O Senado está composto por senadoras e senadores froito do voto popular nas eleccións xerais -catro por provincia, como norma xeral- e mais polos escanos designados nos Parlamentos autonómicos (actualmente, 57 dos 265 totais, 3 galegos). No caso galego, as eleccións xerais de 2019 outorgaron 11 escanos no Senado ao PP e 5 ao PSdeG e, atendendo á composición que tiña daquela o Parlamento de Galicia, dous dos seus tres postos foron para o PP e o restante, para o PSdeG.
En 2019, o PP situou como senadores por designación do Parlamento aos candidatos que sacrificara ante Abel Caballero e José Manuel Baltar
Naquel outono de 2019 os populares aceleraron a elección da representación galega para o Senado. Axilizaron ao máximo o procedemento (o Estatuto de Autonomía establece que esta representación debe ser elixida cada vez que se celebran eleccións xerais) para nomearen pola vía rápida aos ex-conselleiros Elena Muñoz e Jesús Vázquez nun proceso no que o elixido polos socialistas fora Xoaquín Fernández Leiceaga.
Aquelas présas contrastaban coa pausa que imprimiran ao proceso apenas medio ano antes, tras as eleccións xerais do 28 de abril daquel mesmo ano. Esperaran a que se celebraran as eleccións municipais a finais de maio e, unha vez constatados os fracasos de Vázquez e Muñoz naqueles comicios, nos que concorrían como aspirantes ás alcaldías de Vigo e Ourense (no caso do ex-titular de Educación, como candidato á reelección), activaran o proceso. Así, os carteis electorais municipais sacrificados pola dirección galega do PP ante Abel Caballero e José Manuel Baltar acabaran tendo acomodo no Senado.
O ex-alcalde de Portomarín, enviado hai menos dun ano ao Senado en substitución do dimisionario Jesús Vázquez, ten que abandonar agora o escano para facerlle oco a Feijóo
O ex-conselleiro Vázquez compatibilizara o seu novo escano cun posto de concelleiro do PP de Ourense, onde ficou fóra do goberno bipartito con Gonzalo Pérez Jácome, pacto que provocara o seu afastamento da alcaldía. Así o fixo ata setembro de 2021, cando tras a reconstitución da coalición dos populares ourensáns co controvertido rexedor, dimitiu de todos os seus cargos. En outubro daquel ano, o alcalde de Portomarín, Juan Serrano, dimitía tamén, aludindo no seu caso a razóns persoais e profesionais. Pero, poucos días despois, o PP anunciaba que fora o elixido para cubrir o escano senatorial que deixara Jesús Vázquez.
O periplo de Serrano no Senado vai quedar nuns poucos meses. O PP vén de decidir que renuncie ao escano que lle outorgou para deixarlle un sitio libre a Alberto Núñez Feijóo e así darlle a oportunidade ao novo líder estatal da formación de confrontar de cando en vez con Pedro Sánchez nas sesións de control. Os conservadores tamén propician a renuncia de Elena Muñoz co obxectivo de que o seu escano por designación do Parlamento de Galicia sexa para Miguel Tellado, número dous de Feijóo no PPdeG nos últimos anos e agora novo vicesecretario de organización na dirección comandada polo presidente galego dimisionario.
"Unha fraude de lei" ao "máis puro estilo Feijóo"
Pontón: "A representación galega no Senado está para defender a Galiza, non para dar inmunidade e un altofalante a Feijóo e aforrarlle dous salarios ao PP"
A maioría absoluta do PP garante unha remuda na representación do Parlamento no senado que foi acollida criticamente nos grupos da oposición. Para a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, Feijóo "despídese da política galega ao seu máis puro estilo", isto é, "facendo un uso partidista das institucións" mediante o que considera "unha burda fraude de lei" dende "o punto de vista institucional, do Estatuto e constitucional", mais tamén "unha falta de respecto a Galiza". Porque esa representación no Senado "está para defender a Galiza, non para darlle inmunidade e un altofalante partidista a Feijóo. Moito menos para aforrarlle dous salarios ao PP", conclúe.
A xuízo do PSdeG, se ben o "método" utilizado polo PP para enviar a Feijóo ao Senado é "lexítimo", trátase dunha operación que tamén "desvirtúa os motivos polos que existen os senadores autonómicos", figura concibida para "defender os intereses da comunidade autónoma á que representan", sinala o voceiro parlamentario socialista, Luis Álvarez. O senador Feijóo, agrega, será "encaixado" na Cámara alta para defender "o intereses exclusivos do PP" e cabe preguntarse "que vai facer" cando alí se aborden asuntos nos que Galicia teña "intereses enfrontados" aos doutros territorios. No caso de Tellado, resolve, trátase unicamente de buscarlle "un posto en Madrid" para "manexar a maquinaria estatal do PP".