A remuda de Alberto Núñez Feijóo na presidencia da Xunta prolongouse ata mediados deste mes de maio, cando o Parlamento investiu a Alfonso Rueda como sexto presidente do Goberno galego. Acto seguido, Rueda tivo que compoñer un equipo novo no núcleo duro do Executivo; os conselleiros e conselleiras quedaron todos, pero o círculo de asesores clave para o Executivo foi desmontado por Feijóo.
Neste décimo sexto episodio do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao, poñemos os nomes e trazamos os perfís dese novo círculo de nomes do presidente. Desas persoas que maioritariamente adoitan estar lonxe dos focos pero sen as que é imposible comprender como se organiza e exerce o poder político en Galicia.
Feijóo desmontou o núcleo duro de asesores da Presidencia da Xunta. Repasamos os nomes e perfís do novo círculo de nomes do presidente, esas persoas que adoitan estar lonxe dos focos pero sen as que é imposible comprender como se organiza e exerce o poder político en Galicia
Con David Reinero, o xornalista de Praza punto gal que segue habitualmente a información do PP e da presidencia da Xunta, principiamos repasando como foi a saída cara a Madrid dos puntais esenciais do gabinete do ex-presidente, a comezar por quen na práctica era a vicepresidenta única da Xunta, unha persoa cuxas ordes eran cumpridas mesmo polos conselleiros. Tratábase de Mar Sánchez Sierra, quen formalmente era a Secretaria Xeral de Medios.
Ela e o resto dese núcleo de asesores traballan agora para a dirección central do PP, en Madrid. No seu lugar sitúanse outras que foron nomeadas no primeiro Consello da Xunta con Rueda como presidente. A Secretaría Xeral da Presidencia, a dirección do gabinete, a Secretaría Xeral de Medios ou a Dirección Xeral de Comunicación teñen novos titulares, novos nomes e perfís que veñen de dentro da Xunta, pero que supoñen cambios moi relevantes.
Mentres isto sucede na Xunta, o PP culminou o envío de Feijóo ao Senado -formalmente, como representante do Parlamento de Galicia- e con el tamén lle deron un escano a Miguel Tellado, que ata agora era o secretario xeral do PPdeG, o número dous do partido. Tellado tamén marchou con Feijóo para Madrid e Rueda tamén tivo que cubrir ese posto orgánico, con Paula Prado como nova secretaria xeral. O novo presidente da Xunta e do PPdeG reitera que todos estes movementos entran dentro da normalidade, pero o certo é que a sombra de Feijóo segue sendo ampla e xa veremos se efectivamente, non hai "nin tutelas nin tutía".
Unha reportaxe de premio, por Ana G. Liste
En Praza.gal e tamén no Fálase aproveitamos habitualmente para saír do carreiro da actualidade máis inmediata, desa voráxine da última hora permanente. Así o tentamos facer tamén dende o comezo da pandemia do coronavirus con informacións como a reportaxe na que, no pasado novembro de 2021, Ana G. Liste analizaba como a infancia sufriu a tensión familiar derivada da COVID.
Volvemos sobre a reportaxe na que abordamos o impacto da tensión familiar pola COVID na infancia, galardoada co Premio de Comunicacón Xoán Vicente Viqueira
Foi un traballo xornalistico demorado, con contexto, con voces expertas e que ademais, tivo premio. Con esa reportaxe, Ana G. Liste vén de gañar o Premio de Comunicación Xoán Vicente Viqueira, que convoca o Colexio Oficial de Psicoloxía. O xurado salientou esta información "pola súa abordaxe do impacto psicolóxico da pandemia na poboación máis nova, recorrendo a fontes expertas para expoñer a necesidade de recursos". Ao fío dese recoñecemento, volvemos sobre esa reportaxe coa súa autora para falar do proceso de elaboración do propio traballo e do tratamento que as nenas e nenos tiveron nos meses máis duros da pandemia.
Todos os episodios de Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.