SOS Racismo rexistrou o pasado ano en Galicia un total de 70 vulneracións de dereitos por motivos racistas. Delas, a maior parte (56) son casos de racismo institucional, motivados sobre todo polos obstáculos impostos ao acceso á sanidade e a outros servizos públicos, pero tamén polo trato discriminatorio por parte de funcionariado e, igualmente, vulneracións referidas a actuacións de corpos de seguridade. Estes casos de racismo institucional, que representan o 80% do total, dispáranse con respecto ao ano 2016, cando só supoñían o 16%.
A maior parte son casos motivados polos obstáculos impostos ao acceso á sanidade e a outros servizos públicos, pero tamén polo trato discriminatorio por parte de funcionariado e vulneracións referidas a actuacións de corpos de seguridade
Este mércores celebrouse o Día Internacional pola Eliminación da Discriminación Racial. Coincidindo con esta data SOS Racismo presentou os primeiros resultados do Informe Anual sobre Racismo e Xenofobia en Galicia, correspondente ao pasado ano. No acto, celebrado na Coruña, participaron tamén representantes de Ecos do Sur, Médicos do Mundo e do propio Concello da Coruña. SOS Racismo aclara que os datos recollidos son só unha mostra das situacións de discriminación que se producen a diario e sinala que a maior parte dos casos non se rexistran ou se denuncian de ningunha forma. Aínda que as denuncias poden ser realizadas a través da web, a maior parte chegan a través das Oficinas de Información e Denuncia (OID) existentes en Galicia (A Coruña e Vigo), sendo a da Coruña a que conta con máis actividade e apoio directo do Concello. De aí que 63 dos 70 casos correspondan á Coruña e á súa área metropolitana.
A maior parte das situacións de discriminación recollidas o pasado ano teñen que ver con actuacións que dependen directamente da administración e dos poderes públicos, dende trámites para o acceso a dereitos sociais, trámites de estranxeiría ou no acceso á nacionalidade, ademais das interaccións con axentes policiais e outro funcionariado. Porén, o groso das vulneracións prodúcense no campo da saúde. Para que unha persoa sen tarxeta sanitaria poida acceder á sanidade, o Programa galego de protección social da saúde pública esixe levar seis meses empadroado nun Concello galego e probar que non se teñen as rendas suficientes para poder pagar un seguro privado de saúde. Para isto, pídese achegar a declaración da renda ou un documento equivalente emitido no seu país de orixe.
"O problema é que a maior parte destas persoas están en situación irregular, polo que non poden presentar a declaración da renda. Ademais, o feito de pedir un documento equivalente no seu país de orixe implica moitas veces custos importantes e pode que mesmo nin sequera exista tal documentación", explica unha das avogadas de SOS Racismo. O Programa prevé unha terceira posibilidade: acudir a unha traballadora ou traballador social que elabore un informe sobre a situación económica desta persoa, "un trámite moi farragoso, que invade a esfera privada destas persoas e, ás veces, o informe non é nin sequera aceptado pola administración", explica.
Denúncianse situacións, así mesmo, de persoas que acoden a Urxencias e ás que o SERGAS lles emite unha factura co custo da atención que recibiron
Danse casos, ademais, de discriminación directa por parte de persoal laboral dos centros médicos. E denúncianse situacións, así mesmo, de persoas que acoden a Urxencias e ás que o SERGAS lles emite unha factura co custo da atención que recibiron, cando a lei prevé que ao ser unha urxencia estas persoas non teñen por que pagar directamente por este servizo. "Moitas destas persoas, cando non son asesoradas por entidades como SOS Racismo ou Médicos do Mundo, chegan a pedir préstamos para pagar estas facturas", sinala. "A realidade é que se lles está negando o dereito á sanidade a persoas que a propia instrución da Xunta recoñece que posúen. A sanidade é un dereito fundamental, que non pode ser negociado", denuncia. Para evitar estas situación, propón que "en lugar de pedir estes documentos, que o que fan é obstaculizar o acceso a este dereito social, a administración debería esixir unicamente unha declaración xurada que acredite que non teñen outra vía de acceso á sanidade".
No coloquio tamén participou Médicos do Mundo, que expuxo a situación de exclusión sanitaria que viven moitas persoas en Galicia e as eivas actuais no dereito á saúde dunha parte da poboación. O pasado mes de novembro a Rede Galega de Defensa da Saúde Pública, conformada polo Foro Galego de Inmigración, Médicos do Mundo, Amnistía Internacional, Plataforma SOS Sanidade Pública e a Asociación Galega de Medicina Familiar, presentou o informe Cinco anos de discriminación sanitaria en Galicia, que recollía 294 vulneracións das que Médicos do Mundo fora testemuña durante os anos 2016 e 2017. Os casos recollidos falan dunha discriminación constante que sofren as persoas migrantes en Galicia á hora de acceder ao sistema de saúde.
"Podémosche poñer osíxeno pero vanche mandar unha factura de 300 euros. Podes ir a Urxencias pero alí tamén che van facturar 300 euros" ou "Vas ter que vir outro día, isto leva moito tempo facelo e tes que deixar que pase a xente que está na cola" son dúas das indicacións que algunhas das persoas denunciantes recibiron de persoal sanitario ou administrativo e que figuran no documento. Ese informe pedía abolir por completo o Real Decreto-lei 16/2012 e lembraba, ademais, que o uso que por termo medio as persoas migrantes realizan do sistema sanitario é moi inferior ao que fan as persoas nacidas en España.
Agresións e discurso de odio
Médicos do Mundo rexistrou case 300 vulneracións do dereito á saúde entre as persoas inmigrantes en Galicia nos anos 2016 e 2017
As denuncias recollidas por agresións racista ou xenófobas durante o 2017 foron un total de 5, fronte aos 4 casos recollidos en 2016 e os 4 de 2015. Tamén se rexistran casos de discriminación no ámbito privado, en actos tan cotiáns como alugar unha vivenda, abrir unha conta bancaria, facer unha compra nun establecemento comercial ou acceder a espazos de hostelería ou ocio. En dous deses cinco casos as vítimas foron menores de idade, sinalando SOS Racismo Galicia que "o discurso de odio escoitado a través dos medios de comunicación e as redes sociais, está favorecendo actitudes e comportamentos racistas mesmo cara ás xeneracións máis novas".
O informe recolle que as persoas procedentes do África Subsahariana, seguida das procedentes do Magreb, serían os dous colectivos máis discriminados. A maioría das 70 persoas que sufriron estas vulneracións estaban en situación irregular (42), outras 21 atopábanse regularizadas e sete eran persoas "racializadas de nacionalidade española". "A irregularidade é un elemento que contribúe a sufrir unha maior vulneración de dereitos ou discriminación pola situación de maior vulnerabilidade fronte ao resto da cidadanía", sinalan dende SOS Racismo.
A entidade salienta que en 38 dos casos habería posibilidade de presentar unha denuncia por vía penal ou administrativa. Con todo, explica que nos máis dos casos "a persoa denunciante manifesta expresamente que non desexa seguir por esta vía por medo a posibles contradenuncias, polo desgaste psicolóxico e emocional ao ser vítima e por ter que xustificarse caendo o cargo de proba sobre ela, ou pola normalización deste comportamentos ou actitudes". Ademais, SOS Racismo advirte de que existen "dificultades de orde procesual ou administrativo que deberían correxirse si realmente se queren aumentar os baixísimos índices de denuncias que se realizan por actuacións discriminatorias".
A maior parte destas situacións non se denuncian de ningunha forma e, sobre todo, non chegan aos tribunais
O informe presentado este mércores na Coruña péchase cunha serie de propostas para reducir estas vulneracións de dereitos. SOS Racismo demanda a aprobación dunha Lei Integral en materia de igualdade de trato e non discriminación. Pídelle ademais aos distintos Gobernos que amplien "o foco da discriminación en actuacións cotiás que van creando o caldo de cultivo de actuacións máis graves". Demanda, así mesmo, "unha lei especifica que ordene os diferentes tipos penais relativos aos delitos de odio". E propón "incluír no currículo educativo de forma transversal a prevención da discriminación negativa o coñecemento das diferentes culturas".
"A Lei de Estranxeiría expulsa milleiros de persoas á pobreza"
Ecos do Sur alerta contra os efectos dos discursos de odio nas redes sociais e forma ciberactivistas para facerlles fronte
No coloquio, Ecos do Sur explicou o seu proxecto de activismo contra o ciberodio racista. O pasado ano a ONG coruñesa impulsou o proxecto CibeRespect para formar ciberactivistas contra o discurso do odio xenófobo, co obxectivo de proporcionar os coñecementos necesarios para poder identificar o discurso de odio, especialmente en liña, e establecer modos de actuación mediante distintas ferramentas para facerlle fronte. Estes discursos de odio difundidos a través das redes sociais e outros medios de comunicación "van creando un caldo de cultivo idóneo para que se produzan os delitos, para que non se denuncien e para que queden impunes", alertaba Natalia Monje, responsable de comunicación de Ecos do Sur.
Un dos profesores do curso, Edo Bazzaco (SOS Racisme Catalunya) destacaba en conversa con Praza que "non só hai que responder aos discursos de odio na rede, hai que xerar unha narrativa diferente". E alertaba dos efectos deste discurso de odio: "Este tipo de discursos de odio ten impactos moi profundos nas persoas que os sofren. Poden xerar illamento e medo". Advetindo ademais que "certas posicións que hai 10 ou 15 anos só eran defendidas por partidos ultras hoxe son asumidas por formacións que se presentan como máis moderadas".
Con motivo do Día pola Eliminación da Discriminación Racial, Ecos do Sur difundiu un comunicado denunciando que "a Lei de Estranxeiría expulsa milleiros de persoas á pobreza", explicando que "ás persoas en situación irregular exíxeselles conseguir un contrato de xornada completa e un ano de duración para acceder aos permisos", algo que xa é complicado para unha persoa en situación regular e moito máis para as persoas sen papeis. E sinala que "persoas que tras moitos anos e unha dura loita pola súa supervivencia conseguiran regularizar a súa situación, están agora perdendo os permisos ao atoparse, como tanta xente, nunha situación temporal de desemprego".
"As persoas ás que se lles denega reiteradamente o acceso aos permisos, non poden traballar legalmente e vense abocadas á economía sumerxida, sendo vítimas de abusos e explotación"
En referencia ás mortes dos dous senegaleses en Madrid, Ecos do Sur lembra que "miles de persoas, como o caso de Mame Mbaye, levan máis dunha década vivindo no país sen que se lles dea acceso aos permisos de residencia nin de traballo, a pesar de que contribúen á sociedade e á economía coas súas actividades, co seu consumo, pagando impostos directos". "As persoas ás que se lles denega reiteradamente o acceso aos permisos, non poden traballar legalmente e vense abocadas á economía sumerxida, sendo vítimas de abusos e explotación nas súas diversas formas", conclúe.