O ex-presidente racha a súa última ligazón coas institucións galegas tres meses despois do inicio da crise do PP que o levou a Madrid
O 19 de xuño de 2005 Alberto Núñez Feijóo foi elixido por primeira vez deputado do Parlamento de Galicia. Para daquela xa levaba dous anos e medio como conselleiro de Política Territorial no Goberno de Manuel Fraga, tras varios anos previos como alto cargo. Pero foi naquel momento cando por primeira vez foi elixido pola cidadanía galega para un posto de representación.
Este martes, case 17 anos despois, ese deputado elixido durante todo este tempo pola circunscrición electoral de Pontevedra renunciou á acta e ao tempo foi nomeado senador por designación do Parlamento de Galicia, o que como novo líder do PP estatal permitiralle confrontar na Cámara Alta co presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez. Como Manuel Fraga, Feijóo tamén será senador tras deixar a presidencia da Xunta, pero ao contrario que o seu antecesor el farao co apoio do PPdeG, que llo negou ao vilalbés en 2008.
Este martes Feijóo primeiro foi elixido senador co voto a favor de 41 dos deputados e deputadas do PPdeG e o voto en branco doutros 31 de BNG e PSdeG, e xusto despois renunciou á acta de deputado. Fíxoo aproveitando o primeiro pleno do Parlamento de Galicia tras deixar de ser presidente da Xunta o pasado sábado día 14, cando asumiu o cargo Alfonso Rueda. O deste martes foi tamén o primeiro pleno no que Rueda ocupou a cadeira reservada ao presidente da Xunta no hemiciclo, mentres que Feijóo sentou na segunda fila, na que habitualmente ocupa o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, xa recuperado do problema cardíaco que sufriu no debate de investidura e que tivo que desprazarse un posto.
A elección de Feijóo como senador produciuse no marco dos tres escanos que o Parlamento pode designar na Cámara Álta en función da poboación que ten Galicia, ademais dos catro senadores fixos por provincia que elixe a cidadanía nas eleccións xerais. Eses tres escanos por designación repártense de xeito proporcional entre os partidos con representación no Parlamento de Galicia, e o PP como formación maioritaria decidiu que os dous que ata agora ocupaban os populares Elena Muñoz, ex-conselleira de Facenda e ex-candidata en Vigo, e Juan Serrano, ex-alcalde de Portomarín, pasen agora a mans de Feijóo e o seu ex-número 2 no PPdeG, Miguel Tellado, tamén con novas responsabilidades no PP estatal.
O terceiro escano galego seguirá sendo ocupado polo socialista Xoaquín Fernández Leiceaga, designado en 2019, antes de que en 2020 o BNG se convertese na segunda forza no Parlamento de Galicia.
En 2008 o PP boicoteou o proceso de designación de senadores, entre eles Fraga, en protesta porque PSdeG e BNG quixesen para eles, grazas á súa nova maioría conxunta, un dos dous escanos que ata daquela tiñan os populares
A elección de Feijóo grazas ao apoio do PPdeG foi este martes menos traumática para o partido do que resultou a de Manuel Fraga en 2008 co boicot da súa propia formación e o voto a favor só de PSdeG e BNG. Fraga xa fora designado senador en 2006 co voto do seu partido, pero en 2008, ao ter que renovar as designacións galegas tras as eleccións xerais daquel ano, socialistas e nacionalistas decidiron impoñer a súa maioría conxunta.
Fronte aos dous escanos por designación que ata daquela copaba o PP por un do PSdeG, sen representación do BNG, pasouse a elixir un senador de cada partido. O PP, en protesta, boicoteou a elección e converteu os seus votos en nulos, o que supuxo que Fraga fose designado senador sen o apoio da súa propia formación liderada daquela xa por Feijóo.
Desta volta, a designación de Feijóo non foi tan polémica polo formalismo da elección como polas críticas que BNG e PSdeG lanzaron contra el e Tellado por considerar que non irán ao Senado a defender os intereses de Galicia senón a confrontar con Pedro Sánchez e como vía para que manteñan o aforamento e un soldo público, aforrando así cartos ao PP estatal. Ese foi o argumento que empregaron nos últimos días para este martes non votar por unanimidade a favor dos novos senadores, como habitualmente adoitan facer todos os grupos pero evitou o PP en 2008.
Aínda así, Feijóo asegurou este martes que “esta é a primeira vez que se racha esta costume parlamentaria”. Tamén defendeu que “que mellor que o xefe da oposición [estatal] poida ser senador por designación de Galicia”.
Malia seguir mantendo un posto de representación política por Galicia, Feijóo vén de revelar que está a censarse en Madrid, o que en todo caso suporalle perder a "condición política de galego", segundo o Estatuto
Remata así a marcha de Feijóo a Madrid, que se prolongou durante máis de tres meses, desde que o 17 de febreiro decidiu tomar partido en contra do anterior presidente do PP estatal, Pablo Casado, na crise interna que se viña de abrir coa presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso. A ela comunicoulle este sábado, no congreso do PP de Madrid, que antes mesmo de deixar de ser deputado galego xa estaba a censarse nesa cidade, na que quere volver a vivir por ser “un lugar próspero que ama a liberdade”. Ese feito suporalle perder a "condición política de galego", segundo Estatuto de Autonomía, o que non impedirá que sexa senador en representación de Galicia.