A voceira nacionalista amósase convencida de que “o PP é o pasado fronte a un BNG que representa o futuro” e que quere gobernar “con humildade e con ambición de país”
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, trasladou este venres, tras facerse oficial a dimisión de Alberto Núñez Feijóo, o seu convencemento de que Galicia está nun cambio de ciclo que empezou a noite electoral das últimas eleccións galegas, nas que a formación nacionalista se situou como primeira forza da oposición. É, di, “un cambio de ciclo no que o PP xa representa o pasado, por iso Feijóo é o primeiro en abandonar o barco en Galiza, mentres que o BNG representa o futuro”.
Para a líder do Bloque, “Galiza ten ganas de cambio, un cambio real que o BNG aspira a liderar desde a humildade, pero con toda a ambición de país. Imos a por todas para disputarlle a maioría ao PP, para darlle ao país un goberno que teña como razón de ser a defensa dos intereses dos galegos e das galegas”, salientou. Neste sentido, subliñou, “empeza a conta atrás para que Galiza teñan un goberno liderado polo BNG, un goberno que lle diga si a Galiza e que lle dea futuro de esperanza a xente deste País”.
Pontón tamén defendeu que o voto favorable do BNG ao decreto do Goberno de España contra a crise de prezos "serve para axudar á maioría social" e "permite reactivar a axenda galega" no Estado
Neste venres posterior á convalidación no Congreso do decreto do Goberno central contra a crise de prezos, Pontón tamén se referiu ao voto favorable do BNG. Segundo dixo, o voto da formación nacionalista serviu para sacar adiante un paquete de axudas que, “aínda que insuficientes, supón un certo alivio ás familias e á clase traballadora”. “Foi un voto a favor por responsabilidade coa cidadanía”, recalcou, “que serve para axudar á maioría social ante unha escalada insoportable de prezos”.
Tamén asegurou que o voto do BNG “permite reactivar a axenda galega ante o Goberno do Estado, plasmada no acordo de investidura asinado co PSOE, cun paquete de medidas claves para o País, as que o Executivo de Pedro Sánchez aínda non deu cumprimento”. Neste sentido, avanzou que nos próximos días haberá unha reunión da comisión de seguimento do acordo de investidura.