Hai agora dous anos, a COVID-19 apenas saía das áreas internacionais dos xornais e espazos informativos e aínda non era un asunto que ocupase a axenda de prioridades do Servizo Galego de Saúde nin dos seus homólogos no resto do Estado, o cal comezaría a suceder pouco despois. En vésperas do segundo aniversario da declaración da pandemia (o cal aconteceu oficialmente o 11 de marzo de 2020), a Organización Mundial da Saúde prepárase para dar por superada a "fase de emerxencia" polo coronavirus en Europa. Faino mentres advirte das tarefas pendentes, mesmo "urxentes" a respecto doutras doenzas e tamén con relación coa propia COVID no resto do mundo.
O responsable da OMS para Europa confía en estarmos "entrando nunha fase de estabilización", o cal non impide que sexa "demasiado cedo para baixar a garda"
Nunha declaración oficial difundida este 24 de xaneiro, o director rexional da OMS para Europa, o doutor Hans Henri P. Kluge, amosou a súa confianza en que "esteamos a entrar nunha nova fase da pandemia" na que é razoable pensar (o termo específico empregado por Kluge foi "plausible esperanza") en estarmos "entrando nunha fase de estabilización". O cal non impide que sexa "demasiado cedo para baixar a garda".
Sempre falando só para Europa, a OMS detalla os motivos que a levan a considerar a "fin da emerxencia". A variante ómicron, detalla, está "desprazando á Delta cunha velocidade sen precedentes" e semella "causar unha enfermidade moito menos grave". Así e todo, advirte, aínda "estamos a ver un rápido crecemento nas hospitalización", tanto porque hai un gran número de novos casos como polo feito de que os efectos da Delta aínda non desapareceron "por completo". "Afortunadamente, nas hospitalizacións por ómicron os ingresos na UCI son moito menos frecuentes" e ademais, subliña, "a maior parte das persoas" coa COVID que precisan seren tratadas en coidados intensivos "están sen vacinar".
"A maior parte" das persoas coa COVID que precisan ir á UCI en Europa "están sen vacinar", subliña
As vacinas son, precisamente, a gran clave das novas perspectivas trazadas pola OMS sobre a evolución da pandemia en Europa, tanto para proxectar distensións como para trazar as tarefas pendentes. Tras "máis de 1.400 millóns de doses administradas na rexión europea" é posible falar xa de "centos de miles de vidas salvadas" grazas a "un dos maiores logros científicos en décadas". Pero "o traballo non está rematado", entre outros aspectos, porque se "manteñen fortes desigualdades no acceso ás vacinas", mesmo dentro de Europa pero, sobre todo, tamén fóra dela.
A equidade no acceso ás vacinas e aos antivirais, a "forte vixilancia" das novas variantes, a "protección dos grupos de alto risco con máscaras de alta calidade e distancia física" cando xurdan e o "testeo dirixido" son, para a OMS, clave nunha nova fase na que coida que xa "non cumprirá" retomar "confinamentos masivos ou medidas semellantes"
"Se 2021 foi o ano da produción das vacinas, 2022 ten que ser o ano da equidade da vacinación", porque "demasiada xente que precisa a vacina segue sen vacinar" e esta circunstancia contribúe a que "continúe a pandemia e aumenten as posibilidades" de que xurdan novas variantes. Neste sentido, subliña Hans Henri P. Kluge, "esta pandemia rematará", como "outras o fixeron antes", pero "é demasiado cedo para relaxármonos".
Dados os "millóns de infeccións que se están producindo no mundo" nas últimas semanas e que seguirán producíndose nas vindeiras, xunto coa "diminución da inmunidade a estacionalidade do inverno", é posible dar practicamente por feito que "xurdirán e volverán novas variantes da COVID-19". Pero, advirte, "creo que unha nova vaga non requirirá regresar á era da pandemia" tal e como a coñeciamos, marcada por "confinamentos de toda a poboación ou medidas semellantes".
Para o máximo responsable da OMS en Europa, o que corresponde é manter unha "forte vixilancia e monitorización" das novas variantes, "altas" porcentaxes de "vacinación e terceiras doses", manter as medidas de ventilación, "acceso equitativo e asequible aos antivirais", "testeo dirixido" -no canto de masivo ao conxunto da poboación-. Tamén "protexer os grupos de alto risco con máscaras de alta calidade e distanciamento físico cando aparezan novas variantes".
Tendo en conta todos estes aspectos, sinala a OMS para Europa, o 2022 ten que ser o ano de abandonar a emerxencia pola COVID e "abordar outras ameazas para a saúde que requiren a nosa atención urxentemente". Nestes dous anos, evidencia, "medraron os adiamentos e listas de espera" para a atención doutras patoloxías, os servizos de saúde sufriron fortes interrupcións no seu traballo normal e, por exemplo, "os plans para as crises sanitarias relacionadas co clima suspendéronse" en toda Europa.
Ao tempo, resalta, "debemos render un tributo histórico ao noso persoal sanitario", máis aínda tendo en conta os datos que sinalan que máis dun 40% "do persoal sanitario de primeira liña sofre significativos niveis de ansiedade", chegando en moitos casos a situacións ligadas a cadros de "estrés postraumático". "Apoialos a eles e a súa saúde mental ten que ser un piar central da reconstrución" e recoñecer os seus "sacrificios" implica tamén "os feitos por case todos nós", os cales, subliña, "foron moito maiores para persoas" que xa estaban "desfavorecidas na vida" antes da pandemia. [Consulta aquí a declaración íntegra en inglés e aquí, a súa tradución automática ao galego]
Situación actual en Galicia
Mentres a OMS traza perspectivas prudentemente optimistas para o conxunto de Europa, en Galicia os indicadores de incidencia acumulada xa son claramente descendentes a 7 días en todas as áreas sanitarias e comezan tamén a selo a 14 días. Para o conxunto do país, cando xa transcorreron case vinte días dende a incorporación dos autotest a todos os rexistros oficiais, os rexistros a 14 días sitúanse arredor dos 3.400 casos novos por cada cen mil habitantes e e na última semana, arredor dos 1.500.
A incidencia a 7 días cae con claridade en todas as áreas sanitarias galegas e as 638 hospitalizacións son 36 máis que hai unha semana mentres os pacientes co coronavirus na UCI seguen sendo arredor de medio cento
Os datos máis recentes divulgados polo Sergas sitúan a hospitalización de persoas coa COVID arredor das 640 persoas -con datos pechados ás seis da tarde do luns-, 36 máis que unha semana antes e un máximo da vaga, pero moi lonxe da de hai un ano. Dentro dese total, a ocupación das UCI con persoas coa COVID segue moi estable, arredor do medio cento, o que segundo datos do Ministerio de Sanidade supón arredor do 6% do total de prazas de coidados intensivos dispoñibles, a porcentaxe máis baixa do Estado. No que atinxe aos falecementos de persoas coa enfermidade, tras a suma de 12 casos de catro días distintos, a media da última semana está un chisco por riba das catro mortes diarias.
Ao tempo, como amosan os gráficos que acompañan esta información, a vacinación con pauta completa xa chega ao 86% do total da poboación de Galicia e, entre a poboación maior de 50 anos, as terceiras doses xa chegan a máis do 90%, cota á que se achega tamén o grupo de 40 a 49. Entre a poboación de 30 a 39, as doses de reforzo roldan o 50% e na poboación pediátrica incorporada á vacinación (5-11 anos), as primeiras doses foron administradas xa en Galicia a algo máis do 80%.