A profesora e investigadora da Universidade da Coruña Belén Fernández Suárez é autora de ‘La alteridad domesticada. La política de integración de inmigrantes en España: actores y territorios’ (Bellaterra) e coautora, xunto con Renée Depalma, Ana Sánchez Bello e Verónica Verdía Varela de ‘La integración sociocultural en Galicia. Políticas y prácticas sobre inmigración’ (Catarata), dúas obras fundamentais para pensar a integración das persoas inmigrantes en Galicia e no Estado. Belén Fernández Suárez respondeu por correo electrónico as nosas preguntas sobre estes dous ensaios.
“Hoxe existen forzas que fan que a posición "asimilacionista" quede nunha posición "central"
O obxectivo xeral de ‘La alteridad domesticada’ é ver como se institucionalizan nos ámbitos estatal, autonómico e municipal as políticas públicas de integración de inmigrantes. ¿Por que poñer o foco aí, é dicir, como xorde esta investigación?
O interese no estudio das migracións creo que pode ser compartido pola propia historia pasada e recente de Galicia, e os lazos tan fortes que nos unen a esas experiencias migratorias a través de familiares, amizades e coñecidos. Dentro dese campo, e como socióloga, a verdade é que sempre me pareceu moi cativador como pregunta de investigación descubrir a capacidade das políticas públicas (e limitacións) para mellorar a vida das persoas, pero tamén a súa capacidade de reprodución e institucionalización.
En definitiva, descubrir ata que punto o cúmulo de decisións tomadas ten unha conexión co pasado -as vellas políticas destinadas á emigración-, unha capacidade de vida propia máis alá do seu éxito e fracaso, e finalmente, a súa petrificación como medidas nas institucións públicas. Considero que a forma na cal se produce a súa consolidación como políticas motivaría a súa continuidade porque as administracións públicas amosan un grao de cambio limitado e tenden a repetir os mesmos esquemas burocráticos e incluso argumentarios para manter esas políticas públicas en vigor.
Distingues tres perspectivas: asimilacionismo, multiculturalismo e interculturalidade. Hoxe téndese a considerar o multiculturalismo “superado” -ao entender que implicaba segregación das culturas-, mais xorde un novo asimilacionismo. Con que consecuencias? Que é o que si pode ser aproveitable do traballo de Kymlicka para o proceso de integración das persoas estranxeiras no noso contexto?
Na investigación efectivamente trátase e analízanse os tres modelos clásicos de integración cultural da poboación estranxeira: o asimilacionismo, o multiculturalismo e a interculturalidade. Case diría que hoxe en día o asimilacionismo é unha resposta social e tamén política asociada a percepcións conservadoras, pero se tivese que escribir agora sobre o tema tamén falaría dun proceso de segregación. Hoxe en día existen forzas que consideran que a poboación estranxeira non só debe amoldarse e perder os seus sinais identitarios nun proceso asimilacionista, senón que vai máis alá, negando a súa presenza, excluíndo esta poboación de dereitos sociais e civís, e incluso, ameazando coa súa expulsión masiva.
“As críticas desmedidas ao multiculturalismo polos principais partidos liberais e conservadores deixaron a esquerda sen modelo de integración porque parte dos seus axentes aceptaron esas críticas sen cuestionar o por que dese discurso descarnado".
Hoxe existen forzas que fan que a posición asimilacionista quede nunha posición "central". Pero para min o gran problema é que esas críticas desmedidas ao multiculturalismo por parte de voces conservadores e polos principais partidos liberais e conservadores deixaron a esquerda sen modelo de integración porque parte dos seus axentes aceptaron esas críticas sen cuestionar o por que dese discurso descarnado contra o multiculturalismo.
Para min o traballo de Kymlicka é fundamental para entender criticamente como esa ofensiva neoliberal contra o multiculturalismo serve para preparar o terreo do que despois será esa paradigma hexemónico da "integración cívica" e dos “esforzos de integración” por parte da poboación estranxeira, e incluso, xustificar que esa "non integración" debe conlevar a redución de dereitos.
Kymlicka nos seus traballos desmonta o que a todas luces resulta obvio, as políticas específicas dirixidas á poboación estranxeira non alteran o resultado do proceso de integración que se escapa a un impacto reducido dunhas medidas cuxo investimento en partidas económicas é ridículo. O proceso de integración das persoas inmigrantes como calquera proceso social é complexo e está atravesado por moitas variables.
Culpar estas políticas non se sostén á luz do seu impacto social. Kymlicka estuda o multiculturalismo na sociedade canadense que ten en común coa sociedade americana unha forma de estruturarse pola vía de grupos. Isto xa estaba na análise que facía Tocqueville no seu libro "Democracia en América", polo tanto, os grupos de inmigrantes estruturáronse en base á forma de funcionamento da sociedade americana e canadense, que é distinta da sociedade española.
“No conxunto do Estado Español existe unha idea moi forte e asentada no conxunto da sociedade de defensa da igualdade de dereitos e, neste sentido, unha gran aceptación de medidas que poidan ir nesta dirección de ampliar e equiparar dereitos”
Pero que pode achegar Kymlicka á idea de integración na sociedade española? Pois que no caso de Canadá a idea de multiculturalidade está tamén relacionada coa existencia dunha nación sen estado con lingua propia como é o Quebec -e coa presencia de minorías indíxenas tamén-. Pensar os dereitos colectivos tanto grupais como por territorios pode ser un exercicio de "integración social" para estas identidades.
Facelo abertamente pode ser unha forma de ampliar a democracia de forma aberta e participada. No Estado Español hai dereitos colectivos e grupais que se están exercendo pero que non se expresan de forma clara: por exemplo, o propio trato de favor recibido pola Igrexa Católica e o seu financiamento é un trato de favor a un grupo "minoritario" de persoas que practican a relixión católica de forma regular.
Os partidos de dereitas impoñen o seu marco interpretativo sobre a realidade migratoria: a inmigración como problema, a “protección” das fronteiras, a competición cos “nacionais” por uns recursos escasos, a “perda” de identidade nativa… Mais a nivel social mantéñense posicións positivas (defensa da xustiza social, dos valores humanitarios…), aínda que ambivalentes. Como afecta isto ás políticas de integración?
Penso que no conxunto do Estado Español existe unha idea moi forte e asentada no conxunto da sociedade de defensa da igualdade de dereitos e, neste sentido, unha gran aceptación de medidas que poidan ir nesta dirección de ampliar e equiparar dereitos. Isto é un factor positivo a nivel social. O que sabemos é que a preocupación sobre a "inmigración" sobe cando esta se converte nun discurso mediático e político no que efectivamente se incentiva unha visión negativa asociada a metáforas bélicas (asaltos, invasións, etc.), relacionada coa pobreza, e tamén con discursos de "chauvinismo de benestar" que asume que os beneficios deben ser principalmente para os "nacionais".
“Na fase actual, onde existen discursos de odio abertos aos inmigrantes, non contamos na lexislación con ferramentas para combater o racismo e as agresións xenofóbicas”
Cando estes discursos contrarios á inmigración crecen pola súa amplificación mediática e política as políticas de integración tenden a ser "ocultadas" por quen as está aplicando (especialmente polos partidos políticos) ou incluso "cuestionadas" en relación aos orzamentos que deben destinarse ás mesmas.
Na fase actual, nunha fase onde existen discursos de odio abertos aos inmigrantes, non contamos na lexislación con ferramentas para combater o racismo e as agresións xenófobas, en parte, porque non se quixo avanzar e protexer nun grao maior a poboación de orixe estranxeira. Pensemos que se en España se articulan medidas de integración foi en parte polos sucesos racistas de El Egido do ano 2000, onde un suposto homicidio dunha moza por un rapaz estranxeiro de orixe magrebí con problemas psiquiátricos provocou unha vaga de violencia sen precedentes. Isto provocou a resposta política que sempre vai por detrás dos cambios sociais.
A nivel legal, houbo algúns cambios nos últimos anos. A “crise” económica serviu moitas veces para tentar xustificar os retrocesos en dereitos mais, é unha cuestión máis ben ideolóxica? Cales son as diferenzas fundamentais no discurso respecto ao dereito á sanidade, vivenda, educación e servizos sociais das persoas estranxeiras entre os partidos de dereitas e de esquerdas? (PP, PSOE, Podemos, IU)
En liñas xerais, a esquerda é proclive a manter ou aumentar os dereitos das persoas estranxeiras. Pero considero que existen posicións diferentes entorno a tres cuestións: control de fronteiras, dereitos políticos e a inclusividade nalgúns "dereitos sociais" concretos.
A primeira diferencia entre os partidos de esquerda estaría en que o Partido Socialista como partido de goberno mantivo unha liña continua coas políticas do Partido Popular en materia de control de fronteiras, expulsións, acordos bilaterais con países limítrofes, o mantemento dos centros de internamento de estranxeiros (CIE), e o control interno a través das forzas de seguridade do Estado que implican identificacións, tramitación de ordes de expulsión, etc.
“O Partido Socialista optou por unha xestión conservadora do dereito ao voto que rebaixou a súa inclusividade e puxo barreiras no seu exercicio nos comicios locais”
Fronte a estas políticas tanto Izquierda Unida como Podemos son moi críticos pedindo o peche dos Centros de Internamento de Estranxeiros (CIE) ou que España permita ás entidades sin ánimo de lucro o rescate a través de barcos das persoas inmigrantes e refuxiadas que están morrendo no Mediterráneo. O diferencia entre Podemos e Esquerda Unida estaría en que Podemos asume a axenda de reivindicacións de Esquerda Unida e tamén lle engade as que proceden de movementos sociais antirracistas e contrarios á existencia de fronteiras.
O segunda cuestión na que existen diferencias é na do acceso ao dereito ao voto por parte das persoas estranxeiras. Aquí o Partido Socialista optou por unha xestión conservadora deste dereito que rebaixou a súa inclusividade e puxo barreiras no seu exercicio nos comicios locais. Para comezar só poden votar aquelas persoas estranxeiras de países nos que existe un convenio bilateral asinado que permite aos españois residentes nestes estados o dereito ao voto nas eleccións locais. Ademais, só se concedeu este dereito nas eleccións municipais, e para finalizar, é preciso solicitar o voto e incluso pagar unhas taxas para ter dereito ao mesmo. Isto provoca un índice de participación moi baixo entre as persoas estranxeiras que poderían exercer o mesmo. As posicións de Esquerda Unida que fixo desta demanda parte da súa bandeira cara á poboación estranxeira, e posteriormente, de Podemos son máis xenerosas.
Finalmente, o Partido Socialista na súa acción de goberno puxo límites ao acceso a algúns dereitos como o acceso a vivenda pública para o que se precisa antigüidade, o dereito a prestacións por dependencia, ou a non equiparación absoluta do traballo doméstico ao réxime xeral da Seguridade Social e polo tanto aos dereitos laborais que conleva adiando este cambio e pospoñéndoo na axenda. Neste sentido, as formacións de Izquierda Unida e Podemos son contrarias a este tipo de medidas pois queren un Estado de Benestar máis xeneroso e inclusivo que o que podemos ter na actualidade.
As diferencias entre o bloque de esquerdas e o bloque de dereitas -Partido Popular e Ciudadanos- estarían na concepción da inmigración só como laboral por parte destas forzas políticas, polo tanto, como temporal. Son defensores dunha política de control de fronteiras máis férrea, da aplicación dun maior control interno, e de que no mellor dos casos o acceso ao Estado do Benestar estea condicionado pola situación de regularidade da persoa estranxeira (incluso que se atope nunha situación activa no mercado laboral).
“Coa chegada do Partido Popular ao goberno non se ampliou o número de convenios bilaterais que podería aumentar o número de persoas estranxeiras que poidan votar, é dicir, non se considera unha prioridade política”
Penso que ambas forzas son favorables a restrinxir os dereitos sociais das persoas inmigrantes en situación administrativa irregular. No plano político o que podemos ver é que coa chegada do Partido Popular ao goberno non se traballou e ampliou o número de convenios bilaterais que podería aumentar o número de persoas estranxeiras que poidan votar, é dicir, non se considera unha prioridade política e pensan que o dereito ao voto debe vir marcado en parte pola concesión da nacionalidade española.
A política migratoria do PP estivo centrada no 2000-2004 no control das fronteiras. Co goberno de Zapatero introdúcense algúns cambios que viran as políticas un pouco máis na dirección da interculturalidade como proceso bidireccional que implica as persoas inmigrantes e a sociedade receptora. En que sentido unha perspectiva asimilacionista ou ben intercultural condicionou neses anos as políticas respecto ás persoas estranxeiras? Cal é o enfoque, ao respecto, na actualidade?
O relato sobre a integración das persoas inmigrantes é un campo que se atopa influenciando pola academia. O primeiro Plan Estratéxico de Cidadanía e Integración (2007-2010) foi elaborado polo académico Lorenzo Cachón (UCM) e o II Plan de Cidadanía e Integración (2011-2014) por Carlos Giménez (UAM). Estes plans son aprobados polo Foro para a Integración Social dos Inmigrantes.
Pero máis alá do discurso que está en ambos plans as medidas, programas e políticas estaban máis baseadas nun enfoque social, laboral e educativo e con escaso peso das medidas máis interculturais como programas de mediación intercultural, cursos de aprendizaxe das linguas propias dos inmigrantes, apoio ao asociacionismo inmigrante, manifestacións culturais propias da poboación estranxeira... En definitiva, se miramos o peso das medidas pesaban máis as de integración social e educativa que aquelas que podían entenderse como propias da cultura das persoas inmigrantes. Polo tanto, a súa visión da integración primaba o asimilacionismo de facto.
“Se miramos o peso das medidas pesaban máis as de integración social e educativa que aquelas que podían entenderse como propias da cultura das persoas inmigrantes. Polo tanto, a súa visión da integración primaba o asimilacionismo de facto”
Ao analizar os discursos políticos a nivel das comunidades autónomas, distingues varios modelos: o asimilacionista do PP e Ciudadans; o tamén asimilacionista de partidos como CIU, pero pluralista na relación centro-periferia; o asimilacionista no ámbito cultural pero con apoio á interculturalidade en ámbitos específicos coma a educación ou as prestacións do Estado de Benestar, onde sitúas o BNG; e o modelo de integración cívica intercultural de Izquierda Unida ou ERC, por exemplo. Podes explicar a diferenza entre estes modelos? En que consisten os que non son asimilacionistas no plano cultural e lingüístico?
Para trazar unha tipoloxía de discursos sobre a integración da inmigración nun plano cultural temos que aplicar os mesmos eixes que dividen a clase política no Estado Español: centro-periferia e esquerda-dereita. Estas divisións políticas tamén teñen a súa influencia nos discursos sobre como deben incorporarse as persoas inmigrantes á sociedade de acollida.
As forzas conservadoras españolas e as forzas nacionalistas de dereitas teñen en común un desexo de protección da cultura e da lingua que perciben como ameazadas ante a chegada de persoas con capitais culturais diversos, e ante isto a súa resposta é defensiva e asimilacionista. Para as forzas de esquerdas e nacionalistas -como o Bloque Nacionalista Galego e Esquerra Republicana de Catalunya- existe unha certa ambivalencia entre as súas posicións: defenden máis dereitos sociais e/ou políticos pero tamén programas de integración cívica onde a aprendizaxe da lingua e a cultura propias destes territorios é central. Isto non quita que exista percepción de ameaza e que facilmente se poida pasar a un discurso moi asimilacionista, pero a súa pertenza a un espectro de esquerdas fai que teñan que matizar o mesmo.
“As forzas conservadoras españolas e as forzas nacionalistas de dereitas teñen en común un desexo de protección da cultura e da lingua que perciben como ameazadas ante a chegada de persoas con capitais culturais diversos, e ante isto a súa resposta é defensiva e asimilacionista”
No caso dos partidos políticos de esquerda os seus sinais de identidade son a defensa do público e do Estado do Benestar, da democracia e do aumento de dereitos cívicos e políticos, polo tanto isto trasládase ao campo cultural. Sen ter unha excesiva coherencia no discurso son quen poden propoñer un modelo pluralista de convivencia no que teña cabida o respecto á diferencia.
Pero isto tamén colisiona con posicións partidarias e na praxe ten un encaixe complicado, por poñer un exemplo, o peso do feminismo igualitario no Partido Socialista fai que unha cuestión como a prohibición do uso do "velo" no espazo público se poida converter nun debate encontrado. Ante este tipo de controversias a clase política deixa bastante liberdade ás distintas faccións territoriais, o que fai que non se adopte ningunha posición salomónica ao respecto.
En relación con iso, os partidos non teñen o mesmo discurso en todo o territorio do Estado. Comentas no libro que o discurso do PSOE catalán, por exemplo, non é o mesmo ca o do PSOE madrileño ou andaluz. Vistos os resultados das últimas eleccións (estatais e municipais), parece que o discurso antiinmigración máis ultra (o de Vox) prende de maneira desigual nas distintas comunidades autónomas. Que relación poden ter estes resultados desiguais cos discursos que xa tiñan o PP, PSOE e os partidos nacionalistas periféricos en Galicia ou Cataluña? E en Andalucía?
Penso que os resultados de VOX nos diversos territorios teñen que ver con distintas cuestións: tradición histórica democrática antifascista, traxectoria do voto e prevalencia por escolla entre dereita-esquerda e centro-periferia, apoio social nos distintos territorios a posicións de extrema-dereita, e zonas nas que existe máis tendencia a incorporar novas opcións políticas no xogo parlamentario. A resultante de todas estas variables - e outras que podemos valorar- podería explicar que os parlamentarios de VOX en Madrid procedan principalmente de Andalucía, Madrid, Murcia, Comunidade Valenciana e Castela-A Mancha.
“A politóloga Chantal Mouffe sinalaba que VOX é un fenómeno protofascista Alt-Right máis similar ao de Jair Bolsonaro en Brasil que un partido populista de dereitas e anti-inmigración europeo polo seu ideario e discurso”
A politóloga Chantal Mouffe sinalaba que VOX é un fenómeno protofascista Alt-Right máis similar ao de Jair Bolsonaro en Brasil que un partido populista de dereitas e anti-inmigración europeo polo seu ideario e discurso. Dentro dese discurso existen compoñentes de exaltación do pasado nacional español cunha reinterpretación da historia nesgada, un claro discurso contra a "ideoloxía de xénero" e antifeminista, unha visión anticuada da familia e das políticas familiaristas, unha posición contraria á inmigración, favorable a un estado forte pero combinado con rebaixa de impostos, un acento na visión securitaria do estado e nunha reforma penal claramente regresiva e aumentado as penas, e no centro do seu discurso unha loita furibunda contra a descentralización e as nacionalidades históricas, en definitiva, recentralizadora e asimilacionista.
A nivel de políticas públicas, comparas Madrid con Cataluña ou Andalucía. O modelo catalán tería unha perspectiva máis bidireccional. Alén dos discursos, cales son as mellores políticas de integración de persoas inmigrantes?
As políticas de integración de inmigrantes das tres autonomías están vinculadas con factores como o desenvolvemento das competencias das comunidades autónomas, o perfil e composición das migracións asentadas e os propios recursos económicos de cada comunidade autónoma. O primeiro que cabe destacar é que as autonomías precisaron de fondos estatais procedentes de Europa para desenvolver as súas políticas de integración dunha forma máis ampla. A día de hoxe a petición de recuperar estes fondos é unha demanda autonómica porque con fondos propios e despois dunha crise económica prolongada resulta complicado manter os programas para os gobernos autonómicos.
“En liñas xerais, o desenvolvemento de políticas innovadoras dentro do Estado lévanos a Catalunya”
En liñas xerais, o desenvolvemento de políticas innovadoras dentro do Estado lévanos a Catalunya. No deseño de políticas de integración de inmigrantes podemos ver que o primeiro plan autonómico de integración foi aprobado en Cataluña, antes que o primeiro plan estatal. Foron as iniciativas políticas de partidos cataláns os que posibilitaron a creación dun fondo autonómico para deseñar estas medidas de integración e das que se beneficiaron o resto de autonomías. Neste sentido o modelo catalán é de entrada un modelo pensado no público, no desenvolvemento de estruturas, na contratación de técnicos a nivel local, na elaboración de perfís técnicos, na creación de pactos institucionais, e finalmente, máis coherente na súa implementación.
“O caso de Madrid implica un desenvolvemento tardío das competencias autonómicas que tamén fai que as medidas de integración sexan máis iniciativa do goberno municipal de Madrid que do propio goberno rexional”
O caso de Madrid implica un desenvolvemento tardío das competencias autonómicas que tamén fai que as medidas de integración sexan máis iniciativa do goberno municipal de Madrid que do propio goberno rexional. Durante a época de expansión económica os gobernos do Partido Popular chegaron a crear Consellerías de Inmigración nas súas estruturas, pero o seu modelo sempre implica unha certa externalización en entidades do terceiro sector, fundacións, asociacións de inmigrantes, etc. A novidade do goberno do Partido Popular de Madrid está en apoiar un tecido social afín políticamente e que traballa con poboación estranxeira. A redución do gasto público fixo que este modelo se contraese moito a través da redución á mínima expresión das axudas pública para manter os seus centros específicos no territorio.
Finalmente, Andalucía como porta de entrada de inmigrantes a través do sector da agricultura ten que articular unha serie de políticas de acollida importantes xunto coas medidas sociais para garantir as necesidades básicas. No caso andaluz implementouse un sistema municipal de programas de integración que trasladou aos concellos estes servizos. Tamén destacan o apoio a entidades do terceiro sector moi solventes en canto estrutura, máis que noutros territorios.
O segundo libro, ‘La integración sociocultural en Galicia’, formúlase como obxectivo principal entender as perspectivas dos inmigrantes sobre a propia integración. O primeiro capítulo sinala a comunidade galega como un territorio referencial para o estudo da mobilidade humana, entre outros motivos pola “superdiversidade migratoria”. Por que é Galicia especialmente interesante para o estudo deste tema? (Tendo en conta que non está moito na axenda política nin mediática).
Galicia é un espazo xeográfico privilexiado no que se entrelazan procesos migratorios históricos e contemporáneos, en definitiva, un territorio caracterizado por unha superdiversidade migratoria que superpón nun mesmo contentor espacial mobilidades diferenciadas: a emigración transoceánica a América desde a metade do século XIX á metade do século XX, a emigración a Europa nos anos 60 ata a crise do petróleo, o retorno de emigrantes, a chegada de inmigrantes económicas con vínculos previos con Galicia e sen vínculos previos, a "nova emigración" galega a Europa despois da crise económica, e finalmente, o incremento da inmigración na etapa de recuperación económica.
“Galicia constitúe un obxecto de estudo privilexiado e dotado dunha enorme diversidade e riqueza de matices”
Todo estes factores converten Galicia nun obxecto de estudo privilexiado e dotado dunha enorme diversidade e riqueza de matices. Sen falar das particularidades da inmigración en Galicia: a súa presenza no sector pesqueiro, os cambios no sector da agricultura que atrae inmigración do Este de Europa nos cultivos de arandos no interior de Lugo, o sector forestal como un polo atractor de man de obra estranxeira, a presenza invisible da comunidade portuguesa en Galicia, etc.
Coa “crise” e, en canto a políticas públicas, pásase de poñer énfase na interculturalidade a poñelo na diversidade, considerada desde o punto de vista individual. Nos concellos, imponse un modelo de integración orientado a fundamentar o “esforzo de integración” da poboación estranxeira, que prioriza a inserción laboral en detrimento doutras cuestións. E, en xeral, as políticas de intervención redúcense, no ámbito autonómico e local, á inclusión social, no marco da “austeridade”. Que consecuencias teñen estes cambios para a integración das persoas inmigrantes, sobre todo a nivel local? Que se debería priorizar, ademais da inclusión laboral?
Durante a crise económica, incluso despois do goberno bipartito, foise reducindo o investimento en programas de integración de inmigrantes. As subvencións da Xunta de Galicia diríxense a financiar entidades do terceiro sector e concellos. Estas axudas diríxense a priorizan programas de integración laboral, de mellora de competencias lingüísticas e de reforzo educativo do alumnado estranxeiro, de asesoría xurídica, cursos de esforzo de integración, e de forma marxinal, a mediación intercultural.
“Durante a crise económica, incluso despois do goberno bipartito, foise reducindo o investimento en programas de integración de inmigrantes”
Son fondos xestionados pola Xunta de Galicia pero de procedencia europea. A maioría de entidades do terceiro sector e de concellos dependen destas axudas para manter os seus programas. Estes programas son fundamentais para mellorar a vida das persoas inmigrantes, para lograr obter un permiso de traballo e residencia, para reagrupar ás súas familias, para poder comunicarse aprendendo a lingua de destino, para mellorar o rendemento académico de menores estranxeiros no sistema educativo, etc. Con moi poucos recursos lógrase un gran traballo de axuda e orientación a moita poboación estranxeira. A redución destes programas conleva o empeoramento e a información da que dispón un porcentaxe importante de poboación estranxeira residente, que por outro lado, é un dos colectivos máis afectados pola crise e un dos que máis lles está custando baixar as súas taxas de desemprego e pobreza.
“Deberiamos priorizar unha inserción integral que implique a un equipo técnico amplo, e en rede no que flúa a información entre os diversas entidades do terceiro sector, ben formado e con sensibilidade intercultural”
Deberiamos priorizar unha inserción integral que implique un equipo técnico amplo, e en rede no que flúa a información entre os diversas entidades do terceiro sector, ben formado e con sensibilidade intercultural, e que posibilite información para lograr cubrir as necesidades básicas. O problema que temos cos programas de inmigrantes son os mesmos que os dirixidos aos distintos colectivos de atención especializada dentro dos Servizos Sociais. Temos un piar do Estado do Benestar infradotado e desenvolvido no que se debe investir en profesionalización, atención e na xestión dunha poboación máis diversa.
“É preciso un pacto social para rebaixar as elevadas taxas de exclusión e vulnerabilidade social”
É preciso un pacto social neste sentido para rebaixar as elevadas taxas de exclusión e vulnerabilidade social. Desde esa base é posible construír un terceiro sector forte e unha especialización na atención a inmigrantes que tiñamos, pois moitos destes programas e profesionais teñen unha experiencia enorme na atención a este colectivo, pero están a desmembrarse e a ser traspasados os profesionais a outras áreas.
Na análise dos discursos dos profesionais especializados na atención á poboación estranxeira, detectades en Galicia o predominio de dous perfís: o “socialdemócrata igualitarista” e o “asimilacionista civilizatorio”. En que consisten estes perfís? Cal sería para vós o perfil máis axeitado? (Porque penso que non é ningún dos catro que atopastes).
Estes perfís están baseados en discursos das técnicas locais que traballan coa poboación estranxeira, e en ocasións, podes ver nun mesmo discurso perfís distintos porque hai os enunciados sempre son líquidos e non excesivamente coherentes. Pero tratábase dun intento de clasificar as distintas visións sobre a integración cultural coa que nos atopamos entre os "burócratas da diversidade".
Os discursos dos asimilacionistas civilizatorios serían aqueles que se atopan máis cómodos co concepto de Habermas de "patriotismo constitucional", aínda que adoitan demandar máis esforzos por parte do "outro". Tratarían de impoñer as normas e imaxes que a través dun complexo mecanismo psíquico son aceptadas polos grupos societais como a súas normas e o seu ideal de sociedade. Estes profesionais especializados cren que as persoas estranxeiras deben realizar un esforzo por cumprir a lei porque consideran as nosas normas máis evolucionadas.
“Os discursos dos asimilacionistas civilizatorios serían aqueles que se atopan máis cómodos co concepto de Habermas de "patriotismo constitucional", aínda que adoitan demandar máis esforzos por parte do "outro"
Estos traballadores públicos asumirían implicitamente a implementación dun xiro restritivo nas políticas locais de integración de inmigrantes, demandando a través do esforzo cívico unha maior asimilación á sociedade de acollida. O estranxeiro debe converterse nun bo inmigrante e para elo debe someterse ao "estado de coidado" que guiará o seu proceso de integración para culminar nunha exitosa autonomía e asimilación cultural. Neste proceso as respostas de exclusión poden ser diversas: o traballador público pode quedar nun rol autoritario á hora de impoñer o seu criterio a través de contratos sociais marcados pola xerarquía desigual de ambos interlocutores.
Nese repertorio autoritario a xerarquía de valores da igualdade prima sobre a diversidade. Adoitan defender visións republicanas acerca do público, e amosar unha preferencia polos programas universais, evitando os programas específicos deseñados só para inmigrantes. No seu discurso enfatízase a cultura como proceso evolutivo e tamén se reforzan visións culturalistas e estereotipadas das identidades das persoas que frecuentan estes programas. A súa idea de integración está ligada á do cidadán perfecto, o bo salvaxe integrado.
Nos discursos "socialdemócratas igualitaristas" a exclusión da poboación está baseada en criterios económicos e de desigualdade entre nacionais e estranxeiros no acceso a recursos económicos. A resposta a estes procesos de exclusión consiste na necesidade de aumentar o gasto social para reducir as inequidades sociais. A súa visión da integración é económica e ten unha influencia do marxismo.
“Nos discursos "socialdemócratas igualitaristas" a exclusión da poboación está baseada en criterios económicos e de desigualdade entre nacionais e estranxeiros no acceso a recursos económicos”
O primeiro que hai que destacar é que contamos con excelentes profesionais formados e capacitados, pero falta como en todos os desempeños profesionais unha reflexión colectiva do que supón a acción profesional e como isto afecta á vida das persoas inmigrantes, como tamén os profesionais interiorizamos prexuízos que é preciso autocuestionarnos. Pensamos que ese tempo para o debate é necesario para levar a cabo unha actuación antirracista e favorecedora da diversidade na sociedade.
As persoas que traballan no terceiro sector (ONGs), inciden na necesidade de facer estensible o concepto de cidadanía (que desde o Estado de Benestar inclúe dereitos sociais) ás persoas migrantes. Isto entronca, por exemplo, cos discursos de asociacións antirracistas que insisten en que non se presente aos inmigrantes como a solución a problemas da cidadanía do país de acollida como a baixa natalidade ou as dificultades para pagar as pensións, senón como suxeitos (e non obxectos) co dereito a estar por si mesmos, non en función das necesidades de outros. Que pasos adiante poderían darse neste aspecto?
Penso que sobre a base do discurso de técnicos das entidades do terceiro sector que teñen unha enorme formación e capacidade crítica podemos sumar ese discurso antirracista e decolonial que está emerxendo tamén en Galicia. A visión utilitarista, laboral, temporal e economicista existente fai que a presencia das persoas inmigrantes se considere como ilexítima. É preciso ese xiro crítico conceptual e epistemolóxico para concibir a presenza migratoria como un dereito individual e colectivo que teñen as persoas e grupos humanos á mobilidade e a ser respectados como o somos o conxunto de persoas que podemos encarnar outro tipo de diversidade.
Penso que como uns primeiros pasos é preciso ese encontro entre profesionais de ONG, técnicos locais, membros de asociacións de inmigrantes clásicas, membros do movemento antirracista e decolonial, e demais profesionais da diversidade para que se produza de forma conducida esa aproximación, ese diálogo. Penso que desde ese encontro é posible seguir dando pasos e trazar unha axenda para incorporar estes enfoques máis alá da mediación intercultural, a formación ou o ámbito da arte ou das manifestacións culturais.
En canto ao que entenden por integración as persoas migrantes, nas vosas entrevistas saen a dimensión socioeconómica (acceso ao traballo, vivenda, educación, sanidade); a político-legal (dereitos da cidadanía) e a cultural (respecto á diversidade cultural e relixiosa), nun sentido antiasimilacionista (queren preservar as súas linguas e culturas), e intercultural (diversidade como oportunidade para o enriquecemento mutuo, dereito á diferencia, etc). Polo que se pode deducir, o concepto de “integración” das persoas migrantes é máis intercultural que o dos profesionais que traballan con eles nos Servicios Sociais, e seguramente dos que deseñan as políticas de intervención nas Administracións e, sobre todo, do manexado pola maioría dos partidos políticos. Houbo algún avance nos últimos tempos neste sentido (nunha perspectiva intercultural da intervención, quero dicir), a nivel galego?
En liñas xerais, na investigación quedounos moi claro que a idea de "interculturalidade" -quizais non dunha forma explícita- está moi presente no tecido asociativo inmigrante e nas persoas inmigrantes. Como poboación racializada sofre en maiores doses a vulnerabilidade social, peores condicións laborais e finalmente, un acceso ao Estado do Benestar que é cuestionado por parte dos discursos políticos e sociais (aínda que non os maioritarios). Na parte cultural, relixiosa e lingüística -especialmente colectivos como o marroquí- ve os seus dereitos parcialmente cercenados como pode ser a realización de manifestacións culturais no espazo público, á práctica relixiosa, ou á case imposibilidade da aprendizaxe da lingua propia no sistema educativa galego.
“En liñas xerais, na investigación quedounos moi claro que a idea de "interculturalidade" -quizais non dunha forma explícita- está moi presente no tecido asociativo inmigrante e nas persoas inmigrantes”
Por non falar do racismo expresivo ou directo que sofren na súa convivencia coa sociedade de destino, comentarios despectivos e comportamentos discriminatorios que teñen que escoitar no día a día. Existe un importante “gap” na incorporación da diversidade na planificación das políticas públicas, as políticas son deseñadas sen ter en conta as demandas da poboación estranxeira e tendo máis en conta que lle poden parecer á poboación autóctona estes programas.
“As políticas públicas son deseñadas sen ter en conta as demandas da poboación estranxeira e tendo máis en conta que lle poden parecer á poboación autóctona estes programas”
Penso que a nivel galego, e especialmente a escala municipal, o traballo feito e case invisible para o público polos gobernos da Marea Atlántica e de Compostela Aberta, sendo máis acusado no caso da Coruña desde a Concellería de Igualdade e Diversidade, foi moi interesante e innovador. Para comezar a aposta por sumarse ás cidades refuxio denunciando o incumprimento da carta de dereitos humanos e a inacción do goberno central á hora de non acoller refuxiados e nin tan sequera axudar ou impedir a súa morte no Mediterráneo ofrecendo a posibilidade de socorrer os mesmos no mar. Estes gobernos tiveron en conta a opinión de entidades do terceiro sector e asociacións de inmigrantes coas que houbo reunións permanentes e espazos de intercambio.
“Penso que a nivel galego, e especialmente a escala municipal, o traballo feito e case invisible para o público polos gobernos da Marea Atlántica e de Compostela Aberta foi moi interesante e innovador”
No caso da Coruña deseñáronse programas cun claro enfoque intercultural e executados por un tecido de entidades do terceiro sector asentadas na cidade que traballan coa poboación inmigrante. Un exemplo disto foi o proxecto piloto para incentivar a participación do colectivo de mulleres no servizo doméstico a través do Gabinete de Imaxinación Política e contando co colectivo Territorio Doméstico e Ecos do Sur, e financiado a través dunha convocatoria pública do CoLab. Houbo xornadas de difusión da perspectiva decolonial, e toda esa densidade do tecido social que traballa con este colectivo e esa vontade política a intervir e facer políticas para as persoas refuxiadas e inmigrantes axuda a que emerxan novos tipos de asociacionismo na cidade e á mellor formación do propio tecido técnico. Son experiencias que aínda están sen investigar pero que sen dúbida se viron truncadas polo cambio político.
Outro capítulo deste mesmo libro vincula as imaxes negativas sobre a inmigración transmitidas polos medios de comunicación co racismo cotiá sufrido, por exemplo, por migrantes marroquís e procedentes da África subsahariana, a pesar de mostrar España niveis de rexeitamento expresado á inmigración baixos en relación co resto de Europa. De que maneira, é dicir, en que aspectos concretos do seu discurso, os medios promoven ese racismo (ou microrracismo, que tamén se lle chama, como unha expresión do racismo cultural)?
Os medios de comunicación son transmisores de estereotipos negativos, e xustamente, unha cousa que nos chamou a atención é que para as persoas inmigrantes estas visión culturalistas e racistas están máis presentes nas producións fílmicas, e máis concretamente, nas series de produción española ou galega, que en contidos de tipo máis informativo. Dentro dos graos de manifestacións xenófobas ou racistas en Galicia o que atopamos son moitos casos dese racismo cotiá ou expresivo.
“Para as persoas inmigrantes estas visión culturalistas e racistas están máis presentes nas producións fílmicas, e máis concretamente, nas series de produción española ou galega, que en contidos de tipo máis informativo”
Loxicamente dentro da expresión do mesmo hai casos: simplemente aplicar estereotipos e outros de belixerancia racial. A lexislación permite este tipo de manifestacións e comportamentos ao non condenalos e perseguilos. Digamos que ningunha sociedade está exenta do racismo e da xenofobia, e que a porcentaxe de persoas que en Galicia se asocia con niveis de rexeitamento alto son baixos en relación aos países europeos. Pero existe esa relación entre intensificación de novas falando de inmigración e maior preocupación da cidadanía, polo tanto, é preciso informar pero á vez tomar conciencia crítica e tamén regular como determinados medios están a emitir as súas noticias con nesgos discriminatorios para determinados colectivos. Penso que é preciso regular esta cuestión sen menoscabar o principio de libre expresión, o binomio igualdade e liberdade deben equilibrarse tamén na produción realizada polos medios de comunicación.
Na construción da identidade europea, española e/ou galega en contraste coa alteridade foránea, o imaxinario sobre a muller magrebí correspóndese co dunha persoa sometida pola relixión, pasiva e sumisa. Desde unha visión estereotipada da muller “occidental” como ilustrada, moderna e libre fronte á muller “inmigrante” ignorante, pobre, atrasada, tradicional e sumisa, (e inferior, polo tanto). Redúcese, así, a complexidade da realidade a través do discurso da vitimización, submisión, etc, das mulleres magrebís, converténdose a velo nun símbolo desa submisión. Neste mesmo capítulo fálase sobre a percepción do profesorado sobre este mesmo tema. Que se podería facer desde as escolas para loitar contra este imaxinario que inferioriza as mulleres magrebís?
“Ningunha sociedade está exenta do racismo e da xenofobia, e que a porcentaxe de persoas que en Galicia se asocia con niveis de rexeitamento alto son baixos en relación aos países europeos”
Durante un tempo mentres houbo fondos estatais había profesorado especializado na atención ao alumnado estranxeiro, especialmente adicado ao aprendizaxe da lingua cando estes acababan de chegar. Estes profesionais que traballaron directamente con alumnado magrebí tiñan unha sensibilidade importante, incluso, moitos e moitas deles aprenderon árabe ou visitaron Marrocos simplemente para facer mellor o seu traballo. As axudas desapareceron e estes profesionais continuaron o seu traballo no sistema educativo en centros probablemente case sen presenza de alumnado estranxeiro. Dígoo porque este mesmo profesorado pode facer un papel fundamental á hora de tratar este tipo de cuestións e debates pola súa proximidade a este colectivo. É un valor que está inserto no sistema educativo e ao que probablemente non lle esteamos a tirar rendemento.
O que nos ensinaron as fantásticas etnografías realizadas no sistema educativo por sociólogos e antropólogos é que o profesorado leva á aula as súas preferencias e que estas en forma de subxectividade se manifestan de forma moitas veces imperceptible. A sobrecarga de traballo do profesorado e a súa burocratización fan que non existan espazos para falar da práctica educativa e de como tratar a transmisión destes estereotipos no sistema educativo.
“En Galicia temos catro profesores de lingua e cultura árabe financiados polo goberno de Marrocos naqueles centros con presencia de alumnado marroquí”
Tamén penso que temos mediadoras interculturais en Arteixo e en Vilaboa cunha experiencia prolongada de décadas traballando con mulleres magrebíes, e que elas á súa vez poderían realizar formacións ou axudar no seu deseño xunto con este profesorado que tivo implicación directa con alumnado magrebí. Incluso en Galicia temos catro profesores de lingua e cultura árabe financiados polo goberno de Marrocos naqueles centros con presencia de alumnado marroquí, a súa inclusión na planificación das guías docentes e nas actividades educativas podería ser maior para así poder combater ese tipo de visións estereotipadas e denigrantes da muller magrebí.
Para finalizar quería engadir que tamén o profesorado asume en ocasións unha posición contraria ao “velo” debido á propia posición do feminismo igualitarista e do laicismo francés onde foi prohibida esta prenda no espazo público. Non debemos esquecer que este debate divide o movemento feminista, pero que a posición hexemónica adoptada pola clase política é contraria ao uso desta prenda (curiosamente con maior aceptación entre os partidos conservadores, liberais e nacionalistas de dereitas, mentres que a esquerda está dividida entorno a este tema).
E xa por útimo, como poderiamos resumir as demandas do tecido asociativo inmigrante e, en xeral, dos vosos informantes, cara ás Administracións?
As demandas do tecido asociativo inmigrante son comúns ás doutros colectivos organizados. A cancelación das axudas públicas a estas entidades, que só reciben fondos esporádicos dos concellos, fan que a súa estrutura sexa moi feble -non hai apenas persoal contratado-, non teñen locais onde reunirse, e non teñen fondos -máis alá dos propios- para levar a cabo ningún tipo de actividade. Polo tanto demandan maiores axudas públicas.
Tamén son conscientes de que a crise económica provocou que moita poboación estranxeira en Galicia perdese o seu emprego, e isto conlevou situacións de extrema necesidade, co que tamén demandan maiores axudas para as persoas inmigrantes en situación de exclusión social, axudando estes colectivos a moitas persoas durante a recesión económica e incluso na actualidade onde moitas persoas seguen en situacións de vulnerabilidade.
“Os colectivos de inmigrantes tamén están interesados en transmitir a súa lingua e cultura aos seus descendentes, por isto tamén lles gustaría ter posibilidades para que fosen a clases"
Os colectivos de inmigrantes tamén están interesados en transmitir a súa lingua e cultura aos seus descendentes, por isto tamén lles gustaría ter posibilidades para que fosen a clases: isto en cidades de maior tamaño poboacional como Madrid e Barcelona é posible pero en Galicia é máis complicado, o que non quita que se estean organizando para intentar facer escolas e dar clases de forma informal.
Estas entidades tamén valoran a existencia de foros ou mesas de diálogo para ter un contacto e transmitir as súas necesidades ás Administracións, especialmente a través dos concellos. A petición para a Xunta de Galicia é a de voltar a articular unha liña de axudas para este tecido asociativo, que non suporía moitos recursos pero que lles permitiría maior visibilidade social. Finalmente, os colectivos marroquís solicitan cuestións coma un cemiterio musulmán que non existe en Galicia para poder ser enterrados aquí, e que se facilite o dereito á práctica relixiosa, e súmanse ao resto de demandas do tecido asociativo.