Memes, gifs e vídeos: a rapazada combate os discursos de odio na rede coa súa linguaxe do día a día

Hackaton nun centro de ensino contra os discursos de odio © Agareso

Hai seis anos a ONGD Agareso (Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social) botou a andar EpDLab, un proxecto de educación en valores que -co financiamento de Cooperación Galega- fai fincapé na formación no uso das TIC como medio de comunicación para a sensibilización social e que traballa nos centros de ensino galegos a través de obradoiros que inciden na análise crítica das mensaxes que se difunden nos medios de comunicación e nas redes sociais.

Nesta ocasión participa alumnado de 2º da ESO de IES do Milladoiro, de Brión, de Silleda, de Bueu e de Viana do Bolo

Dende entón centos de rapaces e rapazas participaron nesta iniciativa, que este xoves levará a cabo un hackaton en liña para combater o discurso de odio nos medios e nas redes sociais. Nesta ocasión participa alumnado de 2º da ESO de IES do Milladoiro, de Brión, de Silleda, de Bueu e de Viana do Bolo.

Este xoves levarse a cabo un hackaton en liña para combater o discurso de odio nos medios e nas redes sociais

O obxectivo é que a rapazada coñeza alumnado doutros lugares e colabore na elaboración dunha campaña de comunicación conxunta contra o discurso de odio. Para facelo, terán que reflexionar sobre a importancia que ten a subxectividade na lectura que facemos cada unha e cada un de nós dos contidos que recibimos a través dos medios e das redes sociais, descubrirán os mecanismos que favorecen o espallamento dos estereotipos e bulos e aprenderán a desmontar o discurso de odio que sofren as persoas migrantes ou outros colectivos.

"Trátase de crear contidos para contrarrestar as fake news, a xenofobia e o racismo na sociedade, nos medios e nas redes e contidos a favor dunha sociedade máis acolledora coas persoas migrantes e refuxiadas", explican dende Agareso. E todo a través "dun xogo que estimula creatividade e o diálogo, demostrando que colectivamente se poden facer cousas para cambiar a nosa realidade máis próxima e que a comunicación ten un gran potencial transformador", din.

O obxectivo é desenvolver a empatía e aprender a poñerse no lugar doutras persoas, evitar o uso de etiquetas ou estereotipos ao falar desas outras persoas que pertencen a outros países, culturas ou razas, desmentir bulos e denunciar os contidos racistas que vemos nas redes

Un Hackaton é unha maratón hacker, un encontro de traballo intensivo no que un grupo de persoas se coordina para solucionar un problema nun breve lapso de tempo. En anos anteriores celebrouse en Silleda, pero este curso ten que trasladarse á rede para sortear os riscos que suporía durante a pandemia xuntar rapazada de distintos centros de Galicia nun mesmo espazo.

Algunhas das claves coas que traballarán serán desenvolver a empatía e aprender a poñerse no lugar doutras persoas, evitar o uso de etiquetas ou estereotipos ao falar desas outras persoas que pertencen a outros países, culturas ou razas, desmentir bulos e denunciar os contidos racistas que vemos nas redes e reivindicar que todos os seres humanos debemos ter os mesmos dereitos. Farano, empregando a súa creatividade e o seu coñecemento das tecnoloxías da comunicación e das redes sociais para elaborar memes e vídeos contra o discurso de odio.

Hackaton nun centro de ensino contra os discursos de odio © Agareso

Seis anos de EpDLab

O éxito da iniciativa é resultado "do alto compromiso do profesorado con este proxecto, que precisa de moitas horas para poder levarse a cabo"

O artigo Narrativas Dixitais para potenciar la creatividade, la participación y el pensamento crítico en la ensinanza obrigatoria, publicado no Congreso Internacional sobre Aprendizaje, Innovación y Cooperación, afonda no funcionamento do proxecto e dos logros acadados nos seus seis anos de andaina.

Agareso destaca que o éxito da iniciativa é resultado "do alto compromiso do profesorado con este proxecto, que precisa de moitas horas para poder levarse a cabo". "A colaboración dos formadores na súa execución foi fundamental para poder mostrar agora todos estes resultados", din.

Trátase de empregar as mesmas linguaxes e ferramentas e a rapazada manexa de forma cotiá (memes, gifs, fotografías ou vídeos de Youtube), que conforman un ecosistema mediático coas súas propias regras, un novo código lingüístico

A través da análise da linguaxe mediática e da reflexión colectiva, diferentes grupos de estudantes de ESO elaboraron contidos dixitais ao redor de temas como a igualdade, a inclusión ou a xustiza social. Trátase de empregar as mesmas linguaxes e ferramentas e a rapazada manexa de forma cotiá (memes, gifs, fotografías ou vídeos de Youtube), que conforman un ecosistema mediático coas súas propias regras, un novo código lingüístico. 

O proxecto pregúntase "como afectan ao noso imaxinario sociocultural?", se "estamos a preparar ao alumnado para comprender e para utilizar estes recursos desde o ensino obrigatorio" e, sobre todo, "como fomentar a creatividade, a participación cidadá e o pensamento crítico a través desta narrativa dixital".

Hackaton nun centro de ensino contra os discursos de odio © Agareso

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.