Os autores e autoras son mozos e mozas que se atopan eles e elas mesmas en situación de vulnerabilidade, protexidos por exemplo polo sistema de vivendas de acollida e tutela
O proxecto "A Tribo" é unha iniciativa das ONGs galegas Agareso e Igaxes co apoio da Fundación laCaixa no que nos últimos dous anos vén participando un amplo grupo de mozos e mozas co obxectivo de amosar en primeira persoa as vidas de persoas e colectivos en situación de vulnerabilidade social a través da gravación de curtametraxes. Despois dunha primeira fase que estreou os seus traballos na primavera do ano 2019, xa se poden ver as catro curtas da segunda fase do proxecto, creadas por 22 rapaces e rapazas de entre 14 e 19 anos ao longo dos meses de pandemia.
Os autores e autoras son mozos e mozas que se atopan eles e elas mesmas en situación de vulnerabilidade, protexidos por exemplo polo sistema de vivendas de acollida e tutela. En moitas ocasións trátase de menores que emigraron sós, sen a compañía de ningún adulto, e que agora pelexan por saír adiante no seu país de acollida, con todas as dificultades que iso implica.
Decidiron tratar temas como os conflitos familiares e o abandono infantil, a vida nunha vivenda de acollida, o racismo que sofren as persoas migrantes e o estigma que acompaña as menores tuteladas
Estes traballos amosan o que significa emigrar só cando es menor ou o que é vivir en pisos tutelados ou de acollida. Ademais, o proxecto publicou tres pílulas sonoras e varios ensaios fotográficos. Decidiron tratar temas como os conflitos familiares e o abandono infantil, a vida nunha vivenda de acollida, o racismo que sofren as persoas migrantes e o estigma que acompaña as menores tuteladas ou especialmente vulnerables. Guionizaron, protagonizaron e gravaron integramente as súas historias, co obxectivo de demostrar e demostrarse que a súa ollada sobre o mundo importa, que os conflitos que lles atravesan a vida a eles e elas importan.
eMe é unha curtametraxe de ficción sobre unha persoa menor de idade que decide abandonar o seu país cando se enfronta a uns cánones establecidos cos que non pode encaixar
Así, Jugar con ventaja é un documental sobre a súa experiencia como menores protexidos polo sistema de vivendas de acollida e tutela e sobre os bulos, os estereotipos e os prexuízos que a nosa sociedade proxecta sobre elas e eles. De igual xeito, eMe é unha curtametraxe de ficción sobre unha persoa menor de idade que decide abandonar o seu país cando se enfronta a uns cánones establecidos cos que non pode encaixar. Porén, as expectativas de mellorar a súa calidade de vida trúncanse cando chega a España e a acollida non é a que esperaba.
Pola súa banda, a dramedia Vacío legal é unha curtametraxe na que a solidariedade entre irmáns e unha voda de final inesperado consiguen reverter a inxustiza provocada por un pai machista e homófobo que pretende impedir que a súa filla herde a empresa familiar. Finalmente, en Malos rollos dúas adolescentes superan as súas desavenencias ao compartir as dificultades familiares que tiveron que atravesar na vida. A súa conversa deixa ver as marcas que deixan o abandono infantil e as responsabilidades prematuras.
"Escoitamos adultos comparar a nosa xuventude coa súa e tacharnos de irresponsables, sen coñecer a nosa realidade", denunciaba José Ignacio Quirós o pasado venres, na estrea das catro curtas
"Escoitamos adultos comparar a nosa xuventude coa súa e tacharnos de irresponsables, sen coñecer a nosa realidade", denunciaba José Ignacio Quirós o pasado venres, na estrea das catro curtas. "Nas nosas curtas, falamos sobre infancias marcadas pola familia", explica Chari Lojo, outra das protagonistas de A Tribo, "sobre nais que abandonan os seus fillos ou que os desprotexen ou que os obrigan a asumir responsabilidades que non lles correspoden e sobre as consecuencias que iso ten nas súas vidas".
"Falamos da nosa vida en vivendas" -continúa Lojo- "dos estereotipos que hai cara a nós e nos fan sufrir". "Non somos delincuentes", conclúe esta adolescente que vive nunha das vivedas do programa de protección da infancia que xestiona Igaxes, que engade: "só somos menores que necesitamos protección".
"Estas curtas son a nosa voz, velas axudaravos a ver a realidade a través dos nosos ollos", conclúe
"Os adolescentes temos unha voz pouco escoitada e temos dereito a ter unha opinión sobre os temas considerados de maiores, porque non sabemos menos que moitos adultos e porque nos afectan igual", denuncia outro dos integrantes do grupo, Jorge Fernandes da Faia. "Estamos no século XXI e non ten sentido que a nosa voz se siga desvalorizando. É unha época de cambios, estamos conseguindo dereitos e melloras na calidade de vida e deixar que as e os adolescentes falemos é un cambio máis que debemos conseguir", afirma. "Estas curtas son a nosa voz, velas axudaravos a ver a realidade a través dos nosos ollos", conclúe.