Un congreso extraordinario de baixo perfil político faino este domingo líder do partido en Galicia cunha dirección na que ningún conselleiro ou conselleira ocupará ningunha vicesecretaría sectorial nin coordinación de área, como si ocorría coa directiva elexida por Feijóo hai menos dun ano
Máis de tres meses despois do inicio da crise do PP estatal que derivou nunha crise de goberno na Xunta e no descabezamento do PPdeG coa marcha a Madrid de Alberto Núñez Feijóo e os seus principais colaboradores no partido e o goberno galego, esta fin de semana a formación nomea en Pontevedra a súa nova dirección en Galicia, con Alfonso Rueda á fronte. Desvelada xa o xoves quen será a súa número 2, a secretaria xeral, Paula Prado, e cun congreso no que non hai debate político -as denominadas ponencias sectoriais-, o conclave planificouse cun perfil baixo, cunhas poucas horas de duración repartidas na tarde do sábado e a mañá do domingo.
A xornada do sábado tivo o seu punto relativamente culminante no discurso de Rueda, no que ademais de revelar o resto de nomes do seu equipo fixo un chamamento á “unidade e humildade” dos seus para seguir gañando eleccións e agradeceu especialmente a súa chegada á presidencia do PPdeG “aos tres presidentes provinciais”, Diego Calvo, Elena Candia e Manuel Baltar. “Moita xente pensaba que non iamos ser capaces e fomos capaces”, engadiu a continuación en referencia a eles catro, evidenciando que foron as negociacións entre entre os baróns provinciais as que lle dan a presidencia do partido.
Na súa intervención, o xa presidente da Xunta e desde este domingo tamén do PPdeG informou de que tras Paula Prado o seu equipo estará conformado por Pedro Rojo Otero, ata agora xefe de gabinete do presidente do Parlamento, como novo vicesecretario de Organización, en substitución do deputado Alberto Pazos Couñago.
O resto de vicesecretarías, nos que a metade das persoas se manteñen a respecto das que tiña a dirección previa de Feijóo, serán as seguintes: Política Local, José Manuel Rey Varela; Igualdade, Raquel Touriño Casal; Concellos Rurais, José Ángel Santos; Acción Electoral, Gabriel Alén; Familia, Alberto Pazos Couñago; Acción Sectorial, Olga Iglesias; e Participación, Marta Fernández Tapias. Saen polo tanto das vicesecretarías que ocupaban ata agora as conselleiras de Política Social e Medio Ambiente, Fabiola García e Ángeles Vázquez. Ningún conselleiro ou conselleira ocupará tampouco ningún dos postos inferiores de coordinación de área, o que supón unha mudanza significativa a respecto do que ocorría na última directiva de Feijóo, elexida hai menos dun ano, con varios en vicesecretarías ou postos de coordinación no partido.
Rueda pediu aos seus que non sexan "chulos" nin "soberbios" pero reclamoulles que "estamos para gobernar"
Á marxe de desvelar os nomes do seu equipo e de agradecementos múltiples, desde as persoas afiliadas de base ata o “insubstituíble” Feijóo, o discurso de Rueda estivo baleiro de propostas políticas. O novo líder do PPdeG comezou lembrando o seu nomeamento como secretario xeral hai 16 anos, “cando era máis difícil o que había que facer”, e pediu aos seus que non sexan “chulos” nin “soberbios”. Pero tamén insistiu en que o obxectivo do PPdeG é manter o poder onde o ten e gañar novas administracións nas eleccións locais. “Estamos para gobernar”, sentenciou.
Rueda chegou ao congreso galego deste sábado, decorado con temática xacobea e o lema “Galicia, o camiño a seguir”, tras pasar o venres polo congreso do PP madrileño que elixiu como a súa presidenta á tamén presidenta da comunidade, Isabel Díaz Ayuso. Alí defendeu unha suposta “política á galega”, consistente segundo dixo en “achegar, unir, mellorar e serenar” e, ao tempo, eloxiou a Díaz Ayuxo como “boa persoa”.
Este domingo intervirán no congreso os baróns provinciais por cuxo acordo Rueda se fai agora co control do partido
Será este domingo cando no congreso galego interveñan os baróns provinciais da Coruña, Lugo e Ourense, Diego Calvo, Elena Candia e Manuel Baltar, por cuxo acordo Rueda se fai agora co control do partido. Deles, Calvo, malia ser o máis reticente, é de momento o máis beneficiado, co seu nomeamento como vicepresidente da Xunta, polo que está por ver que reclamacións formulan ou contrapartidas reciben Candia e Baltar. Será tamén este domingo cando os arredor de 1.500 compromisarios voten a candidatura única de Rueda, que volverá intervir nun congreso que pechará Alberto Núñez Feijóo xa como presidente do PP estatal.