O PP recupera o plan de Touriño para "institucionalizar a figura do xefe da oposición"

Feijóo, con Touriño durante o traspaso de poderes de 2009 CC-BY-SA Vieiros

En agosto de 2006 o daquela presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, lanzaba, nunha das habituais entrevistas que os líderes políticos adoitan protagonizar durante o verán, o seu proxecto para institucionalizar a figura do "xefe da oposición", isto é, darlle un rango institucional determinado á persoa que lidere o grupo máis numeroso de entre os que sentan no Parlamento pero non sustentan o goberno. Nun momento no que o Goberno de coalición entre PSdeG e BNG optara pola política de "non erguer alfombras" tras os 16 anos de mandato de Manuel Fraga, o entón líder socialista consideraba que "o referente da oposición debe ter un tratamento como tal" para, por exemplo, ter un lugar preferente nos actos institucionais ou mellorar os seus "recursos para moverse polo país".

Seis anos de formular unha iniciativa que, a priori, semella ter máis encaixe en réximes presidencialistas ou netamente bipartidistas -a oposición adoita estar formada por máis dun partido-, o PPdeG vén de retomar o proxecto que Touriño nunca chegou a realizar. Os conservadores fano a través do programa electoral co que concorren ás eleccións do 21 de outubro, nomeadamente dentro do apartado dedicado ao Parlamento, no que se alternan promesas habituais, como a de "reforzar a centralidade" do lexislativo galego "no sistema institucional" con outras como esta reedición do plan do ex presidente. Se reeditan a súa maioría, os populares propóñense "institucionalizar a figura do xefe da oposición", para así "recoñecer a súa importancia representativa" e "fomentar a relación fluída entre o Goberno e a oposición".

O PP inclúe no seu programa o recorte do Parlamento que daría máis peso electoral a Lugo e Ourense

Á marxe desta proposta, que o PP non concreta no referido ás prerrogativas que tería a persoa á fronte do grupo maioritario da oposición nin ao tratamento que terían os demais grupos, o programa inclúe tamén outra das intencións máis controvertidas de Feijóo nos últimos tempos, a redución do Parlamento. Malia asegurar que a súa intención é "dinamizar" a vida parlamentaria, volven apostar por "reducir o número de deputados a 61" sen modificar outros criterios como o mínimo de escanos por provincia, incrementando, polo tanto, o peso electoral de Lugo e Ourense en detrimento da Coruña e Pontevedra. Con esta e outras medidas, din, a "austeridade" continuará a "impregnar" o Parlamento.

Do mesmo xeito, entre os compromisos en materia parlamentaria os populares inclúen tamén "habilitar os mecanismos necesarios para que o Parlamento informe das persoas elixidas para ocupar postos nos órganos sobre os que a Cámara conta con capacidade de decisión". Este proxecto, co que, din, procuran "garantir a elección de persoas solventes profesionalmente e independentes no seu criterio de actuación" vén reiterar, en esencia, o precepto xa vixente dende 2006 en virtude do artigo 16 da Lei de Transparencia. Nesa norma o Executivo bipartito estableceu que as persoas que opten a dirixir a CRTVG, o Consello Económico e Social ou o Consello da Cultura, entre outros, deben "comparecer ante a comisión correspondente da Cámara" para seren avaliadas nela.

Feijóo, con Touriño durante o traspaso de poderes de 2009 CC-BY-SA Vieiros

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.