A Asociación galega de familias de acollida (Acougo) quere achegar á poboación os beneficios que ten para as nenas e nenos protexidos pola Administración o feito de non romper os vínculos coa súa orixe e permanecer ao coidado doutras persoas, sen entrar nun centro residencial
“Non somos heroes, non temos capa. Simplemente temos conciencia da corresponsabilidade social. Non podemos non velo”, asegura Rebeca Pereira, presidenta da Asociación galega de familias de acollida (Acougo). O colectivo ten marcado un obxectivo: a difusión do acollemento familiar (en familia allea) como a mellor alternativa para os menores que entran no sistema de protección infantil por diversos motivos que derivan en que non haxa ninguén da súa contorna que os poida coidar.
Nesta semana, na que se celebrou o Día Mundal do Acollemento Familiar, Acougo presentou unha campaña realizada pola Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) na que se aportan testemuñas sobre a experiencia da acollida en todas as súas formas. “Non todo o mundo pode acoller, pero si pode axudar con voluntariado ou mesmo coa difusión desta alternativa aos centros residenciais que non rompe os lazos dos nenos e nenas coas súas orixes”, defende Pereira.
“A lei di que o acollemento familiar é a mellor medida do sistema de protección de menores, por diante das alternativas residenciais e da adopción. É a fórmula que lle dá mellor resposta ás necesidades dos nenos e nenas”, salienta Carmen Dourado, traballadora social e coordinadora de Acougo, que tamén se remonta aos acordos asinados na Convención sobre os dereitos do neno de Nacións Unidas en 1989 e á Carta europea de dereitos do neno aprobada pola Unión Europea en 1992. “Porén, a realidade é que a maior parte dos nenos e nenas que entran no sistema de protección están en acollemento residencial. E a media de anos que pasan nestes centros é de sete anos e medio. É dicir, que temos crianzas institucionalizadas toda a súa infancia”, critica.
“En Galicia o acollemento familiar en familia allea está xestionado por Cruz Vermella. Tanto a Xunta –que é a Administración competente– como esta ONG deberan dar apoio e acompañamento ás familias que se deciden a acoller. Pero a realidade, ademais da saturación absoluta que teñen e da ratio inasumible de nenos e nenas por técnico, é que non podemos esquecer que son organismos de control. Dedícanse a avaliar constantemente a capacidade das familias e como se van executando as medidas adoptadas. Entón, para as familias acolledoras produce máis medo que outra cousa. Sénteste un pouco desprotexido, pois cando tes uns nenos tutelados pola Adminsitración que precisan algo que é a propia Administración a que non llo está facilitando, tes que enfrontarte ao sistema polo ben dos menores que tes ao teu cargo nese momento. Isto pasa con cousas tan habituais como solicitar un título de familia numerosa ou para unha avaliación de discapacidade. Quedaban moitas cousas no aire, por iso comezamos con Acougo”, debulla Carmen Dourado.
“Está demostrado que reforzar os vínculos coa nai e o pai biolóxicos é mellor para a saúde mental e o desenvolvemento das nenas e nenos”
Hai uns cinco anos, unha persoa atopou un bebé nun colector do lixo en pleno centro de Ourense. Ese acontecemento –conta Rebeca Pereira– tan próximo ao seu lugar de residencia e tendo ela unha nena case acabada de nacer, foi o que a levou a informarse sobre o acollemento. “Pensei en que ía pasar con ese bebé e en que nós poderíamos axudalo”, lembra. Despois de superar o proceso de idoneidade, pronto contactaron con ela desde Cruz Vermella para acoller dous irmáns, unha nena de 6 e un neno de 3 anos. Tres anos despois, esta acollida temporal xa está considerada como permanente.
“Pero eles teñen a súa mamá e o seu papá. Teñen unha relación moi boa con eles e cos seus outros irmáns, que agora están noutro acollemento. E tamén teñen moita relación coas dúas avoas, materna e paterna”, explica Rebeca, que xa tiña tres fillas biolóxicas cando os acolleu e que, neste momento, tamén ten na casa un bebé polo procedemento de acollida de urxencia. “Cando se consegue ter unha boa relación coa familia biolóxica vai todo mellor, está demostrado que reforzar os vínculos coa nai e o pai biolóxicos –se eles o poden asumir– é mellor para a saúde mental e o desenvolvemento das nenas e nenos. O importante é que sexa todo moi natural para as crianzas, facerllo vivir en positivo. Eu sempre lles digo que son afortunados porque teñen moitas persoas no seu bote de amor”, conta Rebeca Pereira.
“Hai moito máis interese na adopción para que os nenos e nenas pasen a ser 'nosos' e leven os nosos apelidos. E isto non é atender as necesidades das crianzas, é atender as necesidades das persoas adultas”
Para Carmen Dourado unha das razóns que explican que nestes anos non se teña popularizado a cuestión do acollemento é que habitamos un mundo “adultocéntrico” que ten a propiedade moi presente: “Galicia é un pobo moi solidario, pero ten moi arraigada a idea da propiedade, e isto tamén ten relación coas crianzas. Hai moito máis interese na adopción para que os nenos e nenas pasen a ser 'nosos' e leven os nosos apelidos. E isto non é atender as necesidades das crianzas, é atender as necesidades das persoas adultas. Hai tantos intereses e tantos conflitos que a medida do acollemento familiar quedou atascada. Pero penso que estamos nun momento histórico e que cada vez imos falar máis disto, porque desde a UE están a incidir no tema xa que os problemas que dá a institucionalización despois son insostibles para a sociedade”.
Os últimos datos dispoñibles son os do ano 2020, en plena pandemia, polo que desde Acougo collen estas cifras con cautela. A Consellería de Política Social traslada que en 2020 en Galicia había 1.358 menores en acollida e 1.213 estaban en centros residenciais do sistema de protección. Aínda que a propia Consellería tamén indica que nese ano había, entre prazas públicas e concertadas, 849 prazas residenciais dispoñibles.
O acollemento en familia extensa –que se refire a unha persoa cun vínculo familiar coa nena ou neno que non sexan os seus proxenitores– é a primeira opción á que se recorre cando a Administración se ten que encargar dun menor e supón a maior parte dos casos, pois dos 1.359 menores en acollida 1.083 ficaron con alguén da súa familia e 276 foron acollidos por outras persoas, que pasaron o proceso de idoneidade para estar nas listas de acolledores –en familia allea–. Segundo os datos de Política Social, en 2020 había 238 familias galegas nesa lista preparadas para acoller un neno ou nena.
Acougo traballa nun proxecto para que a xente acolla durante o curso escolar a adolescentes que viven en centros
Coa intención de sacar aos adolescentes dos centros do sistema de protección, en Acougo traballan nun proxecto –'Un curso en familia'– que busca familias de acollida para estes menores durante o curso escolar. “Para que estean apoiados e que alguén estea enriba dos seus estudos. Para sacalos aínda que sexa durante un curso do centro e que teñan outra experiencia, pois é moi triste cando escoitas a un adolescente dicir que xa sabe que non o van adoptar e terá que estar ata os 18 anos no centro”, apunta Rebeca Pereira.
“O sistema de protección á infancia está obsoleto”, asevera Carmen Dourado ao considerar que “funciona da mesma maneira desde hai 30 anos” e as circunstancias mudaron moito. “Hai que cambiar mentalidades e que iso se vexa reflexado nas normas, queremos poder reunirnos cos técnicos e técnicas da Administración para axudar”, defende a coordinadora de Acougo, que xa leva dez anos como familia acolledora. “Polo menos, queremos que a xente coñeza as opcións que hai para acoller”, destaca.