A Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia reclama unha gran auditoría do sistema de protección na Xunta para facer "unha revisión a fondo" e tratar de "desbloquealo". "Os problemas enquístanse e vanse agravando de tempo en tempo”, di Xesús Vilas, presidente da POIG
Por lei, as e os menores de idade tutelados pola administración pública deben estar un máximo –non desexable– de dous anos nun centro residencial. A realidade é que moitos dos que entran no sistema de protección superan con moito ese tempo e algúns pasan practicamente toda a súa infancia neles. Así o explican desde as organizacións que traballan coas crianzas e a rapazada tutelada, que alzan a voz para mellorar o sistema e desbloquealo.
“En todas as entidades hai equipos educativos marabillosos, educadores e educadoras sociais incribles, pero onde se ten que desenvolver un neno é nunha familia que lle proporcione as atencións precisas ás súas necesidades. Cando tes vivido unha serie de situacións non é só cuestión de bo trato, requírese dun tempo de traballo”, debulla Sergio Puga, da Fundación Faiben de Vigo.
“Onde o sistema está máis ‘bloqueado’ é na Xunta, no que se chama o equipo técnico do menor, que é onde atopamos máis carencias. Os equipos teñen pouca xente, e como non é un dos postos máis atractivos, porque dentro da escala salarial non está ben recoñecido e hai un estrés importante, nos concursos de traslados hai moito movemento. Debido a isto, os problemas enquístanse e vanse agravando de tempo en tempo”, describe Xesús Vilas, presidente da Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG).
"Estamos falando dos nenos e nenas que máis coidado precisan de toda a sociedade porque son o sector máis vulnerable", asegura Xesús Vilas
Cando un menor está tutelado pola Xunta, calquera decisión que haxa que tomar sobre ese neno ou nena é unha decisión administrativa. A demora na toma de decisión repercute directamente no benestar destes menores, pois afectan mesmo ao traslado dun centro residencial ao acollemento familiar. “Hai nenos que poderían estar nun equipamento residencial un ou dous anos e logo pasar a estar cunha familia, e por falta de medios e dedicación xa non chegan a saír da residencia”, sinala Vilas.
A propia tutela por parte da Xunta dos menores que se acredita que non poden seguir no seu ambiente familiar é unha acción administrativa que tamén se ve afectada pola falta de persoal neste departamento da administración galega. Na vida dos nenos e nenas só uns cantos meses poden ser fundamentais a longo prazo. “Ademais, precisamos unha estabilidade no persoal e certa especialización para que os casos se sigan con coherencia”, apunta Vilas.
"Os obxectivos marcados para isto non se van cumprir: non podes ter unha política axeitada e unha falta de recursos que te impida acadar os obxectivos", indica Sergio Puga
Desde a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia critican que haxa ratios con entre 70 e 80 expedientes de menores por profesional da Xunta, “o cal é moitísimo”. Nun escenario “ideal”, solicitan que se diminúan á metade, pero se chegan a 50 expedientes por profesional xa o considerarían un grande avance. Precísase unha diminución gradual da carga de traballo destes técnicos e vontade política ao respecto, sinalan. Neste momento, trasladan que o seu grao de interlocución coa Consellería de Política Social é “bastante bo”, pero defenden que “chegou o momento de que isto se priorice”.
“A infancia ten que ser unha prioridade e o sistema atópase nun momento de certa saturación. E estamos falando dos nenos e nenas que máis coidado precisan de toda a sociedade porque son o sector máis vulnerable, xa que por moitas circunstancias están privados do dereito a vivir nunha familia con todo o que iso implica”, destaca Xesús Vilas.
"Sabemos que hai ocasións nas que non se deciden cousas porque unha vez ditado que un menor ten que entrar no sistema hai que ter onde mandalo", di Xesús Vilas
“Estamos de acordo coa estratexia da Xunta en canto á desinstitucionalización e fomento do acollemento familiar, co que non podemos estar de acordo é cos escasos recursos que se contan para isto. Os obxectivos marcados para isto non se van cumprir: non podes ter unha política axeitada e unha falta de recursos que te impida acadar os obxectivos, por moi be dirixidos que estean. Os rapaces son os primeiros que pagan calquera cuestión de vulnerabilidade social. A infancia debera ser unha prioridade e unha responsabilidade para a sociedade en xeral, non só para as administracións e as entidades, pero falta un concepto de tribo que faga que entre todas sexamos quen de protexer a esas nenas e nenos”, argumenta Sergio Puga, da Fundación Faiben.
Por outra banda, as entidades que colabora coa Xunta na atención destes menores están “asfixiadas” pola inflación e a suba dos prezos da vida, que non se corresponde coa asignación pública que reciben. Os contratos vixentes asináronse hai preto de seis anos e as condicións non inclúen unha revisión de prezos. O escenario global mudou as entidades están cada vez máis “tensionadas”.
Vilas explica que as traballadoras e traballadores das entidades que conforman a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia precisan “certo recoñecemento laboral” porque teñen que enfrontarse a situacións moi delicadas e dunha estimable complexidade. “Existe unha fuga de talentos de xente que sinte isto como unha vocación, pero que non pode seguir en determinadas condicións. Pasa como cos médicos, que teñen unha vocación pero moitos non queren pasar consulta nos centros de saúde”, exemplifica.
A Xunta quere poñer en marcha un novo procedemento de ‘concerto social’, que vai incluír esa revisión de custes para algúns supostos, pero desde a Plataforma –que representa a entidades como Acougo, Unicef, Faiben, Aseia, Meniños, Igaxes e Cruz Roja– agardan que a actualización dos prezos sexa acorde ao contexto actual porque as organizacións xa “sufriron moito” desde a pandemia da COVID-19. “A pandemia foi un acelerante de moitas cousas, e nisto tamén”, conclúe Vilas, que non pode afirmar que o número de menores no sistema de protección aumentase en maior medida debido a isto.
“As prazas están sempre ocupadas e sabemos que en moitas ocasións non se dá resposta a unha situación porque non hai espazo. Sabemos que hai ocasións nas que non se deciden cousas porque unha vez ditado que un menor ten que entrar no sistema hai que ter onde mandalo”, explica, para incidir en que desde a Plataforma apoian a estratexia da Xunta de apostar polo acollemento familiar, tanto en familia extensa como allea, para estes menores. “O mundo ideal sería que non houbese centros”, asevera Vilas, “pero neste momento son necesarios”.
“Outro problema é que a infancia está fóra do debate público e falamos de nenos e nenas que veñen con danos persoais que hai que intentar reparar”, apunta Xesús Vilas. Neste senso, a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia solicita unha auditoría do sistema de protección á infancia: “Parece que poñemos o foco máis no sistema que nos propios nenos e nenas, pero é que pensamos que hai que facer unha gran auditoría do sistema de protección. As entidades e a administración teñen que poder sentarse para facer unha revisión a fondo”.