O Premio de Comunicación Xoán Vicente Viqueira recoñece a divulgación da profesión na sociedade e salienta da reportaxe “a súa abordaxe do impacto psicolóxico na poboación máis nova da pandemia, recorrendo a fontes expertas para expoñer a necesidade de recursos”
A reportaxe O impacto da tensión familiar pola COVID na infancia, o reto social pendente para despois da pandemia, da xornalista de Praza.gal Ana G. Liste, vén de obter o Premio de Comunicación Xoán Vicente Viqueira que convoca o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Publicada o pasado 4 de novembro, o xurado salientou a reportaxe “pola súa abordaxe do impacto psicolóxico na poboación máis nova da pandemia, recorrendo a fontes expertas para expoñer a necesidade de recursos”.
O premio Xoán Vicente Viqueira do Colexio de Psicoloxía, en colaboración coa aseguradora Brokers’88, conta con dúas categorías, unha xornalística e outra para profesionais da psicoloxía, dotadas cada unha delas con 2.000 euros. Na primeira, ademais do premio á reportaxe de Ana G. Liste, o xurado tamén quixo outorgar unha mención a unha entrevista da xornalista Selina Otero en Faro de Vigo a profesionais da Unidade de Prevención do Suicidio. Na categoría de comunicación, o xurado estimou o blog “Nunca es tarde para sentirse mejor”, da psicóloga Victoria Canosa, e tamén fixo unha mención especial á psicóloga Manuela del Palacio por unha entrevista na Radio Galega.
O xurado destacou a alta calidade das propostas presentadas, que foron un total de 21 traballos en distintos formatos e recollendo as distintas perspectivas da profesión publicados ao longo de 2021. Os Premios de Comunicación Xoán Vicente Viqueira son unha iniciativa coa que pretende recoñecer o labor divulgativo da Psicoloxía nos medios de comunicación social. A súa categoría xornalística valora a contribución de profesionais da comunicación á divulgación da Psicoloxía e da profesión na sociedade a través dos medios de comunicación, mentres que a categoría dirixida a profesionais da psicoloxía distingue a aquelas persoas colexiadas que colaboren de forma frecuente e continuada cos medios de comunicación co obxectivo de divulgar a profesión da Psicoloxía na sociedade, desde o rigor, a ética e a vocación de servizo público.
O xurado desta edición estivo presidido pola decana do Colexio de Psicoloxía, María Rosa Álvarez Prada, e constituído por Ángel Palomino, xerente de Brokers’88; Alejandra Fernández Rodríguez, vicesecretaria e coordinadora da Comisión para a Defensa da Profesión do colexio; José Manuel Oreiro Blanco, vogal de publicacións do colexio; Concepción Rodríguez Pérez, coordinadora da Comisión de Cultura do colexio; Moncho Paz, membro do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; e Eliana Martíns, responsable de Comunicación do colexio.
A entrega dos premios terá lugar o 20 de maio ás 18 horas no Pazo de Rianxiño, en Rianxo, no marco do acto Achegas da Psicoloxía, que organiza a corporación colexial desde 2009.