A Policía vixía unha vintena de adolescentes galegas en perigo pola violencia machista

Concentración contra a violencia machista en Vigo CC-BY-SA Marcha Mundial das Mulleres

O Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (Viogén) é un mecanismo incluído na lei estatal contra violencia de xénero que, dende o ano 2007, aglutina as medidas de vixilancia constante que se aplican en determinados casos. Cada ano o Ministerio do Interior ofrece datos estatísticos sobre as mulleres incluídas neste sistema, pero ata agora non detallar cantas delas son adolescentes. Nese primeiro cómputo feito público inclúese unha vintena de galegas de entre 14 e 17 anos en risco de sufriren novas agresións machistas.

Con data do pasado 31 de decembro Viogén rexistraba, concretamente, 19 casos nos que adolescentes galegas tiñan que acollerse a estas medidas de protección. En 10 destes casos o nivel de risco é  baixo, o que supón que a Policía contacta frecuentemente coa muller por vía telefónica.

Case 3.000 mulleres galegas estaban a finais de 2015 incluídas no sistema que controla posibles agresións de xénero

Cuantifícanse, ademais, dous casos de risco medio, nos que a protección policial se incrementa. O cómputo complétase con 7 casos de risco "non apreciado", isto é, o máis baixo da escala. Asemade, a Policía ten rexistrados en Galicia 20 casos máis coa categoría de "inactivos", os cales poden "ser reactivados en calquera momento" en caso de detectarse un incremento do risco de agresión.

Alén das adolescentes o sistema Viogén rexistraba a finais de 2015 un total de 2.934 casos activos en Galicia con mulleres de todas as idades. Son catro menos que en 2014 e uns 300 menos que en 2013. Non obstante, a suma de casos activos e inactivos, 21.131, foi en 2015 maior que en 2014 (20.325) e 2013 (18.129).

Identificar e non tolerar

Estudos recentes advirten da "crecente posesividade e control entre as parellas adolescentes"

Estes datos chegan nun contexto no que, nos últimos anos, diversas voces expertas en materia de igualdade e abordaxe da violencia de xénero advirten do crecemento das actitudes machistas entre a adolescencia e a mocidade. Así, por exemplo, as autoras dun proxecto en materia de educación en igualdade desenvolvido recentemente en institutos de Santiago resaltaban, tras estaren en contacto directo co alumnado, que "non existe tanto un problema de identificación dos síntomas da violencia de xénero como de tolerancia ou de normalización dos mesmos.

Como informou Praza Pública, máis da metade do alumnado participante nese proxecto, de entre 14 e 18 anos, afirmou coñecer parellas da súa contorna "nas que existen actitudes violentas" e unha proporción elevada deles considera "normais" actitudes na parella como os celos. Isto prodúcese, indican as expertas, nun contexto de "crecente posesividade e control entre as parellas adolescentes", tamén aproveitando a tecnoloxía, no que medran "as actitudes submisas por parte das mulleres, especialmente nas relacións afectivo-sexuais.

Concentración contra a violencia machista en Vigo CC-BY-SA Marcha Mundial das Mulleres

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.