Os socialistas propoñen “un goberno que volva crer nas potencialidades do país” fronte a un Alfonso Rueda “escollido por Baltar e outras tres persoas”
O portavoz parlamentario do PSdeG, Luis Álvarez, sinalou este venres, tras facerse oficial a dimisión de Alberto Núñez Feijóo, que “Galicia ben merece outro tipo de goberno” logo da etapa do popular, que deixa como balance “unha estrada chea de curvas e de fochancas”, un “proxecto esgotado, falto de ideas e carente de valentía na toma de decisións”.
O responsable socialista sinalou que “Galicia ben merece un goberno e un presidente sometidos á consideración dos galegos e das galegas, e non a alguén que sexa escollido por Baltar e outras tres persoas reunidas en torno a unha mesa camilla”. O resultado, dixo, será “mais do mesmo, que é o que aprendeu e o que vai facer Rueda”, e defendeu polo contrario “un goberno que volva crer nas potencialidades do país”.
Luis Álvarez dixo que Feijóo “hai xa moito tempo que renunciou a exercer como presidente deste país”, demostrando que “Galicia era pouco máis que o eslogan dunha campaña electoral”, e coa súa renuncia demostra que “o seu horizonte político sempre estivo en Madrid”. Iso explica o “feble” do seu legado, cunha sanidade “moi deteriorada, convertida nunha mera liña de atención telefónica”, unha educación “máis mermada, con menos colexios no rural e 1.400 profesores menos”.
Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, fíxose eco e respondeu a unha entrevista que concedeu da La Voz de Galicia o presidente do PP e da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e replicoulle que o próximo presidente da Xunta será socialista.