Non se agardaban grandes pactos e non os houbo nun escenario que, se cadra, tampouco era o máis propicio para que os houbese. Pero das xuntanzas mantidas este luns en San Caetano polo presidente da Xunta coa portavoz nacional do BNG e co secretario xeral do PSdeG si sae a constatación dunha nova xeira política. O tempo dirá se esta é a era posFeijóo, a era Rueda ou o comezo da fin da era PP. Pero, ao cabo, nova xeira.
O presidente da Xunta centrou os seus primeiros encontros institucionais con Pontón e Formoso na axenda de asuntos que prevé trasladar a Pedro Sánchez cando o reciba na Moncloa
Alfonso Rueda recibiu -por orde crecente de representación parlamentaria- a Valentín González Formoso e a Ana Pontón nas instalacións da Presidencia da Xunta na sede administrativa central do Goberno galego. As mesmas que están amobladas por mobles que noutrora, como xefe de campaña do PP de Feijóo en 2009, Rueda considerara un "insulto á dignidade de todos os galegos" por seren fornecidos dende "empresas catalás", un "delito moral" do Goberno de PSdeG e BNG que presidía Emilio Pérez Touriño, a quen acusaba de "comportarse como o sultán de Brunéi".
Aquela artillería dialéctica disparábaa Rueda como número dous dun Feijóo que xa non está en Galicia e a quen agora presidente se afana en remudar, tamén nas súas relacións coa actual oposición. E tamén. na pugna co Goberno de España do PSOE e Unidas Podemos. Ou, se cadra, sobre todo neste eido. Non en van, o groso dos asuntos abordados por Rueda nas xuntanzas, segundo o propio presidente transmitiu despois, estiveron vinculados cos temas que el prevé trasladar noutro encontro, o que manterá nun futuro próximo con Pedro Sánchez na Moncloa.
A necesidade de inxectar máis fondos no Sergas, a comezar pola Atención Primaria, encabezou as reclamacións de BNG e PSdeG
Así, por exemplo, o titular do Goberno galego admite que un dos asuntos centrais abordados coa líder do Bloque e co secretario xeral socialista foi "o da sanidade" e, nomeadamente, o da carencia de persoal médico en Atención Primaria. Non obstante, Rueda centra a cuestión unicamente en que o Estado "autorice unha convocatoria extraordinaria" de prazas de formación nesta especialidade, xa que para a Xunta esta é "a principal dificultade". Con Pontón e Formoso, di, buscou unha "postura de país" neste aspecto e tamén pediu o seu soporte para defender ante Sánchez a posición política da Xunta en materia de xestión dos fondos europeos, de infraestruturas ou de competencias sobre o litoral.
"Para que nos convocou?"
Que Rueda centrase as reunións en asuntos de competencia estatal foi a principal eiva sinalada pola portavoz nacional do BNG. "Saímos preguntándonos para que nos convocou se non quere chegar a acordos naqueles asuntos que son da súa competencia", resume Ana Pontón, que chegou a San Caetano cun plan para inxectar 200 millóns de euros adicionais en Atención Primaria, a petición de que as sete residencias de maiores que proxecta a Xunta nas cidades teñan xestión pública ou a proposta dun "plan de choque" fronte á crise de prezos, entre outros aspectos.
Pontón: "Non quere chegar a acordos naqueles asuntos que son da súa competencia"
Explica a líder do Bloque que, alén das boas formas, Rueda a recibiu con "xeneralidades a respecto dunha proposta para unha reunión que lle ten solicitada" a Pedro Sánchez e, se ben "o BNG vai estar sempre" na defensa "dos intereses de Galiza, goberne quen goberne" no Estado, non deixa de ser "moi doado acordar sobre o que depende dos demais". "Non sei -pregúntase Pontón- se o presidente da Xunta quería unha foto; ten esa foto", pero dela non saen "alternativas aos problemas dos galegos e galegas". Se cadra, conclúe, que o Goberno continúe "encastelado en que o fai todo ben" non é máis ca outra mostra de que "o PP é cada vez máis pasado" de Galicia mentres quen "lidera" a "alternativa" é o BNG.
"Resignación e inmobilismo"
Tamén o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, aprecia falta de impulso político no actual presidente. El, explica, acudiu a San Caetano cunha proposta de "medidas urxentes fronte ao colapso sanitario", dende achegar 140 millóns de euros máis "para comezar a recuperar os preto de mil profesionais" que o Sergas "perdeu dende 2009" ata implantar un tope máximo de 48 horas para a espera en Atención Primaria. Tamén, lembrou, acudiu á xuntanza cunha aposta por incrementar o investimento en I+D+i ata chegar como mínimo á media estatal do 1,41% do produto interior bruto (actualmente non chega ao 1%) ou un pacto para reformular a política eólica.
Formoso cre que o presidente da Xunta debera "tomar nota das competencias propias para axudar os galegos"
Pero o que atopou, lamenta Formoso, foi "resignación e inmobilismo" fronte a estas e outras propostas, como liñas de axuda fronte á crise de prezos. Rueda, sinala o líder socialista, debera "tomar nota das competencias propias para axudar os galegos e galegas", con independencia de que o PSdeG nunca vaia "deixar de lado as reclamacións que se poidan facer dende Galicia ao Goberno do Estado. A Galicia, conclúe Formoso, non lle cómpre máis "resignación", senón "ilusión e esperanza" e iso, di, chega dan man do PSdeG.
"Cordialidade" no ton e algúns cambios nas formas
Concluían así senllas xuntanzas nas que Rueda desouviu as peticións concretas de Pontón e Formoso nas cuestións sanitarias que encabezaban cadansúas axendas, mais nas que tamén optou por desviar cara ao Estado as reclamacións políticas máis transversais, como as do incremento de competencias tras trece anos en branco. Neste sentido, a portavoz nacional do BNG e o secretario xeral do PSdeG coincidiron en apostar, dende as respectivas perspectivas, por retomar unha reforma do Estatuto que o líder do PP nin contempla.
Rueda introduciu cambios a respecto dos modos de Feijóo en encontros coma este, tales como saír recibir a Pontón e Formoso á escalinata de San Caetano
Estes foron algúns dos asunto máis destacados en encontros que, admiten os tres líderes, estiveron marcados pola cordialidade en canto ás formas. "É bo que os representantes públicos falemos entre nós, nos transmitamos as mensaxes", é "o normal" e "o que a cidadanía nos pide", considerou Rueda, que admitiu "comodidade" nuns encontros nos que introduciu certas mudanzas formais a respecto do seu antecesor en recepcións coma estas. Así, por exemplo, Rueda saíu ás escaleiras do acceso principal de San Caetano para recibir a Pontón e Formoso -algo que Feijóo nunca fixera- e con ambos conversou na mesa de traballo do gabinete da Presidencia, no canto de sentar no espazo de sofás, habitualmente dedicado a encontros institucionais con menor contido concreto.