Feijóo despídese da Xunta gabando a “estabilidade” que tivo ata agora e a súa propia xestión

Feijóo durante a súa declaración institucional de despedida da presidencia da Xunta o 29 de abril de 2022 CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

O presidente en funcións sinala os accidente de Angrois e o Villa de Pitanxo e as mortes polos incendios como os peores momentos dos seus mandatos

Tras formalizar no Parlamento a súa histórica dimisión como presidente da Xunta ás once da mañá deste venres -o trámite xa foi publicado no boletín oficial da cámara- Alberto Núñez Feijóo trasladouse á sede institucional do Pazo de Raxoi, onde celebrou unha reunión extraordinaria co seu executivo, que coa súa dimisión entra de xeito automático en funcións ata o nomeamento dun novo goberno. Tras ese encontro duns minutos, Feijóo realizou unha comparecencia sen preguntas na que leu un discurso [aquí íntegro] de despedida do cargo.

Na súa intervención, o aínda presidente en funcións da Xunta gabou as súas propias decisións á fronte do executivo galego e, no que xa é a maior crise de goberno desde 1987, cando unha moción de censura apartou da presidencia a Gerardo Fernández Albor, salientou a “estabilidade” dos seus 13 anos de mandato.

Actos organizados pola Xunta para facer pública a dimisión de Feijóo CC BY-SA Praza.gal | Imaxe: Sinal institucional Xunta

Feijóo comezou a súa declaración institucional informando de que viña de informar o Rei o presidente do Goberno de España da súa dimisión. O seu discurso estivo salpicado, como adoita, de diversas referencias ao Camiño de Santiago e as peregrinacións. “A miña andaina como presidente de Galicia remata aquí”, dixo, para engadir que agora “Santiago e Galicia que son sempre unha meta son para min un novo comezo”.

“En todos estes anos din todo o que fun capaz”, dixo Feijóo, quen asegurou que “por riba dos erros, polos que pido o perdón indulxente dos galegos, e dos acertos, que non foron meus senón de todos” a súa guía foi Galicia. “Todo cos galegos, nada sen Galicia”, engadiu.

Para Feijóo a “estabilidade” foi “a materia prima fundamental para apuntalar nestes anos a prosperidade e o benestar de Galicia malia todas as condicións adversas que non deixaron de acompañarnos nos 13 anos”. O presidente citou como os peores momentos dos seus mandatos os accidentes de Angrois, con 80 mortos, e do Villa de Pitanxo, con 21 mortos ou desaparecidos, así como os falecementos por mor dos incendios forestais, dos que citou os catro ocorridos na vaga do outono de 2017. Uns feitos dos que dixo saír reconfortado “ao constatar a gran humanidade do pobo galego”.

A continuación asegurou que nunca goberno “para alimentar unha vaidade persoal”, pero enumero de seguido diversas decisións políticas dos seus mandatos, que atribuíu tamén aos seus equipos, aos que agradeceu emocionado o seu traballo. “Os liderados non miden o seu valor polo baleiro que deixan senón pola continuidade e unidade que garanten”, dixo.

O Goberno galego en funcións antes da declaración institucional de Feijóo CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Segundo Feijóo “a Galicia cordial segue en pe, máis viva que nunca” grazas a un galeguismo do que di que está “afastado de nacionalismos intransixentes e de centralismos doutros tempos”

Feijóo rematou a súa intervención asegurando que “a Galicia cordial segue en pe, máis viva que nunca”, grazas a un galeguismo do que di que está “afastado de nacionalismos intransixentes e de centralismos doutros tempos”.

“Como calquera peregrino, nesta labor que hoxe remato souben que non camiñaba só senón acompañado de cada cidadán destas terras”, asegurou Feijóo, para rematar cun “Galicia, Galicia, Galicia e por sempre, Galicia, grazas por este honor”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.