O numero de asuntos de violencia machista aumenta sen parar entre a mocidade galega. Dende o ano 2012 os procesos abertos (con orde de protección ou medidas cautelares) cada ano por agresións a mulleres de menos de 25 anos pasaron de 152 a 209, un incremento do 37,5%. Mentres, no conxunto da poboación, o ascenso (de 1.294 a 1.306 denuncia) non chegou ao 1%. As vítimas de menos de 25 anos pasaron do 11,7% ao 16%.
As vítimas de menos de 25 anos pasaron do 11,7% ao 16%
O grupo de idade de 18 a 24 anos foi no que máis creceu, mentres que no das menores de idade a cifra (moito máis cativa) permanece estable. Entre os restantes grupos de idade, o número de denuncias por violencia de xénero descende entre as mulleres de 25 a 44 anos (pasa de 804 a 738 nos últimos seis anos) e aumenta na xeración anterior, de 45 a 64 anos (pasa de 287 a 307), manténdose estable nas de maior idade.
En cando aos agresores, as tendencias son semellantes, cun incremento dos denunciados máis novos: os maltratadores de menos de 25 anos medran do 8,3% de 2012 ao 10,5% de 2018. As estatísticas amosan que a idade media dos agresores é superior á idade media das agredidas.
No último ano os grupos de idade nos que máis de incrementou o número de denunciados por violencia machista foron os que van dos 18 aos 30 anos
As cifras a nivel estatal amosan unha realidade semellante. No último ano os grupos de idade nos que máis de incrementou o número de denunciados por violencia machista foron os de 18-19 anos (+14,1%), de 20 a 24 (+9,4%) e de 25 a 29 (+11,9%), moi por riba do crecemento total das denuncias no conxunto da poboación (+7,8%).
As estatísticas publicadas polo INE tamén confirman as tendencias apuntadas nos últimos anos en canto á relación que as vítimas mantiñan cos seus agresores. En Galicia, a redución no número de matrimonios vai facendo que a proporción de cónxuxes e ex-cónxuxes sexa cada vez menor (38,3% en 2012 e 29,4% en 2018), sendo xa superada pola de parellas e ex-parellas de feito (36,1% en 2012 e 35,3% en 2018) e sobre todo pola de mozos e ex-mozos (22,9% en 2012 e 33,4% en 2018).
A percepción da violencia e do control machista entre a mocidade
Varias iniciativas están a loitar contra o mantemento das actitudes e agresións machistas entre os adolescentes, axudando a detectar os primeiros indicios desta violencia
Nos últimos anos varias iniciativas están a loitar contra o mantemento das actitudes e agresións machistas entre os adolescentes, axudando a detectar os primeiros indicios desta violencia. Destaca, por exemplo, o programa Suprime o Control da Deputación da Coruña, que este ano sumou 11 novos institutos. "Consideran que a violencia de xénero é só a agresión física e non a relacionan coa súa contorna máis próxima", advertía a responsable da área de Igualdade e Servizos Sociais da Deputación, Ánxela Franco, que salientaba que "tentamos que perciban que os micromachismos son o caldo de cultivo no que crecen e se desenvolven as outras violencias, que ao final desembocan na violencia física".
O programa Namorando do Concello de Pontevedra tamén alertou de que un gran número de adolescentes non recoñecen como maltrato o control ou a violencia psicolóxica. O mesmo que estoutro impulsado polo Concello de Santiago, que conseguiu avances entre os mozos que participaron nel, axudando a percibir as situacións de control e violencia.