A última vez que a Xunta recibiu unha nova transferencia de competencias, o presidente do Goberno galego era Emilio Pérez Touriño e do Goberno de España, José Luis Rodríguez Zapatero. Quen tiña encomendadas as relacións institucionais da Xunta co Estado era o vicepresidente Anxo Quintana e a súa homóloga pola banda do Executivo central, Elena Salgado. Era o verán de 2008, hai case 14 anos.
Este feito é sabido, pero nas últimas semanas producíronse algunhas novidades que nos levan a que no Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao, fagamos memoria e busquemos contexto, dende as promesas en materia de autogoberno lanzadas por Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda dende 2009 ata a actualidade.
No novo episodio do Fálase escoitamos as promesas en materia de autogoberno coas que Feijóo e Rueda chegaran á Xunta ao fío da reactivación do debate polas competencias sobre o litoral
Principiamos o episodio escoitando, na voz do propio Feijóo, un fragmento da presentación do programa co que o PPdeG concorrera ás eleccións de 2009 en materia de autogoberno. Principiaba coa promesa dunha reforma "constitucional" do Estatuto tras o bloqueo propiciado polo propio Feijóo dous anos antes. Continuaba coa promesa de retomar os traspasos de competencias pendentes, algo que nunca sucedeu.
Naqueles anos tamén Rueda, na altura secretario xeral e conselleiro da Presidencia, prometía retomar os traspasos. Fíxoo, por exemplo, en 2011, cando faltaban poucos meses para que o PP de Mariano Rajoy gañase as eleccións xerais por maioría absoluta. Tampouco aconteceu.
Chegamos así ao presente, cando o Goberno galego, antes con Feijóo e agora con Rueda, dixo ter interese en obter as competencias da xestión do dominio público marítimo-terrestre. Faino despois de que o Estado frease as súas intencións de permitir aumentar o volume de todas as edificacións que a Xunta considera tradicionais, todas as construídas antes de 1975.
O Goberno de España argumenta que para conceder ese traspaso cumpriría reformar o Estatuto e a Xunta afirma que non é preciso. Tamén BNG e PSdeG consideran que sería posible realizar a transferencia co actual texto estatutario, pero tamén poñen o foco en que os populares levan 13 anos gobernando e xa bateron todos os récords de conxelación do autogoberno. Ademais, tanto Ana Pontón como Valentín González Formoso apostan, dende cadansúas perspectivas, por retomar a reforma do Estatuto.
Familias que acollen
Neste episodio do Fálase detémonos tamén nun deses temas que son importantes, que afectan ás persoas, pero que en moitas ocasións quedan sepultados pola última hora e a urxencia permanentes. O pasado 31 de maio elebrouse o Día do Acollemento Familiar e, aproveitando a data, quixemos achegarnos a esta realidade a través dunha reportaxe de Ana G. Liste.
O acollemento familiar é a posibilidade de que as nenas e nenos que están baixo protección da administración poidan convivir nese tempo cunha familia, no canto de facelo nun centro de protección, no caso galego, dun centro da Xunta. No Fálase escoitamos as voces de representantes da Asociación Galega de Familias de Acollida, que nunha campaña en colaboración con Agareso e a Xunta resaltan a importancia de transmitir en que consiste esta realidade, en que a cidadanía a coñeza
Con Carmen Dourado e Rebeca Pereira coñecemos que o acollemento é unha figura recollida pola lei dende hai décadas e a máis recomendada, pero o groso de menores baixo protección da Administración seguen a vivir en centros. Con elas achegámonos, ademais, á experiencia da acollida en primeira persoa, xa que a presidenta deste colectivo é tamén acolledora.
Todos os episodios de Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.