Seis adolescentes e un bebé a cargo dunha auxiliar: unha sentenza revela a atención a menores desamparados

Edificios nunha rúa do centro de Vigo CC-BY-SA Ana G. Liste/Praza.gal

O TSXG anula o despedimento dunha traballadora dun piso de menores no que se denunciou unha violación e di que non se lle pode reprochar que ademais das tarefas da casa e administrativas "estea vixiante todo o tempo"

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) divulgou este mércores unha sentenza na que declara improcedente o despedimento dunha auxiliar técnica educativa encargada do coidado de menores desamparados que residían nun piso xestionado pola asociación na que traballaba. A muller foi despedida porque durante unha das súas quendas de traballo, de noite, unha das menores manifestou que fora violada por outro menor mentres estaba durmida. A sentenza do TSXG en ningún momento se pronuncia sobre esa violación, só cita a denuncia da menor como causa do despedimento da muller por parte da asociación.

Alén do ocorrido, a sentenza revela as condicións de atención aos menores, coa muller como única responsable do coidado durante a noite de seis adolescentes e un bebé de dez meses, aos que debía dar de cear ademais de facer tarefas da casa e administrativas.

Segundo salienta o TSXG no comunicado divulgado xunto coa sentenza, a asociación demandada, con sede en Vigo e da que non se facilita o nome, coordina e dirixe casas de familia -na cidade funciona unha decena destes servizos, segundo o rexistro oficial da Xunta- nas que se atende a menores desamparados, cuxo coidado, vixilancia e educación lle encomenda a Xunta.

Adolescentes cuns móbiles Dominio Público

"A traballadora cumpriu coas súas obrigas, pois controlou inicialmente ao menor, dedicouse á bebé de 10 meses, á que aseou, deu a cea, cambiouna de roupa e deitou, confirmando que se durmira", explican os maxistrados na sentenza, na que relatan que, acto seguido, "comprobou que as luces das habitacións estaban apagadas e todo estaba en silencio, procedendo co cumprimento das súas outras obrigas, tales como recoller, fregar, poñer a lavadora, etc.". Posteriormente, sobre as 00:00 horas, foi ao despacho para realizar tarefas administrativas, sendo daquela cando a menor lle comunicou que fora violada esa noite.

A Sala afirma que non conta "con dato algún respecto ao protocolo a seguir na casa de familia onde prestaba servizos", polo que a traballadora só conta "coa obriga xenérica do coidado dos menores que alí residen"

Na resolución, os xuíces explican que a asociación baseou o despedimento en que a traballadora non comprobou que o menor se fora ao seu cuarto cando previamente o atopara na habitación da súa compañeira, sobre as 22:15 horas. Con todo, o TSXG infire, do testemuño da menor, que si abandonou a habitación cando llo pediu a auxiliar técnica educativa, pero regresou sobre as 22:40 horas.

Canto ao segundo motivo do despedimento, non comprobar quen estaba en cada habitación tras confirmar que as luces das habitacións estaban apagadas e todo estaba en silencio, sobre as 23:30 horas, a Sala afirma que non conta "con dato algún respecto ao protocolo a seguir na casa de familia onde prestaba servizos", polo que a traballadora só conta "coa obriga xenérica do coidado dos menores que alí residen". En base a iso, recalca que "resulta probado que a traballadora non abandonou o seu posto de traballo".

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na Coruña © TSXG

"A circunstancia de que non comprobase quen estaba en cada habitación sobre as 23:30 horas non entendemos que poida cualificarse de neglixencia grave", conclúen os maxistrados na sentenza. Nela, o TSXG advirte de que non é esixible a unha traballadora "que se atopa soa nunha casa con seis menores e un bebe ao seu cargo" que, ademais das tarefas propias da levanza dunha casa e das administrativas, "estea vixiante todo o tempo, pois é unha tarefa ímproba, que ademais non é seguro que evitase o evento danoso".

No fallo, os xuíces lembran que "non todo incumprimento do contrato por parte do traballador é causa de despedimento"

Os xuíces lembran no fallo que "non todo incumprimento do contrato por parte do traballador é causa de despedimento, senón que a resolución unilateral do contrato só pode operar como reacción a un incumprimento cualificado, ou, como se deduce do artigo 54 do Estatuto dos Traballadores, de incumprimento contractual grave e culpable".

Nese sentido, de conformidade co alegado pola recorrente, consideran que a conduta que consta probada non constitúe unha falta moi grave. Así, descartan que actuase "con fraude ou imprudencia" ou que desobedecese "no cumprimento das funcións encomendadas de forma grave". A iso, engaden que tampouco "concorre unha indisciplina, desobediencia ou neglixencia evidenciada de forma moi grave". A sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso ante o Tribunal Supremo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.