O vindeiro 6 de xuño o novo presidente da Xunta e do PPdeG recibirá por primeira vez os líderes das dúas forzas da actual oposición parlamentaria. Tal e como solicitaran tras a remuda de Alberto Núñez Feijóo, Ana Pontón e Valentín González Formoso manterán cadansúas xuntanzas institucionais con Alfonso Rueda e nelas expoñerán as axendas políticas que BNG e PSdeG veñen debullando nas últimas semanas, fundamentalmente centradas na crise de prezos e o seu impacto, mais tamén ollando de esguello cara a unha cita electoral clave para os tres: as eleccións municipais, para as que xa resta menos dun ano.
Rueda anunciou a cita nunha entrevista coa Radio Galega e despois confirmouna mediante un comunicado ao resto de medios de comunicación. Nas cartas remitidas a Pontón e Formoso, di a Xunta, sinala a "suba abrupta dos prezos", a "necesidade de que os fondos europeos contribúan a unha reactivación sólida" ou "a necesidade de seguir mellorando a calidade dos nosos servizos públicos" como temas a tratar. Tamén, di, ten a "intención" de "consensuar unha posición única" cara ao seu primeiro encontro institucional con Pedro Sánchez.
Paliar a suba de prezos, 200 millóns para Atención Primaria e xestión pública das sete novas residencias de maiores, prioridades da portavoz nacional do BNG para o encontro
Pontón, pola súa banda, xa expuxera as prioridades dese encontro a pasada semana, nunha misiva a Rueda centrada en "catro grandes temas". A proposta da líder do Bloque pasa por "mobilizar 700 millóns para os sectores máis afectados pola suba de prezos", aprobar "un plan de choque de 200 millóns contra o colapso na Atención Primaria" do Sergas un "novo modelo de coidados" á terceira idade que comece por garantir a "xestión pública" da sete residencias que proxecta a Xunta nas principais cidades e "un modelo eólico sustentable e que reverta en riqueza e emprego no país".
Defende a portavoz nacional do BNG que "a cidadanía está cansa de bronca e crispación e necesita respostas" tras un trimestre de Goberno "paralizado" pola marcha de Feijóo e nese sentido pronunciárase tamén Formoso, que tamén solicitara xa un encontro institucional ao presidente da Xunta. Este domingo, tras coñecer a cita para o 6 de xuño, o secretario xeral socialista sinalou que a "prioridade" que trasladará a Rueda será "resolver o colapso sanitario que ten á cidadanía moi preocupada". É un feito, lamenta, a "imposibilidade de acceder ao que sempre foi un dereito mínimo, que o teu médico te atenda presencialmente en 24 horas".
O secretario xeral do PSdeG sinala o "colapso sanitario" como tema central que levará á xuntanza
Formoso resalta que, alén da sanidade, a "axenda galega" que quere tratar con Rueda céntrase na "mellora da protección social aos maiores" ou o "desenvolvemento dun modelo económico vencellado á ciencia e á investigación". En clave de partido, en días pasados tamén expresara o seu interese en tratar con el a posibilidade de desaloxar a Gonzalo Pérez Jácome da alcaldía de Ourense, se ben o presidente da Deputación e do PP nesa provincia, José Manuel Baltar, xa reiterou que o bipartito continuará vixente ata a fin do mandato municipal.
PP, BNG e PSdeG ollan de esguello ás municipais, primeiro reto electoral do novo ciclo político aberto coa marcha definitiva do ex-presidente a Madrid
Ás municipais, precisamente, apuntan as tres formacións con representación parlamentaria en Galicia no inicio dun novo ciclo político coa marcha definitiva do ex-presidente a Madrid. Así o admitía o propio Rueda este domingo, nun xantar-mitin en Poio, onde alentou os seus para que "non volva pasar" o acontecido en anteriores comicios locais nos que o PP non logrou maioría suficiente para gobernar en múltiples concellos -actualmente, o municipio máis poboado con alcaldía dos populares é Arteixo-.
Os conservadores, coma o Bloque e o PSdeG, analizan nestes días os resultados das enquisas publicadas por Sondaxe, o instituto demoscópico do grupo empresarial editor de La Voz de Galicia, segundo as cales o PP conservaría a maioría absoluta no Parlamento galego por dous escanos mentres, no ámbito local, a esquerda seguiría gobernando en cinco das sete principais cidades galegas (o PSdeG conservaría todas as alcaldías urbanas agás a de Ferrol e o BNG faría o propio en Pontevedra nun marco de ascenso xeral). Ese clima preelectoral nos concellos e no Estado marcará tamén as xuntanzas do 6 de xuño.