O novo presidente recupera como secretaria xeral á ex-conselleira Elena Muñoz, que deixou a Feijóo o seu escano no Senado, e tira de persoas de confianza que xa traballaban con el na vicepresidencia ou noutros departamentos da Xunta
Feijóo non marchou só a Madrid senón que levou con el o núcleo duro de asesores e asesoras da presidencia da Xunta, que o novo presidente, Alfonso Rueda, comeza agora a reconstruír. Para formar o seu equipo Rueda opta por dar continuidade a persoas que xa traballaban con el na vicepresidencia pero tamén por fichar noutros departamentos da Xunta, o que implicará á súa vez mudanzas na Vicepresidencia económica ou na Consellería de Política Social.
Este xoves, ao tempo que se facía público que a persoa elixida como número 2 no PPdeG, a súa secretaria xeral, será a deputada Paula Prado, Rueda comezou a desvelar algúns dos nomes dos seus colaboradores e colaboradoras máis próximos. Pero o presidente non verbalizou todos o nomeamentos decididos senón que decidiu evitar un, o da ex-conselleira de Facenda Elena Muñoz como nova secretaria xeral da Vicepresidencia que agora ocupará Diego Calvo. Muñoz fora elixida por Feijóo para competir con Abel Caballero pola alcaldía de Vigo e tras o seu fracaso foi recolocada no Senado, escano de designación do Parlamento de Galicia que agora vén de deixar para que o ocupe novo presidente estatal do PP para así poder confrontar persoalmente con Pedro Sánchez.
Secretaría Xeral da Presidencia
A persoa responsable do sustento xurídico das decisións do presidente da Xunta e da organización do seu departamento era ata agora Álvaro Pérez López, unha das persoas da máxima confianza de Feijóo, do que era asesor desde 2003, xa como conselleiro de Política Territorial, e co que marcha a Madrid.
Será substituído por Beatriz Cuiña, unha das altos cargos da Xunta máis veterana, con postos xa nos gobernos de Manuel Fraga. Desde 2009 acompaña a Rueda como secretaria xeral primeiro da Consellería de Presidencia e despois da vicepresidencia.
Director do gabinete do presidente
O posto era ata agora ocupado por Marta Varela, que tras ser a xefa de prensa de Feijóo foi ascendendo ata converterse nunha das persoas da súa máxima confianza e autora dalgúns dos seus principais discursos. Agora será para Emilio de la Iglesia, que foi subdirector xeral de coordinación da consellería de Presidencia e responsable da organización das medidas especiais de protección fronte á COVID-19 que requiriron as eleccións galegas de 2020, tras as que foi nomeado xerente da Axencia Turismo de Galicia.
Secretaría Xeral de Medios
O posto era ocupado ata agora pola persoa de máxima confianza de Feijóo, Mar Sánchez Sierra, que leva máis de dúas décadas acompañándoo por todos os cargos que ocupou e que marchou con el a Madrid. Aínda que Sánchez Sierra era realmente máis que unha secretaria xeral, xa que tomaba decisións en ocasións por riba de calquera conselleiro.
O cargo, responsable do reparto de axudas aos medios de comunicación, será ocupado agora por Silvia Valdés Díaz de Freijo, que era xefa de gabinete do vicepresidente económico, Francisco Conde, tras ser previamente a súa xefa de comunicación.
Dirección Xeral de Comunicación
Á súa fronte estaba Marcos Gómez Román, previamente xefe de comunicación de Rueda, e que tamén marcha con Feijóo a Madrid. Agora será ocupado por Jorge Pan Varea, ata agora xefe de gabinete e de comunicación da Consellería de Política Social.
Os nomeamentos no equipo do presidente obrigarán a novos movementos cando menos na Vicepresidencia económica, a Consellería de Política Social e a Axencia de Turismo
Estes cambios obrigarán a novos nomeamentos nas xefaturas de gabinete da Vicepresidencia económica e da Consellería de Política Social e na Axencia de Turismo, á marxe dos que decida para o seu departamento o novo vicepresidente segundo, Diego Calvo. Pero nesa vicepresidencia que agora Calvo herdará de Rueda, con competencias en Presidencia, Xustiza e Deportes, xa este xoves comezou a comeza a haber novidades. O Consello da Xunta aprobou o nomeamento como secretaria xeral técnica dese departamento de Elena Muñoz, única decisión que Rueda non verbalizou na súa comparecencia ante os medios de comunicación senón que foi comunicada posteriormente polo Goberno galego.
Muñoz, funcionaria autonómica, foi conselleira de Facenda de 2012 a 2015, cando Feijóo a elixiu para ser a candidata do PP á alcaldía de Vigo. Presentouse tamén sen éxito aos comicios de 2019, cando afundiu os resultados do partido por baixo do 14% dos votos e Feijóo recolocouna no Senado, nun escano por designación do Parlamento de Galicia. Pero agora vén de deixalo, xunto co escano que tamén ocupaba o ex-alcalde de Portomarín Juan Serrano, para que o propio Feijóo e o ata agora secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, poidan sentar neles tras as súas marchas á dirección estatal do partido. A saída que atopa agora Muñoz é volver ao goberno galego pero a un posto de nivel inferior á consellería que ocupou, desta volta como número 2 da nova vicepresidencia de Diego Calvo.
O futuro uso da residencia de Monte Pío
Rueda di que aínda non pensou se vai vivir na residencia oficial de Monte Pío e que non depende só del senón "doutras circunstancias relacionadas coa seguridade e outras cousas"
Nese mesmo departamento tamén se produce outro cambio, o cesamento do ata agora director xeral de Xustiza, Juan José Martín Álvarez, outro dos altos cargos máis veteranos da Xunta, no posto xa con Manuel Fraga, que pasará a ocupar un cargo no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
Por outra banda, ademais de anunciar estas mudanzas de cargos e ocultar o nomeamento de Elena Muñoz, Rueda foi preguntado este xoves sobre se vai vivir na residencia oficial de Monte Pío. A súa resposta foi que leva “catro días” no cargo e que aínda non o pensou “en absoluto”. Segundo dixo, segue vivindo no seu domicilio habitual, en Pontevedra, e a decisión “non depende só de min, depende doutras circunstancias relacionadas coa seguridade e outras cousas”.