A Macroenquisa de Violencia contra a Muller de 2019 revela que unha de cada dúas mulleres no Estado enfrontouse a algún tipo de violencia polo feito de ser muller
Unha de cada dúas mulleres sufriu violencia polo feito de ser muller no Estado español. Un total de 11.688.411 mulleres declaran ter padecido violencia dentro da parella, violencia física ou sexual de persoas coas que non mantiveron unha relación, acoso sexual ou acoso reiterado ao longo da súa vida. A Macroenquisa de Violencia contra a Muller 2019, realizada pola Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero e editada polo Ministerio de Igualdade, conta coa achega de 9.568 mulleres e supón unha mostra representativa da poboación feminina de 16 ou máis anos residente en España.
Entre as mulleres que viven en concellos de 2.000 ou menos habitantes, un 33,4% manifesta que sufriu acoso nalgunha ocasión ao longo da súa vida, o 10,8% sinala que isto sucedeu nos últimos catro anos, o 7,2% nos últimos 12 meses e o 16,2% antes de cumpriren os 15 anos. Estas cifras son moi semellantes nos municipios de entre 2.001 e 10.000 habitantes (36,4%, 16,4%, 9,1% e 16,3% respectivamente) e ás dos grandes concellos de máis de 10.000 residentes (41,6%, 19,0%, 10,5% e 19,1%).
No que se refire á violencia física e/ou sexual dentro da parella, o 10,5% das mulleres que viven nestes concellos máis pequenos manifesta tela experimentado, mentres que o 26,3% sufriu algún tipo de violencia psicolóxica, onde se agrupan a violencia emocional e económica, o control e o medo. No seguinte grupo de municipios por tamaño (entre 2.000 e 10.000 habitantes) a violencia física e/ou sexual afecta ao 12,5% e a psicolóxica ao 27,6% das mulleres e, como sucede no cómputo xeral, as porcentaxes aumentan nos grandes concellos, onde estas violencias afectaron ao 14,8% e ao 33,1% das mulleres, respectivamente.
Por outra banda, a incidencia da violencia física fóra dunha relación de parella ao longo da vida é lixeiramente inferior nos concellos de pequeno tamaño (10,9% nos de ata 2.000 habitantes, 11,8% nos que teñen entre 2.000 e 10.000 habitantes, e 13,9% nos municipios de máis de 10.000 habitantes).
Ao analizar de forma global ás mulleres que denunciaron, buscaron axuda formal ou falaron da violencia con persoas da súa contorna, obsérvase que canto maior é o tamaño do concello de residencia maior é a porcentaxe de mulleres que verbalizaron a violencia sufrida por parte das súas parellas ou ex parellas a través dalgunha destas tres opcións: son o 66,9% das que viven en municipios de ata 2.000 habitantes, o 78,5% de quen vive en concellos de entre 2.001 e 10.000 habitantes, e o 83,3% das mulleres deconsistorios con máis de 10.000 habitantes.
Estas diferenzas obedecen principalmente, segundo se destaca na macroenquisa, ao que sucede no caso da violencia dentro da parella actual, xa que as mulleres que viven nos concellos de menor poboación denunciaron, buscaron axuda formal ou informal por mor da violencia da súa parella actual en menor medida (32,1%) que as mulleres que viven en municipios de entre 2.001 e 10.000 habitantes (61,3%), ou nos grandes concellos (64,4%).
As violencias, en plural
Esta macroenquisa é a operación estatística máis relevante que se leva a cabo en España sobre este tipo de violencia, a que soportan as mulleres por ser mulleres, desde o ano 1999. É a sexta vez que se realiza e nesta ocasión sinala unha situación preocupante entre a mocidade, pois o 71,2% das mulleres de entre 16 e 24 anos e o 68,3% das que están entre os 25 e os 34, foron vítimas dalgún tipo de violencia.
O 33,9% das mulleres residentes en Galicia sufriu algún tipo de violencia por parte dalgunha parella
Un 33,9% das mulleres residentes en Galicia sufriu algún tipo de violencia por parte dalgunha parella ao longo da súa vida. O 9% destas mulleres tivo que enfrontarse a estas violencias nos últimos 12 meses. Así o recolle esta macroenquisa, que interpelou 549 mulleres residentes en Galicia de todas as franxas de idade, cunha marxe de erro do 4,3%. Dentro destas violencias está a psicolóxica con intencións de control, que declaran ter padecido un 27,6% das mulleres que viven no país.
Son moitas as variables que recolle a enquisa. No que atinxe á violencia sexual, o 13,7% das mulleres con máis de 16 anos no Estado (2.802.914 mulleres) foron vítimas desta agresión por parte da parella actual, de parellas anteriores ou de persoas coas que non chegaron a manter unha relación. Outro dato relevante é que o 13% desas mulleres que foron vítimas dalgún tipo de violencia sexual (181.258 mulleres maiores de 16) afirman ter sido violadas cando estaban baixo os efectos do alcohol ou das drogas. No 99,6% dos casos de violencia sexual o agresor era un home.
A respecto da violencia física, a enquisa traslada que afecta ao 13,4% das maiores de 16 anos. O que quere dicir que un total de 2.737.358 mulleres experimentou agresións físicas por parte dalgunha persoa, coa que non mantivo unha relación, ao longo da vida. Os agresores máis citados son os pais (23,4% dos casos) e os homes descoñecidos (17,5%), seguidos da nai (16%). Menos da metade, o 41,2%, declara lesións como consecuencia desas agresións.
O acoso tamén é violencia
Por outra banda, o 35,7% das mulleres con 16 anos ou máis que residen en Galicia foi vítima de acoso sexual ao longo da súa vida. No 8,6% destes casos, o acoso produciuse nos últimos 12 meses. Do total de mulleres entrevistadas no Estado, o 40,4% (8.240.537 mulleres) sufriron acoso sexual nalgún momento das súas vidas. No 10,2% dos casos (2.071.764 mulleres) este episodio de acoso tivo lugar nos últimos 12 meses.
O 35,7% das mulleres con 16 anos ou máis que residen en Galicia foi vítima de acoso sexual
Tres cuartas partes (74,9%) das mulleres que sufriron acoso sexual aguantaron ″miradas insistentes ou lascivas que lles fixeron sentirse intimidadas″, e o 40,4% tiveron ″contacto físico non desexado″ como, por exemplo, unha proximidade innecesaria, tocamentos de partes do seu corpo ou bicos. A enquisa tamén revela que o 75,2% das mulleres que sufriron acoso sexual afirman que tivo lugar máis dunha vez, fronte ao 24,1% que din que só sucedeu nunha ocasión.
Nesta enquisa relativa a 2019 preguntouse por primeira vez polo acoso, mais tamén polo ″acoso reiterado″, que se refire a comportamentos realizados por unha mesma persoa de maneira repetida e que provocaron medo, ansiedade ou angustia ás mulleres entrevistadas. Algúns exemplos desde ″acoso reiterado″ son ″chamadas telefónicas obscenas, ameazantes, molestas ou silenciosas″, que a muller ve como ″a seguen ou a espían″, que danaran intencionadamente cousas súas ou que lle fixeron ″propostas desapropiadas en internet ou nas redes sociais″. En Galicia, un 17,9% das mulleres a partir dos 16 anos refire ter padecido esta clase de acoso.
Mulleres maiores de 65 anos
O 16,7% das mulleres de 65 anos ou máis sufriu algún tipo de violencia na súa relación actual. O 4,4% experimentou violencia física ou sexual, o 10,1% violencia emocional e o 5,2% violencia económica.
A enquisa conclúe que "as mulleres maiores ocultan a violencia vivida en bastante maior medida que o resto de mulleres"
Os milleiros de entrevistas desta enquisa fixeron que as organizadoras cheguen á conclusión de que ″as mulleres maiores ocultan a violencia vivida en bastante maior medida que o resto de mulleres″. Nesta liña, detectaron que as mulleres de 65 ou máis anos de idade romperon a relación cunha parella pasada como consecuencia dos episodios de violencia en moito menor medida (49,9%) que as mulleres de 16 a 64 anos (81,4%). Porén, como é lóxico, citan máis como motivo para o final dunha relación violenta o falecemento da parella (un 13,3% fronte a un 0,7% no caso das mulleres de 16 a 64 anos).
Analízase a situación das mulleres maiores de 65 anos entre as consideradas ″especialmente vulnerables á violencia″, onde tamén figuran as mulleres con discapacidade, as máis novas, as que naceron no estranxeiro e as residentes en municipios de menor tamaño.