Persoal técnico de menores acusa a Xunta de "desamparar" a infancia vulnerable por falta de recursos

Mozos participantes no programa Mentor a través de Igaxes, nunha imaxe de arquivo en Ourense © Igaxes

Técnicas e técnicos de Menores da Coruña veñen de presentar ante a Consellería de Politica Social un escrito no que alertan da "grave situación" na que se atopa o servizo de Menores

A crise do sistema de protección de menores da Xunta é un clamor que ata a propia Consellaría de Política Social recoñece. O pasado 25 de setembro a conselleira Fabiola García informou no Parlamento que o Goberno galego "non ten nestes momentos nin unha soa praza dispoñible para acoller menores". As críticas a esta situación, para a que Política Social non semella poder ofrecer solucións chegan dende dentro e dende fóra do sistema.

Agora técnicas e técnicos de Menores da Coruña veñen de presentar ante a Consellería de Politica Social un escrito no que alertan da "grave situación" na que se atopa o servizo de Menores e "a repercusión directa que ten sobre as nenas e nenos que se atopan en situación de risco ou desamparo". 

A conselleira de Política Social, Fabiola García, hai unhas semanas no Pleno do Parlamento CC-BY-SA Xoán Crespo - Xunta de Galicia

Este persoal dependente da Consellaría cualifica de "alarmante" o deterioro que está a sofrir o sistema de protección á infancia e adolescencia da Xunta de Galicia "por non ter a valoración, o compromiso e o apoio que necesita" e debido á "falla de investimento tanto nos recursos como no aumento de persoal e da súa retribución económica".

O persoal detalla, por exemplo, a insuficiente dotación de persoal nos equipos técnicos que leva a que teñan que soportar "ratios de atención imposibles de asumir", superiores a 100 nenos por técnico nalgúns casos

Os servizos de Familia e Infancia dos Departamentos Territoriais da Consellería de Politica Social e Igualdade sobre os que se estructura a atención ás familias e ás nenas/os en situación de risco e/ou desprotección "veñen sufrindo ao longo do tempo un desgaste grave", sinálase. E apúntase a unha "falta de compromiso, apoio e valoración" vén producindo "un deterioro crónico na atención ás nenas e nenos", creando "unha cadea de problemas graves".

Os técnicos detallan, por exemplo, a insuficiente dotación de persoal nos equipos técnicos que leva a que teñan que soportar "ratios de atención imposibles de asumir", superiores a 100 nenos por técnico nalgúns casos, quedando as nenas e nenos "sen os debidos e necesarios seguimentos e formando listas de agarda en situacións graves que deberían ter reposta áxil".

Escrito das técnicas de Menores de Politica Social da Xunta na Coruña

Igualmente, denuncian "a presión que temos dende os servizos centrais da Consellería de Política Social para realizar tarefas administrativas que entorpecen as atencións directas ás familias

Ademais, sinalan que a "sobrecarga de traballo" do persoal técnico, que conta con "remuneracións non acordes ás súas funcións e responsabilidades", provoca "unha mobilidade laboral que dá lugar a continuos cambios de técnicas/os recaendo as súas consecuencias na atención ás nenas/os e as familias".

Así mesmo, alertan de que a falta de investimento "trae como consecuencias por unha banda, a escasez de prazas en centros tanto residenciais como de atención de día, sobreocupación dos xa existentes, recortes e estreitez nas axudas económicas para gastos das nenas/os en necesidades básicas, que non haxa familias de acollida e que os nenos teñan que permanecer anos en centros sen ningunha familia de referencia". 

A crise do sistema de protección de menores da Xunta é un clamor que ata a propia Consellaría de Política Social recoñece. O pasado 25 de setembro a conselleira Fabiola García informou no Parlamento de que o Goberno galego "non ten nestes momentos nin unha soa praza dispoñible"

Igualmente, denuncian "a presión que temos dende os servizos centrais da Consellería de Política Social para realizar tarefas administrativas que entorpecen as atencións directas ás familias e que dificultan o traballo de intervención social que debemos realizar no noso día a día".

No escrito sublíñase finalmente que "a protección das nenas e nenos debe ter unha especial relevancia porque conecta diretamente co desenvolvemento saudable do futuro dunha sociedade". E sinalan que no caso dos menores en situación de risco ou desamparo "lonxe de compensar esta circunstancia aínda se lles xeneran máis dificultades".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.