Coa derrogación do decreto do galego no ensino impulsado polo goberno de coalición entre PSdeG e BNG e a aprobación do coñecido como decreto do plurilingüismo, o Executivo de Feijóo consumaba, nada máis chegar ao poder, unha das promesas nas que baseou a polémica campaña electoral de 2009. Co argumento de impulsar o inglés, a nova norma reduciu o uso da lingua propia a un máximo dun terzo do total de horas de clase e excluíuno das materias científicas. Ademais de fomentar prexuízos e mitos que callaron na mocidade, o coñecemento e uso do galego -sobre todo entre os máis novos- non deixou de empeorar, especialmente no alumnado de centros privados.
Unha investigación que avalía os programas para potenciar o plurilingüismo no ensino destaca "deficiencias" na "cohesión, equidade, eficacia ou transparencia"
Logo da instauración do decreto do plurilingüismo, que introduciu fundamentalmente o inglés como lingua vehicular en varias materias e impulsou os centros plurilingües como medida estrela, a Xunta desenvolveu o Plan galego de potenciación das linguas estranxeiras (2011) e EDUlingüe (2017-2020), ao abeiro das políticas de impulso ao coñecemento de idiomas por parte da UE. Pero, malia que a comunidade educativa e a oposición levan anos reclamando unha avaliación de todas esta política lingüística, a Consellería de Educación non publicou documento ningún.
Si o vén de facer unha investigación que "avalía", precisamente, "os programas de potenciación do coñecemento de linguas estranxeiras da Xunta" e que a partir da análise de datos e da consulta ao profesorado obtén resultados que "apuntan a existencia de deficiencias nestes programas en canto a cohesión e complementariedade, cobertura e equidade, eficacia e eficiencia, e participación e transparencia".
O estudo, da lingüista e técnica de Normalización da USC, Isabel Vaquero Quintela, deixa claro que o pregoado plurilingüismo do que presume a Xunta aplícase sobre todo nos colexios e institutos privados, que son claramente os máis beneficiados na implantación da rede de centros plurilingües. O documento destaca que, logo de once anos de implementación dos programas, obsérvanse "importantes diferenzas segundo as etapas educativas e a titularidade dos centros". Porque, en global, só a metade dos centros de primaria e algo máis dun cuarto dos de secundaria son plurilingües, pero a repartición é moi diferente.
Os datos son claros: máis do 66% dos centros privados -estritamente privados ou concertados- son plurilingües fronte ao 25,8% dos públicos. Por etapas educativas, a diferenza é aínda maior: mentres que case a totalidade dos colexios privados de primaria son plurilingües en Galicia (93,7%), menos do 32% o son entre os públicos. En secundaria, apenas hai centros públicos con esta condición (só o 12,4%) que si teñen o 37,5% dos privados ou concertados.
"Hai que partir da premisa de que son programas voluntarios para os centros, que deben cumprir unha serie de requisitos, e a voluntariedade adoita ser máis doada nos privados que nos públicos", aclara Vaquero, autora deste Traballo Fin de Máster na Universidade de Vigo (A avaliación de políticas públicas. Unha achega á avaliación dos programas de potenciación do coñecemento de linguas estranxeiras da Xunta de Galicia).
Máis do 66% dos centros privados son plurilingües fronte ao 25,8% dos públicos; en primaria, case todos os privados o son, fronte ao 32% dos públicos
"Os recursos públicos destinados ao fomento do ensino de linguas estranxeiras levan, proporcionalmente, beneficiado en maior medida aos centros privados e o seu alumnado (moito menor)", explica o estudo, que advirte como os datos do Ministerio de Educación "confirman esta percepción e agrávana".
Así, reflicten como Galicia foi "baixando posicións no conxunto do Estado en relación aos programas de aprendizaxe integrada", cando en 2009-2010 era das primeiras comunidades
autónomas, e cun claro predominio da escola pública. Porén, no curso 2019-2020 "non só se coloca en postos inferiores, senón que abre unha fenda entre os centros públicos e os privados, situados estes en mellores posicións, tanto en relación ao número de centros como de porcentaxe de alumnado beneficiado".
Como resumo, no curso 2009-10, Galicia era a segunda comunidade en porcentaxe de centros de primaria con programas de aprendizaxe integrada; a segunda en canto a centros da ESO e a primeira en bacharelato. Todos eran centros públicos agás neste último nivel, tamén en centros privados non concertados. No curso 2019-2020, o último da serie do Ministerio, Galicia ocupaba a oitava posición de centros de primaria e a 12ª en secundaria.
O alumnado de centros públicos beneficiado polo plurlingüismo pasou nos últimos dez anos do 3,2% ao 21,6%; nos privados, da nada a case o 80%
De termos en conta a titularidade, descende ao posto 12 entre os centros públicos de primaria e ascende á terceira posición entre concertados de secundaria. Na ESO, entre os
centros públicos ocupa a posición 17 e entre os privados a 7ª. Ademais, mentre no curso 2009-2010 Galicia era a oitava comunidade en primaria con respecto á porcentaxe de alumnado con aprendizaxe integrada, co 7,5%, e quinta en secundaria co 4,8%, no 2019-2020 caera aos postos 12º (37,5% e 13º en secundaria (15,2%).
En resumo, en dez anos o alumnado beneficiado por estes programas pasou de representar o 3,2% ao 21,6% na pública, menres pasou do 0% ao 78,7% na concertada. Unha evolución do plurilingüismo que beneficiou claramente á privada fronte ao avance moito máis paseniño nos centros públicos.
Ademais, e respecto aos resultados das probas de Selectividade, tamén analizados, o estudo destaca que as cualificacións en inglés "apenas melloraron ao longo dos trece anos estudados, e fixérono de maneira irregular e inconstante". "Son algo mellores no alumnado da privada ca no da pública, aínda que tamén se percibe unha lixeira maior desigualdade nos resultados no caso da privada", indica.
Porque o plurilingüismo nos centros plurilingües, lembra o documento, "fica reducido na práctica a un único idioma, o inglés", que se "fomenta no medio dunha situación sociolingüística de convivencia entre outras dúas linguas oficiais, unha das cales está minorizada e nun proceso de substitución lingüística pola outra lingua oficial". Alén diso, "non existe ningunha autorización do portugués, idioma que a Lei Paz-Andrade converte en obxecto de aprendizaxe como lingua estranxeira no ensino desde 2014".
Melloras nas competencias comunicativas
Ademais, as materias que se imparten en inglés maioritariamente (ensinanzas artísticas e
educación física) teñen "poucas horas lectivas" (2 horas semanais, que no caso das artísticas se reparten entre 1 hora de música e 1 hora de plástica, co que a clase
en inglés pode reducirse a 1 hora semanal), mais tamén "son materias con maiores e mellores posibilidades comunicativas e de interacción para o alumnado, que deste xeito pode exercitar as competencias orais".
Por outra banda, e en canto á enquisa que a autora da investigación levou a cabou entre profesorado de lingua estranxeira, a maioría (53%) considera que o nivel medio (en inglés en case a totalidade de casos) é axeitado (sobranceiramente o profesorado de centros públicos e dos situados en contornas urbanas e no rural) ou alto (6% en conxunto, aínda que con maior incidencia no ensino privado e nos centros de contornas urbanas). Declaran nivel baixo case un 20% do profesorado da pública. Ademais, máis da metade dos docentes opina que melloraron as competencias comunicativas cos programas de plurilingüismo.
"Resulta evidente que a Xunta prioriza a través do orzamento as políticas de potenciación de linguas estranxeiras fronte ás de normalización lingüística"
Tamén se destaca da enquisa que a actividade que máis contribúe á mellora das competencias do alumnado é a existencia dos auxiliares de conversa. A seguir destacan o uso instrumental do inglés noutras materias o que, segundo a autora, con estes datos "fica probada a hipótese de que non ía ser a medida que máis está contribuíndo á
mellora das competencias comunicacionais en inglés do alumnado".
Isabel Vaquero amosa as súas "dúbidas" en canto á "eficiencia" da política para impulsar o plurilingüismo, tendo en conta as súas múltiples conversas co profesorado de inglés. "Polo xeral consideran que hai demasiada alforxa para o que é" e que o principal sería "mellorar a docencia de lingua inglesa, diminuír as ratios de alumnado/mestre, ademais de poder engadir algunha materia máis en inglés".
Respecto da análise da dotación e evolución dos orzamentos destinados á políticas de fomento da lingua galega e de fomento do plurilingüismo, a investigación cre que "amosa claras diferenzas nos recortes efectuados así como na recuperación posterior", polo que "resulta evidente que o Goberno galego prioriza a través do orzamento as políticas de potenciación de linguas estranxeiras fronte ás de normalización lingüística", independentemente de que as cantidades sexan superiores neste último caso". "Non debemos esquecer que se trata dunha política transversal, que debe penetrar en todos os
ámbitos da sociedade galega, mentres que a potenciación do plurilingüismo cínguese ao ámbito educativo", destaca.
Por último, a autora, en conversa con Praza.gal, deixa unha reflexión ao lembrar que, máis aló dalgún balance cuantitativo dalgún programa, a Xunta nunca fixo pública avaliación ningún da súa politica no ámbito do plurilingüismo. E insiste en que "as políticas hai que avalialas para saber se funcionan, se son eficientes, se dan os resultados que se buscaban e se teñen os medios axeitados ou estamos gastando mal", explica.