En ocasións, a vehemencia vai acompañada de onda expansiva. Algo así semella ser o que lle aconteceu ao presidente da Xunta á hora de defender, o pasado luns, a limpeza e transparencia das súas viaxes oficiais. Despois de anunciar un periplo por Sudamérica que espertou máis dunha suspicacia por chegar no medio de intensos ruxerruxes de adianto electoral, Alberto Núñez Feijóo tentou zanxar a polémica cunha afirmación categórica. "Son o primeiro presidente de Galicia que, cando vai dar algún mitin ou a algunha actividade política, a Xunta non financia un euro da miña viaxe", sentenciou, dando lugar a deducir, polo tanto, que os seus antecesores, os socialistas Emilio Pérez Touriño e Fernando González Laxe, pero tamén os conservadores Gerardo Fernández Albor e Manuel Fraga, facían diluír a liña entre partido e Goberno cando se trataba de facer actividade partidaria fóra das lindes de Galicia.
Feijóo asegurou ser "o primeiro presidente que, cando vai dar un mitin, a Xunta non financia un euro da miña viaxe"
"Se algunha vez viaxei en campaña electoral foi pagando con fondos do Partido Popular e, por suposto, sempre seguirá sendo así", abondou o presidente, nunha aseveración que xa atopou eco nas filas da oposición, nomeadamente, nas do PSdeG. Despois dunha lexislatura na que o Executivo decidiu rachar co costume instaurado por Touriño de acudir ao Parlamento cada vez que realizaba unha viaxe institucional ao exterior, o secretario de organización dos socialistas, Pablo García, amósase convencido de que "do único que pode presumir" Feijóo "é de ser o primeiro presidente que oculta as súas viaxes ao control" da Cámara.
Por este motivo, o tamén senador ve imprescindible non só que o presidente "se desdiga das súas palabras", senón tamén que lles "pida desculpas aos seus antecesores no cargo, tanto aos do PP como aos do PSdeG", entre outros motivos porque "como sucede máis a miúdo do que nos gustaría, son falsas, e porque fan un dano institucional totalmente gratuíto", efecto "que non é maior grazas á mesura e sabio proceder" de Albor, Laxe e Touriño, que ao seren cuestionados pola prensa en torno ás palabras de Feijóo decidiron non abondar en exceso na polémica.
Para García as palabras de Feijóo teñen a súa orixe nas "ansias incontrolables" do líder popular por "ser o primeiro" pero, na súa opinión, só logra ser "campión do paro, dos recortes e da paralización económica", tamén é "o primeiro presidente que non dubida en recorrer á ocultación e á mentira para disfrazar o seu fracaso como gobernante", asegura. En calquera caso, lamenta, o titular da Xunta "non recolleu o facho de Pérez Touriño", que "rendeu contas de todas e cada unha das súas viaxes" no Parlamento, cunha "escupulosa separación das viaxes institucionais do período electoral.
Neste contexto, o número dous dos socialistas galegos coida que, ademais de desculparse, Feijóo debe aproveitar para "explicar os motivos da xira por Sudamérica" en canto regrese e facelo cunha descrición ante o Parlamento dos "obxectivos logrados". Ademais, ao seu xuízo, ese desprazamento "debera ser unha mostra de que non haberá adianto electoral, senón el mesmo queda retratado", conclúe".