Este martes, 24 de maio, os votos do PP elixirán a Alberto Núñez Feijóo como senador por designación do Parlamento de Galicia. Xunto ao ex-presidente da Xunta tamén enviarán á Cámara Alta a Miguel Tellado, ex-secretario xeral do PPdeG e agora membro da dirección estatal do partido que encabeza o propio Feijóo. Substitúen á ex-conselleira Elena Muñoz -recolocada dende a pasada semana como secretaria xeral da Vicepresidencia Segunda da Xunta- e ao antigo alcalde de Portomarín, Juan Serrano. Ambos renunciaron para deixaren oco no Senado aos antigos números un e dous dos populares galegos.
"Estoume censando no Concello de Almeida", asegurou Feijóo no congreso do PP de Madrid, onde sinalou que "nos próximos días" a "presidenta do meu partido" será a xefa de filas da formación na comunidade autónoma madrileña
En vésperas desa elección, Feijóo acudiu aos congresos do seu partido en Madrid e Galicia, conclaves que fixeron oficiais os nomeamentos de Isabel Díaz Ayuso e de Alfonso Rueda como presidentes da formación en cadanseus territorios. Na clausura do congreso madrileño, o anterior titular da Xunta ironizou con que, "nos próximos días", a "presidenta do meu partido será a presidenta do Partido Popular de Madrid". A razón, engadiu, é que "me estou censando no Concello de [José Luis Martínez] Almeida", en referencia ao alcalde da capital de España. Durante a campaña interna como candidato único á remuda de Pablo Casado, Feijóo xa expresara o seu desexo de "volver vivir a Madrid".
Das verbas de Feijóo tírase que está a realizar os trámites para ser administrativamente veciño de Madrid, cidade na que residirá de agora en diante. Isto é que, que se está a empadroar no municipio madrileño -o censo é un traballo estatístico que fai o INE cada dez anos- e que deixará de ser oficialmente residente en Galicia nos mesmos días en que se formaliza súa designación como representante do Parlamento galego no Senado. Ata agora, Feijóo era deputado pola provincia de Pontevedra e nas sucesivas convocatorias votou presencialmente en Vigo, polo que cabe deducir que continuaba empadroado no concello vigués.
Que Feijóo pase a estar empadroado en Madrid non impide legalmente que sexa senador por Galicia, pero si implica que perde a "condición política de galego", segundo o Estatuto de Autonomía
Esta circunstancia, politicamente significativa, non supón ningún impedimento legal para que sexa designado senador. O artigo 10 do Estatuto de Autonomía fixa que entre as competencias do Parlamento está designar a representación da propia Cámara no Senado "de acordo co previsto" no artigo 69 da Constitución. Este precepto tampouco establece requisito ningún a respecto do lugar de residencia legal dos membros do Senado por designación autonómica.
Mentres, a lei de bases de réxime local si ordena, no seu artigo 15, que "toda persoa que viva en España está obrigada a inscribise no Padrón do municipio no que resida habitualmente". Este artigo engade que "quen viva en varios municipios "deberá empadroarse "no que habite durante máis tempo ao ano". Daquela, do punto de vista legal Feijóo ten vía libre para ser senador por Galicia empadroado en Madrid, rompendo así cunha dinámica política na que o habitual vén sendo que os senadores e senadoras por designación do Parlamento galego vivan en Galicia.
O que si perderá Feijóo con este trámite, non obstante, é a "condición política de galego". Segundo o estipulado no Estatuto de Autonomía (artigo 3), gozan dela "os cidadáns españois que, de acordo coas leis xerais do Estado, teñan veciñanza administrativa en calquera dos municipios de Galicia" ou "os cidadáns españois residentes no estranxeiro que tivesen a súa última veciñanza administrativa en Galicia" e así o acreditan. Se, como afirmou no congreso do PP madrileño, o xefe de filas do partido pasa a ser legalmente veciño de Madrid, comezará a exercer como senador sen vinculación legal ningunha con Galicia a efectos de veciñanza.
BNG e PSdeG amosan a convicción de que o ex-presidente non vai "representar os intereses" de Galicia no Senado e se limitará a tentar confrontar con Pedro Sánchez
Mentres isto sucede, os grupos da actual oposición parlamentaria galega veñen subliñando a súa convicción de que a elección de Feijóo e Tellado para o Senado é un "exemplo máis de como o PP utiliza as institucións públicas para poñelas ao servizo do partido", afirma Olalla Rodil, vicevoceira parlamentaria do BNG. "Os senadores e senadoras deben representar os intereses de galegos e galegas" e "dar voz a Galiza", pero "coa escolla de Feijóo e do seu fontaneiro político", censura, eses escanos van ser "altofalante do PP" e, ao tempo, van "aforrar un par de salarios" á dirección estatal dos conservadores.
Por parte do PSdeG o seu voceiro parlamentario, Luis Álvarez, constata igualmente que a remuda deses dous escanos tampouco contará co voto a prol do Grupo Socialista, toda vez que Feijóo non vai á Cámara Alta para pular polos "intereses de Galicia", senón para tentar "desgastar o presidente Sánchez e, de paso, facerlles as beiras á ultradereita de Vox". "Houbo presidentes galegos, como Fraga ou Laxe, que foron senadores por designación autonómica" tras deixar a Xunta e "non adulteraron en ningún momento o seu cargo nin se desviaron das súas funcións", pero "Feijóo non é coma eles, non lle interesa Galicia", sostén.
O PP defende que "todos os galegos" consideran a Feijóo "o seu mellor representante"
O PP, pola súa banda, di non dubidar de que Feijóo continuará "representando a Galicia", agora no Senado. "Quen mellor para defender o territorio galego que aquel que foi presidente de Galicia durante 13 anos?", pregúntase Paula Prado, nova secretaria xeral da formación e vicevoceira do Grupo Popular no Parlamento. Se ben "calquera galego podería ser designado", sinala, agora "contamos cun representante que ten un plus", porque "todos os galegos puideron votalo coma o seu representante en Galicia" nas eleccións de 2020, polo que cabe concluír, ao seu xuízo, que "todos os galegos o consideran o seu mellor representante".