Rueda xa é candidato á presidencia da Xunta co "non" de BNG e PSdeG

O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, e Alfonso Rueda, a quen proporá como novo presidente da Xunta tras consultar cos grupos parlamentarios © Parlamento de Galicia

Tras as consultas do presidente do Parlamento cos grupos, o pleno no que o popular defenderá o seu programa de goberno comezará o martes 10 de maio, o 12 será a votación e a súa toma de posesión prevese para o sábado 14

“Don Alfonso Rueda Valenzuela ten o respaldo do grupo maioritario da Cámara, con 42 deputados, e consecuentemente vou propoñer a súa candidatura a presidente da Xunta”. Con estas palabras o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, daba por rematada na mañá deste luns a rolda de consultas que por lei debe manter cos grupos parlamentarios para decidir que deputado ou deputada será quen reclame obter a confianza do hemiciclo para ser investido sexto presidente da Xunta, tras a dimisión o pasado venres de Alberto Núñez Feijóo.

Ao remate da rolda de consultas a portavoz do BNG, Ana Pontón, xa deixou claro que o seu grupo votará “non”, mentres que o do PSdeG, Luis Álvarez, dixo quedar á espera do que puidese decidir a dirección do seu partido. Pouco despois o propio secretario xeral do partido, Valentín González Formoso, aclaraba que a súa formación tamén votará que non.

Santalices e a portavoz do BNG, Ana Pontón CC-BY-NC-SA BNG

A rolda de consultas deste luns comezou polo grupo con menos deputados, o socialista, cuxo portavoz, Luis Álvarez, quixo “tender a man” a Rueda para “un cambio de orientación” na Xunta. Álvarez asegurou que o seu partido vai dar a Rueda “os días de cortesía mínimos” e agardará “a ver que nos avanza no seu discurso de investidura, e a partir de aí faremos as valoracións oportunas”. 

O portavoz parlamentario tamén dixo que o sentido final do voto do grupo socialista sería analizado por parte da executiva do PSdeG e “comunicarase no seu momento”. “Ata a sesión de investidura teremos a oportunidade de analizar as diferentes opcións de voto”, insistiu. Álvarez tamén considerou “suficientemente áxil” o proceso parlamentario activado tras a dimisión de Feijóo, pero lamentou que en todo caso a súa decisión de marchar a Madrid está a facer que a Xunta pase tres meses “nunha situación de interinidade”.

“Estamos ante un cambio de ciclo político, que non arranca coa marcha de Feijóo senón na noite electoral dos pasados comicios galegos, nos que a cidadanía situou o BNG como alternativa ao PP”, di Pontón

Pouco despois, o propio secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, aclaraba nun acto como presidente da Deputación da Coruña que a súa formación tamén votará que "non" á investidura de Rueda.

Máis clara na súa postura desde o comezo foi a portavoz do segundo grupo en ser consultado polo presidente do Parlamento, Ana Pontón. O BNG votará “non” á investidura de Rueda por ser “corresponsable de deixar unha Galiza máis pequena”. A nacionalista foi máis crítica cos “tres meses cun goberno interino” que deixa a marcha de Feijóo pero optou por poñer o foco no futuro e deu por iniciada a “conta atrás” para que nas próximas eleccións o BNG, di, lidere un novo goberno na Xunta.

Santalices e o portavoz do PSdeG, Luis Álvarez CC-BY-NC-SA PSdeG

Para Pontón “estamos ante un cambio de ciclo político, que non arranca coa marcha de Feijóo senón na noite electoral dos pasados comicios galegos, nos que a cidadanía situou o BNG como alternativa ao PP”. “Máis alá de levar tres meses cun executivo interino, o grav é que levamos trece anos cun goberno do PP que deixa un país con menos oportunidades”, sentenciou.

A rolda de consultas rematou co portavoz do grupo maioritario do PP, Pedro Puy, que trasladou ao presidente do Parlamento o apoio “unánime” a Alfonso Rueda dos 42 deputados e deputadas da formación, que se reuniron xa o pasado venres, e salientou o papel “esencial” da Cámara e do sistema parlamentario para elixir o presidente da Xunta.

Santalices e o portavoz do PP, Pedro Puy © Parlamento de Galicia

Rematadas as consultas cos representantes dos grupos políticos, Santalices mantivo un encontro co candidato á presidencia, Alfonso Rueda, reunión non regulada no proceso legal de nomeamento do presidente da Xunta. Con el ao lado o presidente da Cámara fixo pública a súa decisión de propoñelo para a investidura, da que avanzou as principais datas.

O novo Goberno galego comezará a traballar tres meses despois de que comezase a crise do PP estatal na que Feijóo decidiu implicarse para acabar sendo el mesmo o seu presidente e deixar así a Xunta

Este xoves día 5 reuniranse a Mesa do Parlamento e a Xunta de Portavoces para organizar o pleno de investidura, que comezará o martes 10 co discurso de defensa do seu programa por parte de Rueda. Non antes de 48 horas, o xoves 12, a sesión retomarase coas intervención dos portavoces dos grupos parlamentarios, as réplicas e, posteriormente, a votación

A toma de posesión do novo presidente está prevista para o sábado 14. Esa mesma fin de semana podería facer públicos os nomes dos seus conselleiros e conselleiras, que tomarían posesión e comezarían a traballar o luns 16, tras máis de dúas semanas de goberno en funcións e tres meses despois de que comezase a crise do PP estatal na que Feijóo decidiu implicarse para acabar sendo el mesmo o seu presidente e deixar así a Xunta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.