A "incapacidade" da Xunta para acoller menores revela o "deterioro" do sistema, alerta o Colexio de Psicoloxía

Menores infancia © Igaxes

A conselleira de Política Social, Fabiola García, afirmou este xoves que Galicia non ten na actualidade nin unha soa praza dispoñible para acoller menores estranxeiros non acompañados que neste momento se atopan noutras comunidades autónomas

A conselleira de Política Social, Fabiola García, afirmou este xoves que Galicia non ten na actualidade nin unha soa praza dispoñible para acoller menores estranxeiros non acompañados que neste momento se atopan noutras comunidades autónomas, como Canarias, que reclaman a solidariedade do resto dos territorios do Estado. "Pedimos ao Goberno que non nos envíe menores non acompañados porque non temos capacidade residencial para acollelos", afirmou Fabiola García, que cifrou nun 108% a sobreocupación do sistema galego de acollida.

As palabras da responsable de Política Social, foron respondidas de inmediato pola ministra de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, Elma Saiz, que lembroi á Xunta a "solidariedade" que nos últimos anos existiu -tamén por parte da Xunta- cos menores procedente de Ucraína, reclamando o mesmo trato para os do norte de África. Tamén o PSdeG criticou as declaracións de García, advertindo da "emerxencia xenófoba" que "promoven PP e VOX".

Intervención de Fabiola García no Parlamento, este mércores, para criticar o reparto de menores migrantes © Xunta

As palabras de Fabiola García puxeron de relevo a grave situación que atravesa o sistema galego de protección de menores, que profesionais e entidades sociais levan tempo denunciando

Pero máis aló do debate sobre a solidariedade de Galicia con outras comunidades ou sobre o incremento da xenofobia, as palabras de Fabiola García puxeron de relevo a situación que atravesa o sistema galego de protección de menores. O Colexio de Psicoloxía de Galicia (COP) fixo fincapé en que "a recente incapacidade recoñecida pola Consellería de Política Social" para acoller os 317 menores migrantes non acompañados propostos no reparto do Ministerio de Infancia e Xuventude "evidencia a sobresaturación dun sistema que, segundo a propia Administración autonómica, xa opera por riba das súas posibilidades".

O COP amosou a súa "fonda preocupación" pola "situación crítica" que atravesa o sistema, que -sinala- constitúe "unha realidade amplamente denunciada por profesionais, organizacións sociais e medios de comunicación, que supón unha vulneración sistemática dos dereitos da infancia e da adolescencia". 

O Colexio de Psicoloxía amosa a súa "fonda preocupación" pola "situación crítica" que atravesa o sistema que "xa opera por riba das súas posibilidades"

"Desde os equipos profesionais que traballan neste ámbito percíbese un sistema colapsado, infradotado e sen planificación axeitada, que deixa sen protección a menores en situación de risco e non garante unha atención adecuada a aqueles que xa están tutelados", di o Colexio. 

Engade que "a pesar do aumento das situacións de risco e desamparo detectadas polos equipos técnicos, os recursos humanos e materiais non se teñen adaptado á demanda crecente. Isto deriva en listas de agarda para a avaliación de casos, atrasos inxustificables nas intervencións e unha atención insuficiente e desigual, dependendo do territorio".

Mozos participantes no programa Mentor a través de Igaxes, nunha imaxe de arquivo en Ourense © Igaxes

Para o Colexio, este panorama é "consecuencia directa dunha escasa vontade política e institucional por parte da Administración galega para priorizar a atención á infancia"

Para o Colexio, este panorama é "consecuencia directa dunha escasa vontade política e institucional por parte da Administración galega para priorizar a atención á infancia". "A falta dunha estratexia integral, a escasa coordinación entre servizos e a precariedade dos equipos técnicos —con profesionais da psicoloxía sobrecargados, sen estabilidade e sen marxe para a intervención terapéutica— agravan unha situación xa de por si crítica", afirma o COP.

A entidade reclama "reforzar os equipos multidisciplinares cun número suficiente de profesionais, entre eles psicólogos e psicólogas, con condicións laborais dignas, tempo e medios para unha intervención de calidade"

A entidade reclama "reforzar os equipos multidisciplinares cun número suficiente de profesionais, entre eles psicólogos e psicólogas, con condicións laborais dignas, tempo e medios para unha intervención de calidade". Ademais, pide "un incremento real dos recursos públicos que permita garantir prazas suficientes, alternativas familiares axeitadas e apoio especializado continuado".

"As nenas e nenos baixo protección non son cifras nin expedientes. Son persoas cuxo desenvolvemento emocional, físico e social está en xogo. Non podemos seguir mirando para outro lado mentres un sistema colapsado deixa sen resposta a quen máis o precisa", conclúe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.