O pasado 24 de maio, o Parlamento elixiu o ex-presidente Alberto Núñez Feijóo como senador en representación do Parlamento de Galicia cos votos a prol do PP. Inmediatamente despois, dimitiu como deputado poñendo fin a 17 anos como membro da Cámara galega e a algo máis de 19 dende que, en plena crise do Prestige, fora inserido no Executivo de Manuel Fraga como remuda de Xosé Cuíña.
Feijóo rachaba así a súa última ligazón directa coas institucións galegas. Ao tempo, está a piques de perder a "condición política de galego" en termos estatutarios toda vez que, segundo revelou, disponse a empadroarse na cidade de Madrid, onde fixou a súa residencia habitual como líder estatal do PP.
Con este pano de fondo, nese mesmo 24 de maio sorprendeu nalgúns ámbitos políticos e mediáticos -tamén nas redes sociais- a presenza e, sobre todo, o protagonismo do ex-presidente en dous actos oficiais celebrados en Vigo na mesma xornada, ambos encabezados polo rei e con presenza do presidente da Xunta. Tanto na inauguración da remodelación do antigo hospital xeral como Cidade da Xustiza como na apertura da feira Navalia, Feijóo figurou nos primeiros postos das fotos e comitivas oficias. Mesmo houbo quen apreciou certa competencia en termos de imaxe do equipo do ex-presidente co do actual á hora de difundir esas fotografías.
Unha norma estatal de 1983 outorga un lugar preeminente ao líder do primeiro partido da oposición do Congreso nos actos oficiais e un decreto ditado polo Goberno galego en 2007 sitúa os ex-presidentes nestes eventos "no lugar inmediatamente posterior aos titulares dos departamentos da Xunta"
Alén da eventual intención política desa presenza do líder do PP en actos institucionais para manter unha imaxe presidencial e das interpretacións que esa suscite, o certo é que hai cando menos dúas normas que lle permiten saír na foto. Unha é un Real Decreto ditado polo Goberno de Felipe González en 1983 e un decreto da Xunta aprobado en 2007, en tempos do Executivo de coalición PSdeG-BNG, para desenvolver unha lei do mesmo 1983.
O decreto de 1983 é o que regulou o "ordenamento xeral de precedencias no Estado". Esa norma fixa que, nos actos institucionais fóra da cidade de Madrid, á figura denominada "xefe da oposición" -entendido como líder do primeiro grupo da oposición no Estado, neste caso o PP- lle corresponde a décimo sexta posición por protocolo á hora de, por exemplo, formar nunha fotografía dun evento oficial. Ao presidente da Xunta correspóndelle a undécima posición -tras os representantes dos principais poderes do Estado, se están presentes- e entre ambos estarían os ministros e ministras, representantes da diplomacia internacional, ex-presidentes do Goberno de España e presidentes ou presidentas doutras autonomías, se os houber.
Se o acto é organizado polo propio Goberno galego, como sucedeu coa inauguración da Cidade da Xustiza de Vigo, cómpre ter en conta a lei da Xunta e da súa Presidencia (1983). Tamén o decreto polo que se establecen as percepcións, medios e recursos asignados e precedencias que lles correspondan ás ex-presidentas e ex-presidentes da Xunta (2007). Ese mesmo decreto tamén daría dereito a Feijóo a diversas prestacións económicas e materiais como ex-presidente, pero son incompatibles co seu novo cargo de senador.
No devandito decreto de 2007 fixouse que "a orde de precedencia individual" dos ex-presidentes da Xunta, "nos actos oficiais organizados pola comunidade autónoma dentro do seu territorio, sexa no lugar inmediatamente posterior aos titulares dos departamentos da Xunta". Daquela, esta norma e o Real Decreto de 1983 dan encaixe á presenza de Feijóo nos lugares preeminentes que ocupou nalgunhas das instantáneas de ambos actos en Vigo onde, non obstante, si tivo que manterse nun segundo plano cando, por exemplo, Rueda acudiu a recibir o xefe do Estado.