A denuncia de veto a un mozo negro nun pub volve pór o foco no racismo en locais de lecer

Interior do local de ocio coruñés © Playa Club

Todo saltou cando Jorge Espada, veciño da Coruña, pediu explicacións públicas a través das redes sociais a un coñecido local de ocio nocturno por prohibirlle a entrada a seu fillo sen razón aparente. Ao rapaz, nado en África e de pel negra, foille impedido o paso ao local xunto aos seus amigos, todos brancos, que si puideron entrar na discoteca. Ante a falta de explicacións, e de non haber unha xustificación clara e convincente, presentará unha denuncia ante un posible caso de discriminación racial. 

Un veciño denuncia que un coñecido local de ocio negou a seu fillo, de pel negra, a entrada sen razón aparente mentres os seus amigos, brancos, podían acceder sen problema

"Gardaron todos a fila e foron pasando, cando foi pasar meu fillo, dixéronlle que non; quixo marchar e deixar a cousa así, pero os seus compañeiros saíron, afeáronlle a conduta aos responsables da entrada e chamaron á policía local", conta o pai a Praza.gal. 

O afectado non lle quixo dar máis importancia. "Pero eu si porque me parece inaceptable, non só por el, senón polo que supón para a sociedade", explica. Foi daquela cando decidiu pedir explicacións públicas á empresa propietaria do local, Playa Club, ante as dubidosas e pouco convincentes razóns que lle deran ao rapaz, de 20 anos, na madrugada do sábado ao domingo. 

"A explicación que lle deron foi que cambiara a propiedade e que había novas normas sobre os criterios para permitir a entrada a algunhas persoas. Dado que o aspecto de meu fillo, por indumentaria e por idade, era exactamente igual ao do grupo de amigos, e dada que a única diferenza chamativa é a súa cor de pel, podemos pensar que é ese o único motivo", conta Jorge Espada, que non recibiu notificación ningunha da empresa, nin a través das redes sociais nin de chamada telefónica. 

O home segue a esperar unha contestación, que non chega. Si chegou o aviso de SOS Racismo Galicia, que lembrou ao Playa Club que "a negativa de acceso a locais de ocio por motivos racistas constitúe delito (artigo 512 do Código Penal) e unha falta administrativa sancionábel". "Agardamos a vosa explicación ante estes vegoñentos feitos, así como a publicación desa "nova normativa de acceso", dixo nas redes sociais. 

"Só pido unha explicación porque non lle dixeron en ningún momento que ía pasado, borracho ou que levaba zapatillas, algo tan habitual... Se lle din que hai unha festa para maiores de 21, pois tería marchado e punto, pero non foi así", relata quen di estar "seguro" de que o Playa Club está "enterado" do ocorrido e da repercusión dunha denuncia a través dun tuit que que supera os 6.000 rechouchíos. 

"A explicación foi que cambiara a propiedade e que había novas normas para permitir a entrada a algunhas persoas; meu fillo era igual ao resto coa única diferenza da cor da pel"

Este diario intentou, varias veces e por varios medios, poñerse en contacto cos responsables da empresa do local de ocio. Tras ser imposible inicialmente coñecer a súa versión do acontecido, este martes a empresa asegurou a Praza.gal ter probas videográficas que presentarán no xulgados no marco dunha denuncia por calumnias e difamación contra o pai do mozo, aseguran. "Non somos racistas, foi cortado por outras circunstancias. Temos moitos locais e pasa xente sen restrición de raza ningunha", agrega un responsable do local..

 Segundo fontes consultadas, a argumentación da empresa céntrase en dicir que a entrada lle foi prohibida ao rapaz por ir bébedo, situación que non se tería dado, en todo caso, con ningún dos seus compañeiros e só exclusivamente con el. E algo que non concorda coa versión do afectado nin dos amigos. 

"Non somos racistas, foi cortado por outras circunstancias. Temos moitos locais e pasa xente sen restrición de raza ningunha", afirman dende a empresa, que anuncia unha demanda contra o pai do mozo

Desde a administración local aseguran que se xestionará coa policía local e a través dos grupos de xestión da diversidade creados no corpo, polo que serán estes axentes os que acudan ao establecemento para coñecer máis detalles e advertir das malas prácticas e das súas posibles consecuencias, no caso de que se corroborasen os feitos. 

Ademais, o Concello asegura que estará atenta a este caso e a outros posibles que se denuncien, xa está en contacto coa familia do afectado e advirte que manterá a vixilancia ante posibles casos de discriminación ou de odio que se poidan producir nos locais de ocio. 

Non é a primeira vez que hai denuncias deste tipo en locais nocturnos da Coruña ou mesmo que se comproba, por parte de diferentes entidades, o racismo. En 2014, SOS Racismo Galicia levou a cabo un testing en cinco pubs da cidade, unha proba sobre a discriminación étnica no acceso a locais de ocio nocturno que se desenvolveu simultaneamente noutras catro cidades do Estado: Donostia, Zaragoza, Barcelona e Madrid. O resultado, logo de todas as experiencias, foi que no 37% dos establecementos visitados detectáronse casos de discriminación.

Un dos rapaces que fora discriminado daquela concedera unha entrevista a Praza.gal. "O clasismo e o racismo están unidos; se eu fose futbolista, tería entrado no pub", dixo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.