11 novos institutos súmanse ao programa 'Suprime o control' de loita contra o machismo na adolescencia

Ánxela Franco, na presentación dos resultados de 'Suprime o control' © Deputación da Coruña

Hai dous anos a Deputación da Coruña botou a andar Suprime o Control, un programa socioeducativo de prevención e eliminación da violencia de xénero nos centros de ensino. Dende entón centos de mozos e mozas de 3º e 4º de ESO participaron nas súas actividades: obradoiros, concursos, sesións educativas..., que se suman a unha asesoria a través de Whatsapp para detectar e combater estes comportamentos. Nas vindeiras semanas 11 novos institutos das comarcas de Ortegal, Ferrol e Eume incorporaranse ao programa.

"Perciben a violencia de xénero como algo que só afecta aos adultos e identifican os ciumes e o control como propio do amor romántico"

O estudo previo promovido desde este programa detectou que case a metade das mozas e mozos continuaban considerando os celos como un símbolo de amor, como destaca a responsable da área de Igualdade e Servizos Sociais da Deputación, Ánxela Franco: "Consideran que a violencia de xénero é só a agresión física, que é algo que só se dá entre os adultos e ademais non a relacionan coa súa contorna máis próxima. Así mesmo, percíbena como unha cuestión que só afecta aos adultos e identifican os ciumes e o control como propio do amor romántico". Unha conclusción semellante á que chegaron outros programas semellantes, como o nAmorAndo promovido polo Concello de Pontevedra.

"Queda moito por facer e é preciso un compromiso institucional claro con iniciativas destinadas tamén ao ámbito educativo e a un tempo de formación en que se poden mudar os marcos e traballar por unha sociedade igualitaria", apunta Ánxela Franco.

Imaxe dun dos obradoiros desenvolvidos en 'Suprime o Control' © Deputación da Coruña

Nos obradoiros que se desenvolverán en tres sesión ata o mes de marzo nos 11 centros de ensino (680 alumnos e alumnas en total) trabállanse contidos relacionados coas relacións afectivo sexuais como as actitudes e condutas de control, tamén aquelas formas de violencia de xénero máis sutís como os micromachismos, o papel das novas tecnoloxías nas relacións entre iguais, a diversidade afectivo sexual ou a resolución de conflitos pacífica.

 "A transformación parte da formación. Se con 14 ou 16 anos somos quen de facelos conscientes dos perigos que teñen diante, nuns anos verase o resultado deste esforzo"

Dende o comezo do curso púxose a disposición do alumnado un servizo de Asesoría Whatsapp a través do que resolver as dúbidas e atender ás consultas sobre a violencia de xénero. Así mesmo, nos meses de abril e maio organizaranse encontros coas familias en cada un dos centros participantes para ofrecerlles unha visión sobre a problemática da violencia de xénero e outras violencias machistas na adolescencia, así como achegarlles pautas e ferramentas que permitan ás familias abordar estas situacións.

"Tentamos que perciban que os micromachismos son o caldo de cultivo no que crecen e se desenvolven as outras violencias, que ao final desembocan na violencia física", salienta Ánxela Franco. "A transformación parte da formación. Se con 14 ou 16 anos somos quen de facelos conscientes dos perigos que teñen diante, nuns anos verase o resultado deste esforzo", conclúe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.