A pandemia de coronavirus converteuse nunha nova escusa para a difusión de mensaxes e estereotipos xenófobos e racistas, na que as persoas procedentes doutros países ou que pertencen a determinadas etnias e culturas son culpabilizadas pola expansión da enfermidade. Estes discursos están presentes na sociedade, e espállanse a través das redes sociais e grupos de Whatsapp, pero tamén son potenciados polas declaracións de moitos líderes políticos e gobernantes e, igualmente, son orixinados e amplificados pola acción de moitos medios de comunicación.
Determinados políticos e medios de comunicación contribúen a estender mensaxes e estereotipos racistas relacionados co coronavirus, que tamén se espallan a través das redes sociais
Temos o exemplo recente da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Ayuso, que este martes afirmou na Asemblea rexional que os contaxios en Madrid se están producindo "entre outras cousas, polo modo de vida que ten a nosa inmigración", nunha declaración que apuntaba sobre todo a fendas económicas e de clase, destacando a elevada densidade de poboación nos barrios máis pobres e con máis incidencia da enfermidade. Temos, así mesmo, numerosas informacións publicadas en medios de comunicación de todo o Estado, tamén galegos, que fan fincapé no risco ligado aos locais de hostalaría de determinadas comunidades, especialmente as procedentes de América Latina.
En resposta, o Concello de Santiago e a Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso), da man da Coordinadora Galega de ONGDs (CGONGD) vén de lanzar unha campaña titulada “Protéxete do racismo" que destaca que “ningunha raza ou cultura é responsable da Covid e ningunha etnia cumpre máis nin mellor as normas sanitarias".
“Ningunha raza ou cultura é responsable da Covid e ningunha etnia cumpre máis nin mellor as normas sanitarias", destaca a campaña
A campaña recórdalle á cidadanía de Compostela que os prexuízos culturais e raciais "son mentira e acaban volvéndose contra todos e todas nós". “É responsabilidade de todas e cada unha de nós loitar contra os bulos racistas”, conclúe.
A campaña lembra que xa a comezos do mes de maio o Secretario Xeral das Nacións Unidas, Antonio Guterres, destacou que “a pandemia segue desatando unha onda de odio e xenofobia, buscando chivos expiatorios e fomentando o medo” e instou os gobernos a “actuar agora para fortalecer a inmunidade das nosas sociedades contra o virus do odio”. Agareso sinala que os ataques contra as persoas de ascendencia asiática propagáronse en todo o mundo no comezo da pandemia e, máis tarde, os medios e as redes sociais espallaron en Galicia e no conxunto do Estado falsos rumores sobre a suposta maior expansión do virus entre a poboación xitana ou en bares “de ambiente latino”.
Agareso e Concello de Santiago lanzan a campaña "Protéxete do racismo"
A este respecto, o Consello pola Eliminación da Discriminación Racial ou Étnica denunciou este "tratamento mediático racista, antixitano e xenófobo por parte dalgúns medios de comunicación" con noticias sobre "a orixe da propagación da enfermidade ou supostos incumprimentos da corentena que aluden á orixe étnica, racial ou nacional das persoas implicadas".
Denúnciase o "tratamento mediático racista, antixitano e xenófobo por parte dalgúns medios de comunicación"
Esta campaña forma parte da V edición do Compostela + Solidaria, un programa de sensibilización e divulgación da Coordinadora Galega de ONGD que comezou o 14 de setembro e se estenderá ata o 5 de outubro en distintos espazos de Santiago: a praza Roxa, os comercios da cidade e a sala de cinema Numax, onde terá lugar un cinefórum contra os discursos de odio. As proxeccións serán os luns 14, 21 e 28 de setembro e o 5 de outubro e as sesións serán abertas e de balde.