Formoso reitera a Rueda a oferta para negociar a retirada de Jácome da alcaldía de Ourense

Valentín Formoso, na sede do PSdeG CC-BY-SA PSdeG

O líder socialista urxe o novo presidente da Xunta a aceptar a súa petición de reunión para rematar coa situación de “indignidade institucional e política” de Ourense

O líder do PSdeG, Valentín Formoso, reiterou este luns ao novo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que ten solicitada unha xuntanza para abordar o futuro da alcaldía de Ourense. O socialista lamentou a situación de “indignidade institucional e política” que se vive na cidade desde que hai tres anos chegou á alcaldía Gonzalo Pérez Jácome, co apoio do Partido Popular, e incidiu na súa vontade de negociar unha alternativa.

Para Formoso, a reacción do presidente da Xunta ante o que está a suceder en Ourense “vai medir a forma de facer política de Alfonso Rueda desde o PPdeG”. "Imos ver os principios ideolóxicos e morais cos que opera o PP en Galicia nos próximos anos”, avanzou nunhas declaracións en Cambados, nas que urxiu a resposta á súa petición de reunión agora que o Goberno galego está formalmente constituído e en vésperas de que o propio Rueda asuma a presidencia do PPdeG no congreso extraordinario do partido.

José Manuel Baltar dá unha aperta a Alfonso Rueda no acto de toma de posesión dos consellerios, este luns no Pazo de Raxoi © Deputación de Ourense

Valentín Formoso incidiu en que está dispoñible para sentarse con Rueda "este mesmo mércores" para falar do escenario político neste Concello. Así, salientou que "devolverlle a dignidade a Ourense" debera ser "unha primeira tarefa” para o novo líder do Executivo galego. 

Formoso cre que “devolverlle a dignidade a Ourense” debera ser “unha primeira tarefa” para Rueda

Despois do empurrón de Jácome a unha muller sindicalista que participaba nunha concentración na porta do Concello, Feijóo, xa como presidente do PP estatal, deixou en mans do seu sucesor na Xunta a posibilidade de negociar cos socialistas un Goberno municipal alternativo na cidade das Burgas. O ex presidente da Xunta tamén volveu culpar o PSdeG do pacto entre Democracia Ourensana e o propio PP que lle deu a alcaldía a Jácome. 

O secretario xeral do PSdeG lembrou que lle remitiu unha carta a Alfonso Rueda o pasado día 13 solicitando esta xuntanza e que aínda non obtivo resposta. Así mesmo, volveu criticar o "espectáculo bochornoso” da capital da provincia de Ourense, "cun alcalde que non ten un mínimo de institucionalidade, un mínimo de educación nin representa a unha cidade que é absolutamente digna e querida por todos os galegos e as galegas". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.