O presidente salienta a remodelación do antigo hospital xeral, iniciada hai catro anos, nun acto ante empresarios no que reclamou ao Goberno de España “máis axilidade” e mellor xestión dos fondos europeos
O presidente Feijóo participou este mércores na sede do Círculo de Empresarios de Galicia en Vigo nun coloquio baixo o título Un Vigo aberto nunha Galicia mellor. Alí o titular da Xunta centrou a súa intervención, segundo o propio Goberno galego, en criticar a xestión dos fondos europeos por parte do Goberno de España, ao que reclamou “máis axilidade”.
No apartado dedicado a Vigo, como indicaba o título do coloquio, a Xunta salientou como primeiro gran anuncio do presidente que “a finais do vindeiro mes de marzo rematarán as obras da Cidade da Xustiza, tras un investimento de 43 millóns de euros”. Iso supón que a remodelación do edificio emblemático que acollía xunto á Praza de España o antigo Hospital Xeral estará rematada no dobre de tempo do previsto e os traballos requiriron un 58% máis do calculado inicialmente.
Tras a inauguración en 2015 do novo Hospital Álvaro Cunqueiro, as obras de rehabilitación do antigo Hospital Xeral foron licitadas en novembro de 2017 por un importe total (IVE incluído) de 28,5 millóns de euros e adxudicadas en abril de 2018 á construtora San José, que rebaixou a 27,2 millóns o orzamento necesario para as obras.
A pasada semana xuíces de Vigo e da Coruña criticaron ao Goberno galego por non mellorar o servizo da administarción de xustiza nesas cidades malia existir orzamento estatal para facelo
A Xunta fixárase un prazo máximo de execución de 21 meses, pero un ano despois da adxudicación o vicepresidente primeiro e responsable de Xustiza no Goberno galego, Alfonso Rueda, anunciaba que os traballos custarían algo máis de 40 millóns “tras constatar a existencia de notables deficiencias nas construcións auxiliares que obrigarán a demolelas e construílas de novo”. Un problema que ía supoñer unha demora de medio ano no prazo previsto, cuxo remate resituou no verán de 2020.
Agora o anuncio de Feijóo do remate das obras e do investimento nelas de 43 millóns de euros chega despois de que a pasada semana xuíces de Vigo e da Coruña criticasen ao Goberno galego por non mellorar o servizo de gardas, e a atención á cidadanía que iso supón, malia existir orzamento estatal para facelo.