"Me cago na puta, me cago na puta, Ángel, pero que collóns pasou? Quen cona lle leva as contas a este tío, foder?". Catro de abril de 2012. Había vinte e catro horas que o diario El País revelara que o alcalde de Santiago, Gerardo Conde Roa, viña de ser denunciado pola Fiscalía por non pagar o IVE de 61 vivendas da súa empresa construtora. Henry Laíño, ex xerente da compañía Aquagest en Galicia, exprésase nestes termos ao recibir unha chamada do xefe do gabinete do alcalde compostelán, Ángel Espadas. Laíño vía o conservador cun pé fóra da Alcaldía e vía perigar, por extensión, a prórroga do seu contrato do servizo de augas na capital de Galicia. "Que desastre, foder, co que costou gañar as putas eleccións", remachaba Laíño.
Esta é unha das conversas recollidas na parte do sumario do caso Pokémon sobre a que a xuíza Pilar de Lara vén de erguer o segredo e a cuxo contido tivo acceso Praza Pública. Os laios de Laíño diríxense cara a quen, atendendo aos documentos xudiciais, era o principal enlace da trama no consistorio compostelán, que o PP gobernaba con maioría absoluta dende o verán anterior. Antes de falar con Espadas Laíño comentara a nova con José Luis Míguez, o outro máximo directivo da compañía en Compostela. Laíño só tiña unha "preocupación relativa" polo futuro de Conde Roa, porque "o tema ímolo resolver igual", tanto "se queda Paula [Prado]" no posto como se o facía "o outro", Ángel Currás. Non obstante, amosábanse partidarios de "deixar a Paula no sitio, que é quen nos pecha os acordos".
Espadas acusaba o interventor e o secretario municipal de "torpedear" o proceso
A seguridade que Laíño e Míguez manifestaban a respecto de que a súa tentativa chegase a bo porto baseábase en meses de contactos co Goberno municipal. O propio Espadas daba por feita a operación, pero xa en decembro de 2012 lle explicara a Laíño que a prórroga se estaba a dilatar por mor da "burocracia administrativa". "Estannos torpedeando todo", explicaba. Eses torpedos chegaban dende o interventor e o secretario do Concello, que puñan reparos e que finalmente foron relevados. Para o posto da secretaría o PP tiña como "primeira opción" a Francisco Cacharro, fillo do ex presidente da Deputación de Lugo, que "non quixo vir por unha cuestión persoal". "Pero traemos a outro que non é peor, eh?", advertíalle a Laíño.
Nas datas en que a marcha de Conde Roa semellaba inminente a preocupación última dos directivos de Aquagest era se "soaría mal" que o aínda alcalde "nos asinase a renovacion", maís aínda sen que a operación pasase polo pleno municipal. "Soar, soa fatal", dicía ao outro lado do teléfono Casimiro González, outro responsable da empresa. Así e todo, "ultimamente a nivel empresarial xa non hai persoa nin non persoas", así que "ao mellor temos que facelo", sentenciaba Míguez.
Intercambio de favores
O presunto trato de favor a Aquagest por parte do Goberno municipal chegaba despois de que a empresa que supostamente estaba no centro da trama, Vendex, non lograra a concesión do servizo compostelán da ORA, que xa controlaba en Lugo, Ourense e na Coruña. O máximo dirixente da compañía, Gervasio Rolando, autorizara o seu delegado en Galicia, José María Tutor para, sempre segundo o sumario, "utilizar" persoas do Concello de Santiago que lle facilitasen a concesión. O "mecanismo" empregado sería "o mesmo que na Coruña", recóllese das conversas intervidas por Vixilancia Aduaneira. Para os investigadores, ese "mecanismo" consistía en "posibles pagamento de cartos" e outro tipo de favores. Vendex contactaba co goberno municipal a través dunha persoa que facía de "ligazón": José Luis Míguez, de Aquagest.
Segundo a investigación, a trama puña cartos e "presentes" para obter contratos públicos
Neste contexto, a investigación que dirixe De Lara obsserva como Tutor, "no nome do Grupo Vendex, enviou á casa de Ángel Espadas un paquete que contén un importante número de botellas". "O propio Ángel Espadas", alcumado Puñales pola trama, "lle confirmou á súa dona que se trata da mesma persoa e grupo que, cando menos noutra ocasión, lle enviara presentes". "Presúmese que o envío está relacionado co cargo que ostenta (...) e cos importantes intereses contractuais" de Vendex en Santiago". Segundo a dona de Espadas, a cantidade de botellas era tal que daba "para montar un bar".Na mesma liña, di a investigación, "a empresa Aquagest regaloulle unha viaxe a Barcelona" a Conde Roa, que "inclúe, ademais da viaxe, un aloxamento no hotel Constanza, entradas para o Liceo e xantares en restaurantes de luxo" en compaña "da súa esposa" e de "dúas sobriñas".
Ademais dos agasallos persoais, as "contraprestacións" polos "favores recibidos" implicarían tamén, presuntamente, cartos para accións e fichaxes "do equipo de baloncesto Obradoiro", pagados neste caso por Aquagest, ou pagamentos de "facturas de Endesa" que o Concello tería pendentes. Ao tempo, a empresa beneficiaria dunha concesión a dedo asumiría o compromiso de contratar "persoas afíns" aos dirixentes municipais da época.
Indignados con Leo Bassi
A aparente flexibilidade da ética dalgúns dos personaxes presuntamente implicados neste caso contrasta coa súa capacidade para indignárense con outros asuntos. Así, mentres o escándalo de Conde Roa ocupaba os titulares, Míguez lamentaba na súa conversa con Casimiro González que "isto se desenvolva cada vez peor", polo feito de que o cómico Leo Bassi, a quen o Concello "non lle deixara montar un espectáculo" na cidade "porque queima cruces", organizase un show en pleno Obradoiro para criticar, precisamente, a presunta corrupción do Concello. "Non veas ti a repercusión mediática que tivo este tío", a quen "os do Bloque quixeron meter no Concello".
Dende Aquagest reprochóuselle á prensa local a repercusión que tivo Bassi
Esa presenza mediática chegou a reprocharlla o propio Míguez ao responsable dun medio de comunicación local: "o próximo día que che pida que me cubras unha nova e me chegues tarde rompemos a baralla", asegura que lle dixo, despois de comprobar que mandara "catro redactores" para "este pallaso". "Cando vos convoquemos queremos a mesma repercusión", aseguraba que lle dixera ao xornalista mentres, ao tempo, seguía preguntańdose se "sería bo que nos asine Conde Roa". Finalmente, ao alcalde non lle deu tempo a realizar operación ningunha e, tras a súa dimisión, explicáballe a Míguel que o seu substituto, Ángel Currás, "é unha persoa estupenda coa que podedes contar para o que queirades, porque é un tío fenomenal". "Fará as cousas moi ben e... xa, xa falarei eu con el", afirmou.