foron expulsados do estadio e ameazados de sanción tras dar 0,03 mg/l ou 0,08 mg/l en controis de alcoholemia inéditos ata este domingo

Con niveis de alcohol en sangue de 0,03 mg/l, 0,16 mg/l ou 0,08 mg/l —que permitirían conducir un vehículo—, os afeccionados foron expedientados con ameaza de sanción de ata 30.000 euros e expulsados do campo. Amparándose na Lei do Deporte, que permite levar a cabo estas accións sen limiar ningún de alcoholemia para a multa, a policía levou a cabo uns controis inéditos ata este pasado domingo no recinto coruñés. 

O subdelegado do Goberno de España en Galicia, Julio Abalde, nunha reunión coa alcaldesa da Coruña, Inés Rey CC-BY-SA Concello da Coruña

Foi nunha bancada, a de Marathon, e nunha das súas portas. No resto do estadio non houbo controis e nos palcos e zonas VIP servíronse comida e bebidas alcohólicas con total normalidade, unha contradición que ergueu aínda máis as queixas de moitos afeccionados. 

Afeccionados tamén lamentaron a actuación da policía no recibimento ao Deportivo

Só unhas horas antes, e á chegada do bus do Deportivo ao estadio, a actitude da policía xa fora criticada por moitos afeccionados, que reprocharon a súa teimuda insistencia en afastar xente, a intromisión dos furgóns no camiño ou que varios dos axentes cargasen bolas de goma e sacasen as porras ante a proximidade dos seareiros, entre os que había moitos menores. Pouco despois, tamén incautaron dous bombos de animación no fondo de Marathon. 

Inés Rey pide explicacións ao Goberno de España tras "sobrepasarse certos límites que non atendían a ningunha necesidade real de garantir a seguridade"

Todas estas circunstancias, relatadas por multitude de afeccionados indignados, non pasaron desapercibidas para o Concello. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, enviou unha carta ao subdelegado do Goberno de España, Julio Abalde, para "exixirlle explicacións" polo dispositivo de seguridade dun encontro que, lembra, "non fora declarado de alto risco por ningunha institución". 

A rexedora asegura que ela mesmo puido comprobar "con profunda tristeza e grande enfado, que se sobrepasaron certos límites que non atendían a ningunha necesidade real de garantir a seguridade das 30.000 persoas que acudiron a Riazor". 

'Fan Zone' deportivista ao carón do estadio de Riazor CC-BY-SA RC Deportivo

"Accións como as levadas a cabo pola policía nacional durante o recibimento puideron mesmo causar un problema real e moi desagradable", insiste Rey, que cre que estas "non están xustificadas", ao igual que "os rexistros e a incautación de material de animación dentro do estadio, ou os controis aleatorios que se levaron a cabo". 

"Comportamento exemplar"

Por todo isto, Inés Rey pide a Abalde que "transmita" o seu "malestar a quen considere oportuno e que non se repitan feitos tan lamentables no que queda de temporada". "O comportamento da cidadanía e do deportivismo foi exemplar antes, durante e despois do encontro", di a alcaldesa, que se ofreceu ao Executivo central para "coordinar calquera tipo de dispositivo que sexa necesario poñer en marcha co fin de que cumpran o obxectivo para o que son deseñados: garantir a seguridade de todas as persoas". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.