Feijóo chegará ao Senado para confrontar con Pedro Sánchez. Juan Serrano, senador do PP por designación do Parlamento de Galicia e ex-alcalde de Portomarín, deixará este luns o cargo para cederllo ao aínda presidente da Xunta en funcións, que ao non ser deputado no Congreso non podía facer oposición ao Goberno de España desde un escano.
O senador Juan Serrano deixará o seu escano no Senado a Feijóo; Elena Muñoz deixará o seu para que o ocupe Miguel Tellado
Ocuparao agora, despois de que este luns Serrano -que a finais de 2021 substituíu no escano ao dimisionario Jesús Vázquez- presente a súa dimisión. Tamén marchará Elena Muñoz, senadora por designación autonómica e ex-conselleira de Facenda, que deixará o seu posto a Miguel Tellado, aínda secretario xeral do PPdeG, posto que deixará axiña para centrarse na vicesecretaría do PP estatal que lle encomendou Feijóo.
Tellado está á fronte do PPdeG desde o pasado 30 de marzo e será substituído por Alfonso Rueda no congreso autonómico do partido que se celebrará a fin de semana do 21 e 22 de maio en Pontevedra.
Feijóo, logo de que cumpra con todos os trámites para ser elixido senador, será designado presidente do Grupo Popular do Congreso e do Senado. Será o xeito de poder asistir aos grandes debates que se celebren na Cámara Baixa e poder utilizar as súas dependencias para atender os medios de comunicación.
O camiño que xa fixo Fraga
No entanto, non poderá intervir no Congreso a non ser que o PP presente unha moción de censura. Sexa como for, Feijóo segue o mesmo percorrido que Manuel Fraga, que en marzo de 2008 foi designado senador por designación autonómica sen o apoio explícito do PP, que protestou nas súas papeletas contra o sistema de elección, converténdoas en nulas.
En marzo de 2008, case tres anos despois de perder a Xunta e cando Feijóo levaba máis de dous como presidente do PPdeG, Fraga foi elixido senador por designación do Parlamento por segunda vez. Paradoxalmente, fíxoo cos votos dos gobernantes PSdeG e BNG e sen os sufraxios do PP.
A súa primeira elección como senador producírase apenas dúas semanas despois da remuda no liderado do PPdeG, en febreiro de 2006. Daquela, Corina Porro renunciara ao escano na Cámara Alta conformada tras as eleccións xerais de 2004, o PP propuxo formalmente no Parlamento que fose substituída por Fraga e o voto unánime do lexislativo galego deu o seu visto e prace á remuda, sen maiores sobresaltos.
Foi o mesmo procedemento que agora seguirá Feijóo, previa renuncia de Juan Carlos Serrano, que ocupa xunto con Elena Muñoz actualmente os postos do Parlamento que designa o PP galego na institución -o terceiro posto dos tres que corresponden ao Parlamento galego ocúpao actualmente o socialista Xoaquín Fernández Leiceaga-.