Feijóo pon ao novo PPdeG o obxectivo de mellorar nas municipais de dentro dun ano os malos resultados que tivo en 2019 con el á fronte, e di que Galicia “non será un problema para o conxunto do Estado”
Co 97,2% dos votos a favor dos compromisarios do partido que participaron no XVIII Congreso do PPdeG, este domingo quedou proclamado presidente da formación Alfonso Rueda. Sucede así a un Alberto Núñez Feijóo que asegurou que Rueda non terá a súa tutela pero ao que reclamou que Galicia non sexa “un problema” para “o conxunto do Estado” e que o partido obteña nas eleccións municipais do próximo ano mellores resultados que os que tivo en 2019 con el á fronte. Pola súa banda, o novo presidente estreouse secundando ao líder estatal cun discurso no que cargou contra o Goberno de España de Pedro Sánchez.
Rueda pechou o congreso popular cun discurso sen grandes novidades sobre as súas políticas para Galicia a respecto dos que deu durante a súa investidura ou toma de posesión como presidente da Xunta. Pero desta volta desde o atril do partido si deixou claro que vai secundar desde o Goberno galego o obxectivo de Feijóo de vencer a Sánchez. Do primeiro gabou novamente a súa traxectoria e herdanza, mentres que ao segundo acusouno tanto de poñer en perigo o Estado como de agraviar a Galicia.
Rueda insiste en que o PPdeG é “o partido que máis se parece a Galicia”, o que garante o coidado das persoas maiores e “a liberdade dos mozos e mozas”
Rueda tamén cargou no seu discurso contra a oposición galega, presentando o PSdeG como un partido que fai seguidismo de Sánchez e o BNG como unha formación radical. Fronte a eles, o novo presidente do PPdeG insistiu na idea de que o seu é “o partido que máis se parece a Galicia”, o que garante o coidado das persoas maiores e “a liberdade dos mozos e mozas”.
A intervención final de Rueda no Congreso estivo precedida pola do seu antecesor. Nun discurso no que desta volta, xa como líder estatal do partido, empregou máis o castelán que o galego, Feijóo parafraseou a Manuel Fraga cando este entregou o liderado do partido a José María Aznar: “Aquí non hai tutelas nin hai tutía, aquí hai un presidente do partido, un presidente da Xunta”, dixo.
Feijóo comezou pedindo desculpas por ser a súa marcha a Madrid a causa de ter que repetir un congreso do PPdeG menos dun ano despois do que se celebrou en xullo de 2021. O presidente estatal do partido asegurou que a súa sucesión na Xunta e o PPdeG foi “un relevo exemplar que estará nos libros da historia política de Galicia”. “Os partidos que non sobreviven a un líder carismático non son partidos, son movementos ou modas”, engadiu, ao tempo que asegurou que o PPdeG é “o partido de Galicia, o partido da terra”.
Pero malia asegurar que non vai tutelar o seu sucesor, Feijóo si lle puxo obxectivos, tanto na Xunta como no PPdeG. Na primeira asegurou que “Galicia non vai ser un problema para o conxunto do Estado”. No partido, o presidente estatal reclamou mellorar nas eleccións municipais de dentro dun ano os malos resultados que tivo en 2019 con el á fronte, cando a alcaldía con maior poboación que obtivo foi a de Arteixo e só retivo a Deputación de Ourense grazas a un bipartito con Jácome. Os próximos comicios locais, dixo, “teñen que saírnos mellor do que nos saíron en 2019”. Tamén reclamou ao partido unha quinta maioría absoluta consecutiva a nivel galego en 2024. Para iso reclamou aos seus “unidade e traballo” porque “cando perdemos a unión, o servizo e a confianza vainos mal”.
Malia ser o último barón en amosar o seu apoio a Rueda, Calvo asegurou que a sucesión “serve de exemplo para moita xente", mentres que Baltar e Candia fixeron ver o peso electoral dos seus concellos
Antes das intervencións de Rueda e Feijóo, a segunda e derradeira xornada do congreso do PPdeG abrírona este domingo os tres baróns provinciais do PPdeG por cuxo acordo o pontevedrés chega á presidencia e aos que amosou o seu especial agradecemento tanto o sábado como novamente este domingo. Os presidentes do partido na Coruña, Lugo e Ourense, Diego Calvo, Elena Candia e Manuel Baltar, fixeron ver nas súas intervencións o seu respectivo peso e influencia na elección de Rueda.
Calvo, o que máis tempo tardou en amosar o seu apoio público ao novo presidente, condicionando así o proceso sucesorio de Feijóo tanto na Xunta como no partido, asegurou que o que agora remata foi “un modelo de transición que sirve de exemplo para moita xente”. “Estamos para resolver os problemas dos cidadáns, non vimos a crear problemas”, asegurou, antes de agradecer a Rueda, que o nomeou vicepresidente da Xunta, “por contar con todos”.
Pola súa banda, tanto Candia como Baltar reivindicaron o peso do partido nos concellos das súas respectivas provincias como un dos sustentos da súa fortaleza electoral. O líder ourensán reivindicou a política municipal como “a verdadeira arma para conseguir a quinta maioría absoluta consecutiva en Galicia”. Pola súa banda, sobre o proceso sucesorio, Candia dixo que “moitos esperaban que saíra mal”, pero asegurou que “soubemos facer as cousas ben”.