O PP desfai o empate co PSdeG no Senado e obtén 11 dos 16 representantes

Imaxe dun pleno no Senado © Senado

Nas eleccións do 28 de abril PP e PSdeG obtiveron 8 senadores e senadoras cada un nas catro circunscricións galegas. As vitorias dos socialistas na Coruña e Pontevedra foron compensadas polas dos populares en Lugo e Ourense. Nesta ocasión, o PSdeG-PSOE foi quen de facerse con dous senadores en Pontevedra e un en cada unha das outras tres provincias. Os populares acadaron os restantes once postos.

No conxunto do Estado o PSOE segue a ser a primeira forza no Senado, con 94 escanos fronte aos 81 do PP (máis os 3 de Navarra Suma). Porén, perde a maioría absoluta coa que contaba nesta cámara.

En Pontevedra o PSdeG-PSOE non se puido facer co terceiro posto, ao concentrar o PP parte dos votos que no Congreso foron para VOX e Ciudadanos

Pontevedra foi a provincia con máis igualdade nos resultados. Modesto Pose foi o candidato máis votado, por diante da tamén socialista María Adrio. Porén, o PSdeG-PSOE non se puido facer co terceiro posto, ao concentrar o PP parte dos votos que no Congreso foron para VOX e Ciudadanos. As candidatos de Unidas Podemos foron as seguintes.

Na Coruña, a pesar de que o triunfo do PP no Congreso foi moi axustado (30,52% a 30,03%), a súa vantaxe no Senado foi maior, grazas aos votos procedentes de VOX, que só presentaba unha candidatura a esta cámara. As candidatas de BNG e Unidas Podemos obtiveron aquí un resultado moi semellante, coa nacionalista Tereixa Novo como a opción con máis votos despois de populares e socialistas.

En Lugo e Ourense, en cambio, o triunfo dos tres candidatos do PP foi moi claro, cun mínimo de seis ou sete puntos de diferenza sobre a primeira opción dos socialistas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.