Rueda recupera como 'número 2' do PPdeG á deputada Paula Prado, cuxa carreira freou en 2014 o caso Pokémon

Paula Prado nunha imaxe de cando era portavoz do PPdeG CC-BY-SA PPdeG

Prado xa fora voceira do partido ata a súa imputación por fraude e tráfico de influencias impulsada por Pilar de Lara e arquivada un ano máis tarde. É coñecida pola súa belixerancia verbal coa oposición

Paula Prado del Río (Santiago, 1971) será a nova número 2 do PPdeG, a súa secretaria xeral, o seguinte posto á presidencia que a partir deste domingo ocupará Alfonso Rueda. Prado, deputada no Parlamento de Galicia e ex-concelleira en Santiago, substituirá, como adiantou Faro de Vigo, a Miguel Tellado, a quen Feijóo deu un cargo na súa dirección estatal.

Paula Prado xa foi portavoz do PPdeG durante un ano medio, entre 2013 e 2014, con Rueda como número 2 do partido, e tivo certa proxección en medios de comunicación estatais pola súa belixerancia verbal coa esquerda e algúns movementos sociais. Tamén pola súa defensa dun particular feminismo de dereitas.

Pero a súa carreira ascendente quedou cortada coa súa imputación no caso Pokemon en 2014, que sería arquivada un ano máis tarde. Feijóo volveuna incorporar á dirección do partido, pasou polo Senado e é unha das deputadas con maior peso no grupo popular no Parlamento galego, pero é o actual nomeamento o que supón que recupere e mesmo supere os galóns que tiña cando as escoitas policiais entraron na súa vida. 

Prado (esquerda) nun comité de dirección do PPdeG © PPdeG

Malia ser voceira do PPdeG durante un ano e medio, é posible que Paula Prado sexa coñecida pola cidadanía por unha frase que non estaba destinada a ser divulgada. Pronunciouna cando era concelleira en Santiago sen saber que a súa conversa telefónica co daquela xefe de gabinete do alcalde popular Gerardo Conde Roa, Ángel Espadas, estaba a ser gravada: “Los regalos que hace Vendex tú ya los sabes, sin hacer nada hace un regalo de la hostia”. 

Cando tras arquivarse a súa imputación Feijóo rehabilitou parcialmente a Prado el mesmo admitiu que a causa tivera "un impacto na súa credibilidade como política e na súa credibilidade como persoa, e iso non se pode evitar"

Por esa e outras frases e feitos, como pedir e obter favores para persoas próximas, no marco da investigación que a xuíza Pilar de Lara abriu por presunta corrupción en varios concellos galegos, Paula Prado, que como deputada estaba aforada, acabou imputada por fraude e tráfico de influencias polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ao tempo que o seu marido era investigado por obter presuntamente contratos públicos grazas ás súas influencias. Como tantas outras imputacións impulsadas por De Lara, tamén a súa acabou decaendo. Un ano máis tarde, e a iniciativa da Fiscalía, o TSXG facía público o arquivo da causa contra ela pero sen aclarar a argumentación xurídica que o levaba a facelo e obviando o suposto delito de fraude.

Conde Roa e Prado cando eran alcalde e concelleira © Concello de Santiago

Liberada da imputación, e malia á famosa frase sobre os regalos que a súa contorna atribuíu a que era coñecedora de agasallos a outras persoas, non que os recibise ela, Prado foi parcialmente rehabilitada por Feijóo. Malia a todo, o líder popular admitía que “o impacto que tivo o caso da deputada Prado foi un impacto na súa credibilidade como política e na súa credibilidade como persoa, e iso non se pode evitar”.

Superada aquela imputación, Prado foi recuperando a belixerancia verbal que a define nas súas relacións co resto de partidos sempre en defensa ata o extremo do seu querido partido. Porque ela mesma fai chanzas con que o seu sangue é azul non por ser da nobreza, senón do PP.

A caricatura do resto de formacións adoita ser o seu recurso retórico habitual. Case todo vale para identificar os contrincantes políticos con todo tipo de males, reais ou supostos, e entre eles o comunismo é un dos seus preferidos. Ata o punto de que ao comezar a invasión Rusa de Ucraína atribuíuna ao “réxime comunista soviético de Putin e o seu interese por volver á antiga URSS”. 

Declaracións sobre a guerra na Ucraína de Paula Prado, vicevoceira parlamentaria do PP, tras a reunión da Xunta de Portavoces na Cámara galega, este 1 de marzo CC-BY-SA Praza.gal | Imaxe: © PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.