"Ás veces equivoqueime por non ter información adecuada ou cintura para cambiar de opinión", di Feijóo na súa despedida do Consello da Xunta

Feijóo e Rueda na derradeira reunión do Consello da Xunta do primeiro CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

O presidente saínte celebra a súa derradeira reunión do Goberno galego tras máis de 600 en 13 anos e asegura que marcha “no mellor momento político para Galicia, con maiores cotas de benestar malia a situación sombría” no conxunto do Estado

“Despídome ata sempre ou ata logo, ata que vostedes queiran”. Esas foron as derradeiras palabras de Alberto Núñez Feijóo desde o atril de presidente da Xunta tras a reunión do Consello deste xoves, tamén a derradeira tras máis de 600 previas ao longo de 13 anos. A próxima semana será o pleno de investidura do seu sucesor, Alfonso Rueda, que xa presidirá a seguinte reunión do Consello da Xunta que se celebre. 

Na longa despedida que está a supoñer a marcha de Feijóo a Madrid iniciada hai case tres meses, con intervencións similares xa a pasada semana no Parlamento ou tras presentar formalmente a súa dimisión, este xoves o presidente saínte foi preguntado por que cuestións destacaría de bo e malo durante as súas tres décadas de traxectoria política desde comezou como alto cargo da Xunta. Segundo dixo, do que se sinte máis satisfeito é de que non tivo “máis compromiso que servir a Galicia”. 

Derradeiro Consello da Xunta presidido por Alberto Núñez Feijóo CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Feijóo di estar “orgulloso de manter a miña independencia de criterio, de acción e de decisións”. E nesa liña asegurou que o malo que pode salientar da súa traxectoria son “as veces que me equivoquei”. Pero tamén para os seus erros atopa unha explicación e asegura que “ás veces equivoqueime por non ter información adecuada e ás veces equivoqueime por non ter a cintura adecuada para cambiar de opinión”.

“O Goberno non está a favor da seguridade do Estado”, asegura Feijóo sobre a polémica arredor da espionaxe de teléfonos de cargos públicos

Sobre o bo da súa traxectoria, Feijóo di estar “moi orgulloso dos datos educativos e dos datos sanitarios” cos que deixa Galicia. En xeral, asegurou, “voume no mellor momento político, con maiores cotas de benestar malia a situación sombría” do conxunto do Estado. 

Unha situación estatal á que tamén aproveitou para referirse desde o atril do Consello da Xunta sen aclarar se estaba a falar como aínda presidente galego en funcións ou como líder da oposición a Pedro Sánchez. Segundo dixo, en referencia á polémica arredor da espionaxe de teléfonos de cargos públicos, “o problema é que o Goberno non está a favor da Seguridade do Estado”.

Feijóo e Rueda na derradeira reunión do Consello da Xunta do primeiro CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Canto aos acordos efectivamente tomados no Consello deste xoves, co Goberno galego en funcións e polo tanto limitado o alcance dos mesmos, o máis relevante foi o cesamento da persoa de máxima confianza de Feijóo desde hai máis de dúas décadas, Mar Sánchez Sierra, como secretaria xeral de Comunicación, para acompañalo con responsabilidades similares no PP estatal. Tamén cesou outra das súas máis próximas colaboradoras, Marta Varela, xefa do seu gabinete na Xunta e que agora o será tamén no PP. “Máis que ceses a petición propia podemos dicir que son ceses a petición do presidente”, dixo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.