Os detectores de bebés esquecidos nos coches serán obrigatorios en poucos anos. O Parlamento Europeo aprobou o pasado mércores a proposta impulsada polo eurodeputado galego Nicolás González Casares para que a UE obrigue a instalar estes sistemas de detección de presenza infantil nos vehículos novos.
A Eurocámara aproba unha iniciativa impulsada polo eurodeputado galego González Casares para que os detectores de bebés esquecidos nos coches sexan obrigatorios
Preténdese así evitar máis dramas como o acontecido o pasado mes de maio en Brión, cando unha pequena de dous anos faleceu esquecida varias horas no interior do coche aparcado por seu pai e logo dunha xornada de altas temperaturas. Aquela traxedia —que se unía a outra semellante no Porriño anos antes e varias en España e Europa— levou o europarlamentario socialista a intentar facer algo sobre un tema no que "xa levaba tempo pensando".
"Aquilo tocoume e decateime de que aínda estaba aberto o regulamento de seguridade, ao que se podían introducir emendas, dentro do denominado Ómnibus de Automoción", explica González Casares, en referencia ao paquete lexislativo presentado hai menos dun ano pola Comisión Europea, co que se pretende reducir as cargas burocráticas e simplificar os requisitos técnicos para o sector do automóbil na UE. "Digamos que aproveitamos esa oportunidade que estaba aberta", engade.
O eurodeputado socialista introduciu dúas emendas ao regulamento de seguridade do paquete lexislativo para o sector da automoción que se tramita no Parlamento Europeo
"Houbo que negociar moito", recoñece o eurodeputado, pero finalmente a súa proposta foi aprobada polas comisións de Medioambiente, Mercado interior e Transporte a través de dúas emendas a esta nova lexislación que se tramita no Parlamento Europeo, un "paso fundamental" xa que o visto e prace da Cámara fai practicamente imposible que sexa rexeitada polos órganos executivos comunitarios.
.“Os vehículos das categorías M1 e N1 deberán estar equipados cun sistema que detecte ou identifique doutro xeito a presenza dun neno ou nena que permaneza no habitáculo despois de que o vehículo se apagase ou bloquease, e que proporcione unha advertencia eficaz e oportuna á persoa condutora ou usuaria do vehículo”, reza unha das emendas, a principal.
A segunda insta a Comisión a concretar "normas detalladas sobre os procedementos e as especificacións técnicas" para os sistemas que se determinen, algo que debería facerse nos seis meses posteriores á aprobación dun regulamento que Nacións Unidas xa está a preparar sobre esta materia.
Se as Nacións Unidas non aproban un regulamento internacional antes de que remate 2028, a UE debería aprobar o seu no primeiro semestre de 2029
Porque a súa iniciativa, explica González Casares, é tamén "unha forma de asegurar" que a obriga de instalar detectores de serie nos coches non caia en saco roto. Se o acordo internacional non chega antes de que remate 2028, Bruxelas deberá aprobar no primeiro semestre de 2029 o seu propio regulamento.
En resumo, a Comisión Europea deberá aprobar os requisitos técnicos para estes detectores, como moi tarde, o 30 de xuño de 2029, tendo “en conta os avances tecnolóxicos, a viabilidade técnica, a preparación do mercado, así como as normas internacionais”. A nova norma aplicarase 24 meses despois aos novos tipos de vehículos e 30 meses despois ás novas unidades de vehículos xa homologados.
Nova norma en 2031
Os cálculos indican que xa no inicio de 2031 debería ser de aplicación a nova norma, o que non implica que moitos dos coches novos non conten xa antes cun sistema de detección de bebés esquecidos que moitos fabricantes xa están implementando de serie.
O pleno do Parlamento Europeo aprobará a iniciativa para que logo pase á Comisión e, máis tarde, ao Consello, que deberá dar o visto e prace final.
“Cada ano de atraso pesará gravemente na nosa conciencia se volvemos ter noticia de que un neno faleceu atrapado nun vehículo, sabendo que poderiamos ter adiantado a aplicación desta medida de protección”, advertía tras a luz verde do Parlamento Europo Laura Ballarín, portavoz socialista da Comisión de Mercado Interior.