A edición de 2020 da Estatística de Protección de Menores da Consellería de Política Social foi a última que incluíu o acrónimo Menas para referirse á "menores estranxeiros non acompañados". Dende 2021 o departamento do Goberno galego refírese a "nenos, nenas e adolescentes migrantes non acompañados", que nos formularios administrativos pasaron a figurar como NNAMNA.
A Xunta confirmou o acollemento de 26 menores migrantes chegados do colapsado sistema de protección de Canarias nun contexto de ampla controversia política
A definición que acompaña a ambos acrónimos non mudou. "Son menores de idade procedentes doutros países que se atopan en España en situación de desamparo por non estaren acompañados de ningún familiar". Pero nos últimos anos, o que era unha "referencia técnica para unha situación administrativa concreta" virou en alcume despectivo. Un "discurso de odio" que pretende presentar estes menores como "persoas que veñen delinquir"a o fío, por exemplo, da controversia política dos últimos días polo acollemento de menores migrantes chegados do colapsado sistema de protección de Canarias
Quen fai esta última reflexión é Deibe Fernández Simo, profesor do departamento de Análise e Intervención Socioeducativa da Universidade de Vigo que acumula máis de dúas décadas de experiencia laboral de acompañamento a menores tutelados como educador social e, ao tempo, unha dilatada traxectoria investigadora ao respecto. O tamén vogal do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia explica en conversa con Praza.gal os pasos que seguen estes rapaces e rapazas cando chegan a territorio galego nun marco que sería posible resumir con dúas variables: son poucos e teñen como prioridade atopar un traballo.
Ao chegaren a Galicia quedan baixo tutela da Xunta en centros residenciais. "O máis frecuente é que o acompañamento vaia ligado á formación básica para o emprego" a través de proxectos coma o Programa Mentor, que traballa con mocidade tutelada e ex-tutelada
Este pasado mércores a Xunta confirmaba, no marco da Conferencia Sectorial de Infancia e Adolescencia convocada polo Goberno de España, o acollemento de 26 destes menores "ante a saturación dos recursos" de Canarias e Ceuta. En total, as autonomías con gobernos do PP deron o seu visto e prace a cumprir a xa acordada recolocación de 400 menores en diferentes territorios do Estado, pero evitaron apoiar a reforma da Lei de Estranxeiría que estabilizaría este mecanismo alén de pactos puntuais.
En Galicia, en calquera caso, as cifras de acollementos son moi cativas. Os datos máis recentes da devandita estatística de Política Social datan de 2022, ano no que recibiron acollemento en Galicia 177 menores migrantes, con Marrocos, República Dominicana e Malí como principais países de procedencia. As cifras dos anos previos son aínda máis reducidas e as máis avultadas da serie histórica, de 2018 e 2019, apenas superaban os 200 nenos, nenas e adolescentes sen compaña familiar tutelados pola Administración galega.
A realidade do acollemento en Galicia
Pero, alén da controversia e do ruído -a propia conselleira Fabiola García combinou o anuncio dos 26 acollementos cun amplo catálogo de críticas ao Goberno de España, ao que achaca "deixadez"-, que sucede cando se apagan os focos e este nenos, nenas e adolescentes chegan a Galicia? Maioritariamente chegan "cunha traxectoria moi dura, especialmente se veñen da África subsahariana" e tamén "coas ideas moi claras", detalla Fernández Simo: "Buscar un futuro mellor para eles e para as persoas que quedan no país do que veñan" a través do traballo.
A realidade é "máis complexa" para menores de 16 ao seren derivados a centros escolares. "O factor socioeducativo é o gran ausente do sistema educativo galego"
Ao chegaren a Galicia, estes menores pasan a estar baixo a tutela da Xunta. "Entran en centros residenciais e aí se inicia un proceso de acompañamento" por persoal da Administración ou de entidades que colaboran con ela. "O máis frecuente" é que este acompañamento vaia ligado "a conseguir unha formación básica para o acceso ao emprego", especialmente se teñen 16 ou máis anos, isto é, idade legal para traballar. Máis aínda, detalla, grazas á reforma do Regulamento de Estranxeiría que, dende 2022, facilita o seu acceso ao permiso de residencia e traballo "por seren menores sen referente familiar adulto".
É frecuente que este acompañamento cara ao mundo laboral chegue a través do programa Mentor, un proxecto canalizado a través da ONG Igaxes con financiamento do Goberno galego e do Fondo Social Europeo para a inserción sociolaboral da mocidade de 16 a 21 anos -excepcionalmente, ata os 25- que estea ou estivese baixo tutela da Xunta. O último ano con datos completos, o 2022, programa Mentor atendeu 679 mozas e mozos tutelados ou ex-tutelados, entre os que se inclúen migrantes sen amparo familiar.
Cuestión diferente é cando estes menores non chegan aos 16 anos. A súa situación é "frecuentemente, máis complexa", advirte Fernández Simo, porque adoitan ser "derivados a centros escolares e introducidos en contextos académicos" que, por unha banda, "non se axustan aos seus intereses" e, por outra, carecen de "estratexias socioeducativas" e mesmo de recursos para salvar barreiras como a idiomática. "O factor socioeducativo é o gran ausente do sistema educativo galego" mesmo en casos de "especial vulnerabilidade" coma estes.
"O peor inimigo" dos menores migrantes "é a ignorancia". Ao comezaren a traballar en empresas galegas, ilustra Fernández Simo, adoitan virar "nos mellores embaixadores para romper calquera estigma"
A acollida "funciona moito mellor con formacións orientadas ao ámbito laboral" e que facilitan que os menores "estabilicen a súa situación". E se acaso, nun momento posterior, "valoren obter a ESO" ou abordar outro "itinerario académico" nun contexto no que o educador lamenta que dende diferentes instancias se dea en presentar "a estes rapaces e rapazas como un problema". "Hai que asumilos como unha oportunidade", primeiro "para mellorar a súa vida", pero tamén "para que a sociedade galega conte con rapaces que teñen unha motivación tremenda por construír un futuro e integrarse nun país coma o noso, cos problemas demográficos que ten".
Neste sentido, Fernández Simo acredita por experiencia propia que "o peor inimigo que teñen" os menores migrantes que chegan a Galicia "é a ignorancia", o descoñecemento en torno ás súas realidades e á súa conduta. Así, por exemplo, cando "un rapaz cun itinerario migratorio destas características" comeza a traballar nunha empresa, exemplifica, adoitan virar "no mellor embaixador que pode haber para romper calquera estigma". "Eles mesmos che contan que lles abriron a porta outros compañeiros" co seu bo desempeño, evoca mencionando o seu período de acompañamento en inserción laboral.
A importancia do acompañamento
"Cun mínimo acompañamento socioeducativo saen adiante", resume Fernández Simo, quen non obstante advirte de que o percorrido vital dos menores migrantes "está condicionado por como responde a sociedade de acollida". Así o acreditan os seus anos de traballo en intervención, pero tamén os estudos académicos nos que participou. Así, por exemplo, "a evolución en Galicia a través do programa Mentor é moito máis positiva que a que pode haber en Madrid -exemplifica-, con recursos ínfimos".
No percorrido vital dos menores migrantes é clave "como responde a sociedade de acollida", subliña o educador, que contrasta realidades como a galega cos "recursos ínfimos" e as "estratexias ineficaces" de, por exemplo, a Comunidade de Madrid
Porque as "estratexias ineficaces" de acollemento tamén poden acabar sendo aliadas das mensaxes de odio. "Se intervés como intervén a Comunidade de Madrid, enfocas estes rapaces á exclusión", lamenta para describir un panorama de "centros masificados" ou mesmo aloxamentos "en hostais cunha visita semanal" do persoal de acompañamento mentres subsisten con "vales de comida e pasan o día na rúa". Cal sería o destino de "calquera adolescente nesa situación"?, convida a reflexionar.
Ao cabo, coida Deibe Fernández Simo, un dos grandes retos na acollida de menores migrantes é que o debate público ao respecto se basee "na realidade" e non en discursos de odio con "mensaxes moi sinxelas" destinadas a "sementar, para que algo quede". "Eu recomendo que coñezan a estes rapaces, é a mellor vacina" fronte a este discursos e saber, por exemplo, como un mozo ao que el acompañou chegou a Galicia tras ter que "traballar para señores da guerra en Libia" e "fuxir polo mar" porque "prefería morrer no mar que dar a volta". "Como alguén cun pouco de humanidade pode iniciar este tipo de campañas?" pregúntase.