Os máis de cincuenta tomos da operación Pokémon sobre os que xa non pesa o segredo sumarial inclúen unha cantidade de feitos e sospeitas difícil de abranguer. Entre presuntos amaños de contratos, supostas prevaricacións ou seguimentos a cartos de orixe e destino dubidosos atópanse pequenos actos que, moi probablemente, non cheguen a ter relevancia penal ningunha pero permiten trazar un retrato descarnado dun xeito de facer política. Trátase de feitos de escasa dimensión se son comparados coas pezas centrais da presunta trama pero que, malia ao seu escaso volume, constitúen unha maneira de acceder ou relacionarse no ámbito das institucións públicas que lle é allea ao común da cidadanía. Unha das persoas que incorreu nesta maneira de actuar é, segundo a investigación, a voceira do PP e deputada Paula Prado, que só tivo que comparecer no caso en calidade de testemuña.
Na segunda parte do sumario que xa non é secreta e a cuxo contido tivo acceso Praza Pública recóllese un informe no que Vixilancia Aduaneira advirte "trato de favor" por parte da empresa Aquagest, concesionaria do servizo municipal de augas de Santiago, cando a parlamentaria aínda era tamén membro do Goberno municipal. A través das chamadas telefónicas do responsable da compañía na cidade, José Luis Míguez, intervidas por orde da xuíza Pilar de Lara, os investigadores averiguan que "Paula Prado solicitou" que lle "sexa restablecido" o subministro de auga a "unha veciña súa", á que Aquagest "llo cortara por realizar unha toma dende a que roubaba" tal subministro.
Segundo a investigación, Prado "solicitou que lle sexa restablecido" o subministro de auga "a unha veciña súa" que o "roubaba"
"A señora estaba roubando a auga antes do contador" con "impago dos consumos realizados", di o informe, e o propio Míguez "recoñece que a señora estaba roubando a auga antes do contador". Neste contexto, o día seguinte ás eleccións autonómicas de 2012 Míguez trasládalle a Prado os parabéns pola vitoria do PP e esta "solicítalle reunirse" e "quedan para verse" nun local hostaleiro próximo á Casa do Concello "sen concretaro o tema por teléfono". Non obstante, relatan os investigadores, o propio Míguez "nos informará do tema da conversa" a través doutra chamada a unha persoa chamada Marta, á que "Míguez lle di que estivo con Paula Prado, que Paula lle estaba contando os seus problemas referidos a unha veciña que lle pediu un favor".
"Se queres cóntoche todos os amigos teus e meus que collen a auga antes do contador", ironizou o responsable de Aquagest
Esa mesma tarde, "unha vez restablecido o subministro a quen roubaba o subministro de auga", Míguez chama a Prado. "Pode chamar á señora esa e dicirlle que mañá a chaman arranxándolle o problema", anúncialle, aínda que tamén lle aclara que "se houbo algún problema foi porque a señora estaba roubando a auga antes do contador" nun "baixo que non estaba dado de alta". "Se colles a auga antes do contador non che pasa polo contador e non conta", abonda. "Iso tivo que ser por erro, estráñame", retruca a popular. "Bueno, se queres cóntoche todos os amigos teus e meus que collen a auga antes do contador", abonda Míguez, antes de reiterar que "xa ten todo arranxado" e que á interesada xa lle van "dar o papel que necesite, a licenza de primeira ocupación". "Teña vostede moi boa tarde, señora parlamentaria", despediuse.
Un día máis tarde, sempre segundo este informe, é a propia Paula Prado quen, "agradecida", lle confirma a Míguez "que o tema ese xa está arranxado, e que moitas grazas". "Paula dille que a acaban de chamar agora para dicirlle que xa está todo en orde" e o responsable de Aquagest "recoñece que a día de hoxe nas obras teñen que cambiar as acometidas e que deberían esixirlle cambiar a acometida, pero que non llo esixiron". "Un millón de grazas, eh". "Moitísimas veces", responde Míguez, quen agradece que Prado "fixese feliz á súa nai" coa entrega dun "obxecto".