O racismo institucional suma o maior número de denuncias por xenofobia e trato desigual a persoas inmigrantes en Galicia. Segundo o infome que todos os anos publica SOS Racismo Galicia, estes casos de "racismo institucional" suman case 6 de 10 situacións denunciadas, referidas principalmente aos obstáculos no acceso a servizos públicos (sanidade, ensino, recursos...) e tamén ao trato recibido nas oficinas de estranxeiría.
No 2018 recolléronse 6 denuncias por agresións racistas ou xenófobas, fronte aos 5 casos recollidos en 2017, 4 no 2016 e outros 4 en 2015
Entre os 96 casos analizados aparecen tamén 10 situacións de discurso de odio, 8 casos de discriminación no acceso a servizos privados (alugueiro de vivenda, apertura dunha conta abncaria, acceso a locais de hostalería...), 6 de discriminación laboral, 6 casos por discriminación e condutas xenófobas entre particulares e 6 casos de abusos das forzas de seguridade públicas. No 2018 recolléronse 6 denuncias por agresións racistas ou xenófobas, fronte aos 5 casos recollidos en 2017, 4 no 2016 e outros 4 en 2015.
As persoas procedentes de Sudamérica, seguidas das procedentes do Africa Subsahariana, son os colectivos que máis consultas de asesoramento presentan nas ficinas de Información e Denuncia que funcionan en Vigo e na Coruña. Dun total de 96 casos recollidos, 18 afectaban a persoas en situación regular e 11 eran persoas racializadas de nacionalidade española; o resto, a gran maioría, eran persoas en situación irregular.
"Moitas das persoas que sofren cada dia o racismo e a xenofobia non denuncian estes conflitos por medo, racismo institucional, situación administrativa..."
O número total de casos nos que se realizou algún tipo de actuación a maiores do asesoramento ascende a 80. Hai 32 asuntos nos que se acudiu á vía administrativa como vía de posible reparación ou solución do conflito. En 25 casos se realizaron mediacións, deixando a vía xudicial civil en terceiro lugar, con 9 casos.
Dende SOS Racismo Galicia destácase que "moitas das persoas que sofren cada dia o racismo e a xenofobia non denuncian estes conflitos por múltiples razóns: medo, racismo institucional, situación administrativa, normalización, represalias, descoñecemento de dereitos ou pola idea xeralizada de que a denuncia non vai ter efectos ou non vai solucionar o problema concreto, entre outros motivos".
