O 27% dos mozos de Bueu explican a violencia de xénero polos ciumes ou a infidelidade das mulleres

Os mozos pasan o tempo libre practicando deportes ou xogando a videoxogos, mentres que as mozas gozan do tempo de ocio estando coas súas amizades ou escoitando música Dominio Público

O Concello de Bueu, a través da concellaría de igualdade e do Centro de Información ás Mulleres, levou a cabo un estudo entre adolescentes da localidade sobre a violencia de xénero, o uso do tempo de ocio e os estereotipos e referentes da mocidade. O informe, que contou con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, incorporou un total de 459 enquisas, das cales 205 eran mozas e 254 mozos que cursan educación secundaria obrigatoria, ciclos formativos e primeiro curso de bacharelato nos centros de ensino IES Johan Carballeira, IES Illa de Ons e CPR Virxe Milagrosa.

O estudo conclúe que "a xeración actual é mais consciente do tema da violencia de xénero, sen dúbida debido a que é un tema que forma parte da axenda educativa e política". Porén, sinala que "o feito de que exista esa preocupación non quere dicir que eles e elas teñan claro o concepto de violencia de xénero" pois "seguen consumindo o sostido polo patriarcado".

"Hai que seguir traballando nas causas da violencia de xénero, xa que se constata certa confusión entre a mocidade sobre o que é aprendido e outras variables innatas a persoa, obviando o elemento fundamental da violencia que é a cultura machista"

Preguntados e preguntadas polas causas polas que os homes maltratan as súas parellas ou exparellas, un 27% dos mozos e un 20% das mozas atopan a explicación na conduta da muller (infidelidade, celos, estrés...) e só un 5% das mozas e un 2% dos mozos atopan a razón na educación recibida polos homes. Porcentaxes moi elevadas, ao redor do 60% e 70% das respostas, ven as causas en "problemas psicolóxicos" ou no consumo de alcohol e outras drogas. A explicación máis repetida entre as mozas, iso si, que apareceu nun 90% das respostas, é que os homes maltratan as súas parellas "por sentirse superiores ás mulleres", unha porcentaxe que tamén é moi elevada nas respostas dadas polos mozos (71%).

O informe conclúe que "hai que seguir traballando e afondar nas causas da violencia de xénero, xa que se constata certa confusión entre a mocidade sobre o que é aprendido e outras variables innatas a persoa, obviando o elemento fundamental da violencia que é a cultura machista". 

O estudo analiza a música, cine ou videoxogos preferidos por mozos e mozas e os referentes simbólicos que obteñen nestes produtos culturais Dominio Público

O estudo conclúe que a mocidade non se identifica co mito do amor romántico, a pesar do tipo de música que escoitan ou das películas que ven

O estudo inquiriu tamén nos conceptos do amor romántico, chegando á conclusión de que "a mocidade non se identifica con este tipo de mito, a pesar do tipo de música que escoitan ou das películas que ven". Así, son poucos os mozos e mozas que cren que "o amor verdadeiro está predestinado", que "o amor ten como finalidade casar" ou que "o amor pódeo todo e supera todos os problemas". Unha porcentaxe algo maior, pero que rolda o 40% afirma que "o amor de verdade é para toda a vida" e máis de dous de cada tres mozos e mozas cren que se pode sentir amor por varias persoas ao mesmo tempo. 

Con todo, o 40% manteñen a idea de que "no amor sentir algo de celos demostra o importante que é esa persoa"

En cambio, si que a inmensa maioría (o 86% ou 87%) concorda en que "o amor significa ser fiel a túa parella", o que enlaza co valor dado por uns e outras á 'fidelidade' como un valor importante nas súas parellas. Finalmente, o informe recolle o mantemento da idea de que "no amor sentir algo de celos demostra o importante que é esa persoa", algo no que concordan o 41% dos mozos e o 38% das mozas.

A enquisa preguntou tamén polo trazo da personalidade máis valorado por cada sexo, sendo a fidelidade primeiro tanto para os mozos como para as mozas, se ben é valorado algo máis por parte das mulleres. Ademais, mentres que para os homes as categorías que máis se valoran despois da “fidelidade” son “cariñosa” e “físico”, para as mulleres as de “boa persoa” e “confianza”. 

Os obxectivos do estudo son analizar os comportamentos de adolescentes para previr os casos de violencia de xénero, coñecer as formas de discriminación máis habituais na mocidade, e deseñar pautas de intervención para fomentar actitudes igualitarias nesa etapa tan importante. Neste senso, afóndase en cuestións como modelos de identificación e identidade, ciberviolencia, tempo libre e ocio, e hipersexualización nos produtos culturais consumidos.

O estudo analiza a música, cine ou videoxogos preferidos por mozos e mozas e os referentes simbólicos que obteñen nestes produtos culturais

Unha das conclusións do informe estudo é a importancia que teñen os influencers como personaxe pública co que se identifican tanto homes como mulleres; o estudo sitúa a TheGref ou Billie Ellish como exemplos e sinala que poden ser modelos negativos ou positivos. Tamén apunta á relevancia que neste senso teñen -sobre todo no caso dos mozos- os futbolistas. 

A enquisa tamén salienta a importancia que a música ten na conformación da personalidade dos e das adolescentes, sobre todo nos xéneros máis de moda nesta época -hip-hop, rap e trap-. Esta conexión emocional e influencia prodúcese tanto a través das súas letras coma das actitudes e símbolos transmitidos a través dos vídeos musicais.

'Grand Theft Auto' é un dos xogos sinalados pola súa violencia e sexismo ©

De igual xeito, o cine ten un gran poder socializador; os modelos de identificación dos homes baseanse en identidades masculinas de acción e aventura, mentres que as mozas se identifican con modelos vinculados ao romanticismo. Así mesmo, os patróns sociais de masculinidade e feminidade aparecen reflectidos na categoría de actor e actriz preferida: o modelo de home ven caracterizado por trazos asociados á masculinidade hexemónica, e por contrapartida o modelo de feminidade corresponde a un modelo tradicional de muller centrado no seu físico. 

O informe fai un chamamento a que as familias e o profesorado teñan un maior control "sobre os contidos dos videoxogos, xa que moitos están baseados en narrativas de agresividade e violencia, e sobre o tempo de uso, xa que pode crear adicción"

O estudo destaca, así mesmo, que os videoxogos se presentan como un elemento de ocio fundamental para os adolescentes, sobre todo para os mozos. Sinala que a pesar dos aspectos positivos dos videoxogos, hai algúns que tamén teñen "aspectos negativos, como pode ser a violencia, o racismo e o sexismo... E fai un chamamento a que as familias e o profesorado teñan un maior control "sobre os contidos dos videoxogos, xa que moitos están baseados en narrativas de agresividade e violencia, e sobre o tempo de uso, xa que pode crear adicción". Segundo a enquisa, o tipo de videoxogos que máis consomen os mozos son os xogos de supervivencia, deportes (maioritariamente o fútbol), e acción/aventura. Pola contra, as mulleres fan uso en maior medida de videoxogos de simulación e habilidade. 

Finalmente, preguntados sobre a que dedican o seu tempo de ocio, os mozos pásano principalmente practicando deportes ou xogando a videoxogos, mentres que as mozas gozan do tempo de ocio estando coas súas amizades ou escoitando música. 

Recomendacións a centros e familias

O informe péchase cunha serie de recomendacións para centros de ensino e familias, co obxectivo de "deseñar pautas de intervención para fomentar actitudes igualitarias nesa etapa tan importante"

Finalmente, o informe péchase cunha serie de recomendacións para centros de ensino e familias, co obxectivo de "deseñar pautas de intervención para fomentar actitudes igualitarias nesa etapa tan importante". Entre outras propostas, está a organización de charlas sobre “como mellorar a comunicación coas/cos fillas/os adolescentes”, tamén elaborar guías para as familias para informar sobre os videoxogos nos que xogan as súas fillas e fillos, ou organizar unha semana de cine social "a través do visionado de películas que axuden a ver outras realidades e rompan cos estereotipos de xénero". 

Igualmente, promover unha xornada de ciberacoso en colaboración cos centros educativos no que se aborden conceptos como pautas para previr o acoso na rede ou o uso responsable da rede. Ou, tamén, realizar obradoiros de novas masculinidades onde se traballen aspectos tóxicos da masculinidade hexemónica e se onde se traballen os modelos vinculados ás novas masculinidades. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.